A miña narrativa do día un
de outubro comeza no saco de durmir dun colexio electoral. Unhas sesenta
persoas pasamos a noite dentro para asegurar que ficase aberto ate o día
seguinte. A min non me tocaba votar, mais si procurar que outras puidesen
facelo. Ás cinco da mañá erguémonos e comezou a chegar xente. Non eran nin as seis
e a multitude xa enchía a rúa da entrada. Viñeron tamén os mossos, preguntaron quen estaba ao cargo, dixemos que todas e
tomaron acta. Pouco antes das nove, houbo urnas e un censo electrónico pensado
para que a as persoas censadas en colexios electorais pechados puidesen votar
en outros. Unha idea oportuna se temos en conta que os mossos pecharon 160 e a policía nacional 90. Votou unha persoa e a
web foi clausurada. Mentres se arranxaba, para evitar interferencias tiñamos os
móbiles en modo avión, así que soubemos pola radio que estaban cargando en
algúns colexios. Fóra do recinto puidemos ver as imaxes: nos nosos teléfonos
estaban os antidisturbios tirando á xente polas escaleiras, a anciá agarrada
polas catro extremidades, as caras sangrando, as feridas producidas polo
disparo de pelotas de goma. As pelotas de goma son ilegais, pero o estado de
dereito tivo a ben utilizalas para conseguir un ben maior: impedir o referendo
que, por outra parte, afirmaban que non era tal, senón unha manifestación ou
unha festa. Pero non, non o impediron. Creouse outra web e a xente votou. O que
eu puiden ver foi unha votación presencial na que para participar era preciso
ensinar o documento español de identidade e a web rexistraba o voto, impedindo
que se producise un segundo.
Logo viñeron as
declaracións institucionais, vicepresidenta e presidente do goberno culparon
aos mossos da violencia dos
antidisturbios, falaron de proporcionalidade, felicitaron a unha policía que
avergoña a toda Europa. Non existe ningunha acción de violencia civil á que
aferrarse para xustificar a represión a porrazos e balas de goma, pero esta
mañá o ministro de interior estará celebrando o día da policía. Están
orgullosos dela, que feriu a máis de 800 persoas sen evitar o referendo. Poden
adxetivalo como “ilegal” ou degradalo a “movilización cidadá”, pero dicir que
non aconteceu sobrepasa a posverdade. É unha mentira rotunda pronunciada sen
titubeos na era de internet, no mesmo día en que os ollos do mundo enteiro
asistían aos feitos. Pode explicarse se entendemos que falan para unha
audiencia propia que só os escoita a eles, que só le a súa prensa e ve a súa
televisión.
Para Orwell, a historia
escríbena os vencedores. Algunha vez pensei que a certeza da sentenza pode
correlacionar negativamente co uso de internet, pero non. Hai unha gran
diferencia entre ter todos os xornais do mundo na palma da man e interesarse
por eles. Supoño que co paso do tempo os múltiples relatos iran simplificándose
ate que quede un, e tal vez ese sexa o dos vencedores, e vendo as portadas da
prensa internacional creo que a sociedade catalá leva unha enorme vantaxe ao
goberno de España, pero iso non lle impide recitar o seu discurso inverosímil,
e seguramente non porque estea asesorado por incompetentes tamén en materia de
comunicación, senón porque saben que ningunha conexión a internet ten o poder
de mostrar o que non se quere ver.
Adelaida Vidal
Ningún comentario:
Publicar un comentario