xoves, 4 de decembro de 2014

MONDARIZ



Por Pepe de Rocaforte
            Nestes días pasados lin na prensa que o Balneario de Mondariz entrou en concurso de acredores ó non poder afrontar a débeda cos bancos. A noticia tróuxome á memoria o “Veraneo sentimental”, de Azorín, onde conta a súa estancia no balneario en 1904. A lectura dese libro e a noticia do incendio que destruíra as instalacións no 1973 levoume a visitalo por primeira vez a fins dos anos setenta.
            Entón fiquei pampo ante a desolación da fachada do edificio central, co ceu á vista a través dos balcóns baldeiros. E non me resisto a reproducir parte do texto escrito daquela por min.
            …O casino, que nunca se chegou rematar, mostra a través das fiestras o avance da vexetación no interior. As paredes cúbrense de hedra e xaramago e por partes empézanse a derrubar. Así e todo no xardín do balneario, e na fonte, é doado evocar as señoras de polisón e grandes pamelas brancas, cos seus quitasoles levados con languidez sobre o ombro.
            A señora María, con quen converso nun banco do xardín, fálame de cando era nena e viña con outros rapaces a esperar a chegada daquela xente “de cuna” que ó baixar dos seus coches de cabalos lle repartía terróns de azucre e carameliños de a patacón.
            -Aquel señorío era cousa de ver, ó balneario non viña calquera, ata tiñan banda de música propia e polo verao traían unha orquestra de Francia. Os auguistas dos outros hoteis e fondas non podían entrar nin sequera ós xardíns. Despois da guerra a orquestra francesa non volveu tocar e os veraneantes que non paraban nel xa podían entrar ós xardíns –nada máis ós xardíns-. Os españois deixaron de vir case por completo e empezaron a chegar máis portugueses. Agora, desde o incendio, non vén case ninguén, a non ser os portugueses. Non sabes ti a de xente que tiña traballo aquí gracias ó balneario. Polo menos unhas oitenta persoas, todas destes arredores.

            Azorín, no seu libro, describe así o lugar: ...Ante nosotros se abre un soberbio palacio versallesco, de recios muros de sillares grisáceos, elegante, armonioso, con largas filas de balcones simétricos, con lucernas misteriosas, con una techumbre de pizarra brillante, que forma un maravilloso concierto en el blanco opaco de las paredes y destaca sobre el verde sombrío de las colinas… E prosegue referindo, cun suave ton humorístico, a súa estancia e a súa relación cos cerimoniosos auguistas: En Mondariz no hay más que portugueses. Todos son mis amigos; todos son discretos, afables y cultísimos.
            Mondariz recobrou a fins deste último século boa parte do vello esplendor. Pero os tempos xa non son os da Belle Époque, a primeira Guerra Mundial acabou cos longos veraneos das clases acomodadas da época en toda Europa e o luxo tranquilo dos balnearios non atrae agora a xente adiñeirada. A Mondariz, se non se lle pon remedio, volverá o paro, coma naqueloutros tempos de que me falaba a señora María hai máis de trinta anos.
            Por outra parte, aínda que pareza non vir a conto, tamén vexo como o ano pasado en Canarias, a pesar de incrementarse o número de turistas nun millón, o paro durante o mesmo período medrou en vez de diminuír. O que me fai lembrar outra noticia, esta referida a Alicante, onde hai cousa de quince anos a renda per cápita máis baixa da provincia correspondía ó concello de Benidorm. ¿Logo a quen beneficiará de verdade o turismo?

Ningún comentario:

Publicar un comentario