Onte pola noite
souben por unha rede social virtual que Galiza estaba ardendo. Souben tamén que
a radio e a televisión públicas seguían coa súa programación habitual mentres o
país ardía e a poboación saía ao monte e ás rúas para aplacar o lume. Portugal,
onde os incendios levan unha centena de vítimas no que vai de verán, mandaba
máis axuda que o Estado Español.
Probablemente, nun
futuro próximo, a noite do quince de outubro de 2017 apareza na Wikipedia como
a “noite negra da Galiza” ou calquera outro nome que recolla a magnitude do que
vivimos.
A un mes de
cumprírense quince anos do desastre do Prestige, asistimos á confirmación de
que a situación do noso país variou bastante pouco: outra vez a falta de
medios, outra vez é a xente quen mira pola súa terra: polos seus montes, polos
seus animais, polas súas casas mesmo nunha cidade como Vigo, de 300000
habitantes. Outra vez asumindo como propia a frase peronista que afirma que “só
o pobo salvará ao pobo”.
Outra vez o lema
“Nunca Máis”, que se berrará coa mesma raiba pero supoño que con menos
convencemento, porque a mesma sentenza repetiuse xa varias veces máis: case
cada verán cambiamos o fondo negro do petróleo polo alaranxado e granate das
chamas. Sempre hai unha vez máis e esta é unha auténtica catástrofe que
implica, ademais das hectáreas queimadas, catro vidas: dúas mulleres e dous
homes atrapados polo lume mentres traballaban para extinguilo. Un deles
procuraba, cos seus coñecementos e medios, paliar o lume no seu fogar e salvar
aos animais. Só. As mulleres calcinadas nunha furgoneta, tamén soas. Galiza,
completamente soa, contando só consigo mesma, coas mulleres e cos homes que
saen ás rúas sen estado para salvar o seu país.
Pode ser correcto
agardar a atallar a situación de emerxencia antes de sinalar ás políticas. Pero
é realmente difícil adiar o debate cando fai só catro días contabamos 235
incendios rexistrados no mes de outubro e asistíamos estupefactas á non
renovación do contrato de máis de 300 brigadistas. Nunca tantos recursos se investiran
contra os incendios nun mes de outubro, di o presidente. Pero é que nunca nos
últimos vinte anos ardera tanto Galiza en outubro. Pouco pode facer a Xunta de
Galicia contra o cambio climático, mais pode, e debe, adoptar unha política
forestal que procure a recuperación da vexetación autóctona, que cando menos
non pareza deseñada para favorecer á industria da celulosa. Que dunha vez por
todas sexa certo: “Nunca Máis”, esta vez en serio.
Adelaida Vidal
Eu pasei esta mañán polo concello das Neves e foron quilómetros e quilómetros de terreo queimado. Salvadas casas e construcións anexas o resto está queimado: montes, viñas, prados, eidos cos frutais.
ResponderEliminarUnha paisaxe apocalíptica sen esaxerar.