xoves, 18 de decembro de 2014

SOLPORES TURÍSTICOS




Por Pepe de Rocaforte

           Repasando un dos libros citados no meu comentario anterior, “Cristal y sonrisa”, encontrei este texto: En las tardes de principio de otoño cuando el sol se recuesta sobre la falda del Monte de San Pedro como un chico rubicundo que se acogiese al regazo de su madre para cerrar los ojos, la Coraza ofrece una de las mayores bellezas que puede brindar La Coruña. Todo el mar que se extiende a la derecha es un campo de nevadas espumas movedizas, pero los rayos del poniente trasmutan ese campo en una paleta de pintor sublime. Pueden verse … las tonalidades más variadas … verdes sucios … amarillos flavos y rútilos … ámbares y trigos; azules de índigo o de turquesa ..violetas y anaranjados en la extensión marina en perenne mutación.

            A descrición abrumadoramente colorida deses marabillosos solpores coruñeses tróuxome á memoria outros de Croacia, os de Zádar, a antiga Zara da época veneciana, reputados como “os máis fermosos de todo o mundo” segundo a autorizada opinión de don Alfredo Hichcock, opinión inmediatamente asumida sen vacilacións polos naturais do lugar.
            Pero os de Zádar non se conformaron cos solpores a pau seco. Desexosos de mellorar a obra da natureza, construíron unha maxestosa e extensa escalinata de mármore en descenso ó Adriático, lembradora en certa medida do Cais das Colunas lisboeta.  E non parou aí a cousa. O arquitecto local Nicola Basic ideou un instrumento musical a base dunha serie de tubos instalados por debaixo do lousado con buratos de saída ós chanzos da escalinata que se interna no mar. O vento e o movemento das ondas ó se introducir polos buratos fanlle emitir uns sons melodiosos. O invento chámase “O Órgano do Mar”.
      
      ¿Quedarían satisfeitos os zadareños? Pois aínda non. Na explanada desde onde se poden ver e oír estes portentos, procederon a instalar no chao unha reste de paneis solares que acumulan enerxía durante o día e ó chegar a noite, unha vez rematado o espectáculo do solpor, proxectan curiosos xogos de luces que se modifican ó pisar sobre eles.
            Os croatas, dispostos a se converter por todos os medios en potencia turística, non lle poderán disputar a España o predominio en praias de area (eles case non as teñen), pero a base de enxeño están a conseguir que a cada paso se achegue máis xente por Zádar, Split, Plitvice, Dubrovnik e outras localidades, a contemplar as marabillas conxuntas de natureza e industria humana no país dos Balcáns.

Ningún comentario:

Publicar un comentario