xoves, 11 de decembro de 2014

LIBROS PARA USO TURÍSTICO




Por Pepe de Rocaforte

            Hai dous ou tres meses, a raíz de ver un artigo onde se falaba da importancia dun libro á hora de animar ó visitante a coñecer unha cidade, ocorríaseme a idea de aproveitar textos de autores galegos, referidos a localidades galegas, para editar libros de non moita extensión e ofrecelos a un módico prezo ós turistas para lle facilitar unha visión atractiva sobre feitos, anécdotas e historias locais.
            Citaba daquela Corcubión e algúns dos relatos recollidos por Francisco Ramón Ballesteros, particularmente en “Fantasías y realidades de la Costa da la Muerte”, “Historias del Más Allá” e “Oscurantismo finisterrano”.*
            Hoxe vólveme a idea á cabeza diante dun libriño, “En Betanzos”, de Alfredo Erias, unha pequena xoia, nunha edición chea de encanto publicada por Biblos no pasado 2013. Nel, con ilustracións do autor, ofrécense breves e claras descricións da cidade betanceira: “Portas e murallas”, “Igrexa de San Francisco”, “Igrexa de Santa María do Azougue”, “Praza do Campo”, “Barrio da Ribeira”, “Museo das Mariñas”, “Os irmáns García Naveira e o Pasatempo”… cunha visión chea de amor polo propio e tentadora (creo eu) para o visitante.
            Para A Coruña poderíanse entresacar algunhas pasaxes dun libro de Julio Rodríguez Yordi, hoxe de acceso pouco doado, “Cristal y sonrisa”, con todas as salvedades que se lle queiran facer ó total do texto. Rodríguez Yordi, fillo do en tempos presidente da Academia Galega, Eladio Rodríguez González (ó parecer significado ultra-dereitista),foi tamén académico e bo exemplo dese señoritismo coruñés que tanto contribuíu a dar unha imaxe negativa da cidade frente ó resto de Galicia.
Non vou xulgar a calidade da súa obra, á que a pesar dun estilo ampuloso e rimbombante non se lle pode negar certo humor lixeiro que fai máis atractiva a lectura. Para dar unha idea dese estilo reproduzo o inicio do capítulo titulado “El primer coruñés”: Salía la tierra de los profundos senos del mar entre alborotadas olas que restallaban como si las rocas que emergían acá y acullá quisiesen volver a los antros abisales. Nacía la geología entre un caos de fragor y espumas verdosas. El atormentado planeta se resquebrajaba con dolores de parto de continentes. El agua, el principio de todo, de la que todo viene y a la que todo retorna, al decir de Tales de Mileto, expulsaba violentamente grandes masas de piedra chorreante que de nuevo pretendía engullir… Etcétera etcétera. E todo eso para facer emerxer do seo do océano a marabillosa cidade da Coruña.
            En fin, como contrapartida podería citar outras partes menos grandilocuentes. A min particularmente gustoume o relato da viaxe dun guía e un seu compañeiro coxo cun grupo de turistas que queren ver o escenario da batalla de Elviña. Cando van (andando) polos Catro Camiños empeza a chover e o coxo dille ó colega: “Dálle aquí a batalla, ho”. O guía debátese entre o temor á molladura e o sentido do deber, pero chegando a Monelos, como a chuvascada arreciase, deixouse convencer pola insistencia do coxo e “deulle” alí a batalla ós turistas británicos.
            Remato esta brevísima mostra de “literatura turística” citando a que considero mellor obra do xénero en Galicia (das por min coñecidas). Refírome a “El Orense perdurable”, de Vicente Risco, con ilustracións de José Conde Corbal. Uns breves textos impagables, como case todo o saído da pluma do escritor ourensán, onde nos fala dalgúns dos moitos atractivos lugares da cidade das Burgas.





Cidades literarias

Ningún comentario:

Publicar un comentario