xoves, 12 de outubro de 2017

ESTUDIOS ANTROPOLÓXICO-LITERARIOS



Por Pepe de Rocaforte

    No século XIX establecía Lombroso as bases da antropoloxía criminal relacionando a insania moral dos criminais con certas anomalías físicas ou patolóxicas detectadas en delincuentes. Xa moito antes Aristóteles dera os seus principios de fisiognómica, ciencia en certo xeito similar, á que entre nós tamén foi algo afeccionado don Vicente Risco.
     O doutor Fritz Lang (nada que ver co director de cine do mesmo nome), celebrado fisiognomista, xefe da Clínica Ortopédica de Munich nos anos trinta do século XX, descubriu rasgos particulares nas caras do médico, do crego, etc. orixinados polas pegadas que a profesión ía gravando nos seus rostros. Así as producidas pola ausencia ou dominio das paixóns, a tendencia a contemplar un obxectivo mental situado nun plano inferior ou superior, e outras.

    Traio esto a conto porque acabo de ver un artigo de certo intelectual galego, publicado na prensa hai xa certo tempo, coa proposta dun sistema para medir as características persoais de cada individuo a partir das súas lecturas, exemplificándoas cos casos de dous autores portugueses: Jose Saramago e António Lobo Antunes.
     Este estudioso paisano noso clasificaba os lectores do primeiro autor no lado dos malos (degustadores de dubidosa literatura) e os lectores de Lobo Antunes no dos intelixentes e bos (¿e xenerosos?), o cal nos abre unha rica veta pola que quen se sinta con tempo e ánimos pode avanzar cara a sorprendentes conclusións.
     Pola miña parte direi que tanto de Saramago como de Lobo Antunes hai algúns libros que me gustan moito e outros que me gustan menos, ou non me gustan. ¿En que grupo me debo considerar incluído entón? ¡Tremenda incertidume!
     E esto faime pensar naquel señor tan tallante á hora de declarar sen ningunha dúbida as súas preferencias culturais: libro: “El Quijote”; cadro: “As meninas”; música: “A Novena Sinfonía” (de Beethoven, of course). E película, aumentaba un amigo meu, “O ano pasado en Marienbad”, ¡ faltaría máis! 
     Supoño que para este tipo de persoas haberá un grupo especial de super-intelectuais intelixentes na clasificación do noso articulista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario