Amosando publicacións coa etiqueta Adelaida Vidal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Adelaida Vidal. Amosar todas as publicacións

mércores, 25 de novembro de 2020

Ruby Woo.

Por Adelaida Vidal    


 

                        O primeiro de maio de 2005 tiña dezanove anos. Pasou tanto tempo entre aquela adolescente e eu, que parece raro falar dela en primeira persoa. Por exemplo, as súas resacas non eran como as miñas e, aínda que a noite anterior se embebedara e saltara nas primeiras filas dun concerto de Ska, participando desa danza que consiste, basicamente, en empurrarse uns contra os outros, o Día do Traballo erguíase cedo para ir pegar carteis.

            Aquela tarde, antes do concerto e dos litros de viño barato con Coca Cola, estivera preparando os textos coas súas compañeiras: frases de apoio a unha folga de tele operadoras, mostras de confianza cega nun futuro amábel (“Palestina Vencerá”) ou, simplemente, a sinxela constatación de que “O capitalismo non funciona” estaban escritas en letras negras sobre o fondo marrón do papel de estraza.

            Outro dos carteis aseveraba que “A revolución será feminista ou non será” e, ás veces, preocupáballe non estar sendo de todo consecuente con tal valor, xa que padecía dun peculiar interese polos produtos de beleza que, nos primeiros anos dous mil, ou tal vez no seu pequeno círculo, parecían rexeitarse con máis belixerancia da que se empregaba en rexeitar, por exemplo, o consumo de drogas, animais ou café tan barato que no lugar do prezo ben podería poñer “roubado aos agricultores colombianos”.

            Cando a mañá do día un de maio saíu da casa, pintou os beizos de vermello e agradeceu que o aire frío aparecera para despexarlle a cara, entumecida por unha mistura de falta de sono e deshidratación de tanto alcohol. Puxo os auriculares e camiñou cara a Delegación do Goberno cantaruxando versos de Talco nun italiano precario.

            Uns operarios remataban de montar o escenario sobre o que os líderes sindicalistas lerían os seus discursos, e dúas furgonetas da policía nacional mostraban músculo ao lado. Quedara alí coas súas compañeiras para ir pegando os carteis en sentido inverso ao percorrido da manifestación e rematar no punto de inicio.

            O sol da primavera comezou a brillar con forza e ela fíxose viseira coa man ao ver chegar ás súas dúas amigas. Despois buscou os lentes de sol na mochila, atou a cazadora á cintura e foi ao encontro das outras dúas. Intercalaron os comentarios respecto á noite anterior coa organización do traballo: Unha levaba os carteis, outra aplanaríaos sobre as paredes e a terceira poñería unha tira de celo en cada esquina. Comezaron; unha caseta de obra, o escaparate dunha multinacional que emprega a crianzas na Indonesia, a fiestra dun restaurante de comida rápida convertido en símbolo da globalización, a parada do autobús número sete. Alí, unha parella de policías interrompeunas mentres pegaban a terceira esquina da súa humilde contribución á causa das tele operadoras en folga. Pedíronlles que se identificasen e un deles arrincou o cartel con violencia. O cartel que estiveran facendo a tarde anterior, roto. A loita das tele operadoras para que non deslocalizaran a súa empresa, desprezada.

            Pero se está pegado con celo! defendeuse indignada mentres buscaba o DNI. O policía respondeu pedindo os bolsos para rexistralos.

            Naquela época identificábana de cando en cando, pero nunca lle rexistraran a mochila.

            Que pensaban atopar? Explosivos? Navallas? Alí só había unhas chaves, auriculares, o móbil, a carteira, panfletos engurrados e unha barra de labios Ruby Woo.

E cal é o teu número de identificación? preguntou a adolescente. El respondeu dicindo ao compañeiro, que anotaba nun caderno os datos dos carnés de identidade, que puxera un sinal ao lado do nome da sabichona, por preguntar. Unha estupidez a efectos legais e unha marca de contexto bastante útil para deixar ben claro quen mandaba. Os policías sorríronse, e o que levaba a voz cantante, co franco deleite e a seguridade de quen sabe que pode facer canto lle veña en gaña, pasou a inspeccionar o contido da mochila que aínda conservo no fondo dun armario. Botou unha risada ao follear os panfletos, obviou o móbil e a carteira, e colleu a barra de labios. Ergueuna á altura dos seus ollos e exclamou: “Vaia, non sabía que se podía ser anarquista e presumida”. El riu e eu agradecín que os lentes de sol o privasen da satisfacción de verme chorar. Devolvéronnos as cousas e despedíronse dicindo que recibiríamos unha multa. Eu sequei a cara co antebrazo. Tremía de impotencia, de dor ao ver o meu cartel no chan, e de vergoña. Sentinme ferida durante un tempo. Despois, só quedou a indignación. Supoño que tomarnos o pelo foi divertido para aquel rapaz policía, pero dende logo non foi unha acción preventiva de disturbios.

            Este domingo, cando saín da casa ás doce da mañá, tendo durmido abondo e sen alcohol no sangue, atopeime de fronte con unha concentración contra a apertura de casas de apostas nos barrios. Había unhas cen persoas reunidas baixo unha choiva miúda e a ambos lados da congregación, furgonetas antidisturbios. Eu, nin estaba ao tanto da convocatoria nin levaba os beizos pintados, mais tampouco teño aspecto de levar explosivos ou panfletos no bolso. Fai tempo que deixei de conter a respiración ao pasar por diante da policía. De feito, téñoa chamado un par de veces. Pero débolle á adolescente que fun, non converterme en alguén que mira dende lonxe as reivindicacións das súas veciñas. Por iso, mentres me achegaba ao grupo de xente que pedía botar ás casas de apostas fóra do barrio, cambiei de idea e decidín pasear o meu aspecto inocuo por detrás do furgón da policía. Collín o chaveiro e resguei a pintura azul da porta. Mágoa que non me colleran. Tería sido todo un descubrimento.

 

            (Conto premiado no III concurso de relatos breves "historias de mulleres" de ABAS (asociación barbancesa de axuda e solidariedade).

 

luns, 15 de xaneiro de 2018

Ouvidos xordos




            No ano 1964 Kitty Genovese foi asasinada no aparcadoiro do edificio no que vivía, en Nova York. Ao día seguinte a cidade espertou conmovida e culpábel: o New York Times publicaba que uns trinta veciños foran testemuña e non fixeron nada. Máis tarde sóubose que foran menos, “só” unha ducia, os que asistiron aos feitos dende as fiestras das súas casas. O asasino confesou que aquela noite saíra da súa casa á procura de unha muller á que matar. Os veciños escoitaron os berros de auxilio e cando Kitty recibira dúas puñaladas, un dos veciños si, dixo ao agresor que marchase e este obedeceu. Kitty quedou soa no chan do aparcadoiro e aos dez minutos o asasino volveu para rematala e, unha vez moribunda, violala. Si, os veciños chamaron á policía e á ambulancia na que a muller falecería menos de media hora despois.
            O nome de Kitty Genovese fíxose tristemente coñecido porque a súa traxedia utilízase como exemplo do denominado “efecto espectador”. Este fenómeno da psicoloxía social predí que ante unha situación de emerxencia, cantos máis espectadores estean presentes máis difícil vai ser que interveñan. Estudouse tamén en situacións controladas de laboratorio: un participante presencia como o seu compañeiro está sendo agredido e mídese o tempo que tarda non en intervir, senón en avisar ao experimentador. Pois ben, cantos máis participantes hai, máis tarda. A explicación non está  demasiado clara. Algúns investigadores apuntan a unha difuminación da responsabilidade (“alguén intervirá”), outros ao medo ao ridículo (“vou meterme eu nese fregado e diante de todo o mundo?”). En todo caso, parece que en canto unha única persoa intervén, todos os demais iremos en masa a aportar a nosa humilde colaboración pero, se ninguén o fai, nada.
            O mes pasado, en Valencia, un rapaz con orde de restrición meteu no coche, pola forza, á súa exparella. Ante os berros da moza, Andrea Carballo, os veciños saíron a mirar pola ventá e viron como o home a arrastraba polo pelo ate metela no coche que ao pouco tempo estrelaría contra unha gasolineira. Gritáronlle dende a fiestra que a soltara, pero non lles deu tempo a baixar.
            Uns días máis tarde coñeciamos que unha rapaza de Boiro pediu axuda mentres o seu agresor intentaba metela nun maleteiro. Acontecía nunha rúa con casas, pero só a escoitaron berrar uns rapaces que ían por outra rúa diferente. Acudírona, e hoxe a rapaza está viva e o secuestrador no cárcere, pois resultou ser o asasino confeso de outra muller máis, Diana Quer. Non sabemos se alguén a escoitaría berrar mentres era metida á forza no maleteiro coche, antes de que a estrangularan. Quen sabe, tal vez alguén escoitou berros e preferiu pensar que eran de celebración, que estaban en festas.
            Parece que os reporteiros do New York Times esaxeraron as cifras do caso de Genovese, e un dos veciños valencianos de Andrea Carballo relata que estaba a punto de baixar para axudala cando o coche marchou a toda velocidade. E realmente pode ser que dentro das casas separadas por un par de metros da estrada onde a rapaza de Boiro foi acudida por rapaces que a escoitaron berrar dende outra rúa, non escoitaran nada porque as súas ventás están insonorizadas, tiñan a tele a todo volume ou pensaban que eran berros de alegría, que para algo era Nadal. Pero o fenómeno do espectador está estudado pola psicoloxía social, existe. E está demostrado que antes de rasgarnos as vestiduras pola indignación e pola rabia, e antes de saír en tropel ao monte a buscar rapazas desaparecidas e de colar cartaces coas súas fotos, e antes das manifestacións de condena, antes de todo iso, hai un intre clave no que facemos ouvidos xordos.
                        Adelaida Vidal

luns, 11 de decembro de 2017

Documentos: identidades inequívocas.



               

           A linguaxe escrita é importante na nosa cultura, non só como forma de comunicación intercambiable coa verbal, senón con un estatus superior. De entrada, a unha opinión expresada por escrito adxudícaselle máis peso que a outra, co mesmo contido, expresada verbalmente. Pero ademais determinados documentos implican unha presuposición de veracidade, como é o caso de determinados carnés ou títulos académicos. Enténdese que estes documentos son unha fonte fiábel que acredita que, quen os posúe, ten determinados coñecementos e competencias para levar a cabo unha serie de tarefas.
           Por iso, é habitual dirixirse a este tipo de documentos á hora de determinar o valor das persoas. De entrada, charlando de política na sobremesa, as opinións de unha politóloga, poñamos por caso, teñen máis valor que as de unha bióloga ou unha garda de seguridade que pasa a súa xornada laboral escoitando a radio e lendo a prensa. Pero ademais, algunhas destas acreditacións resultan indispensábeis para poder desenvolver legalmente actividades e profesións concretas. Salvo excepcións, as titulacións das persoas candidatas a un posto de traballo míranse antes que á propia persoa a contratar, cuxa identidade pasa a un segundo plano porque o relevante son os diplomas cos que conta.
            Así somos, adxudicamos aos documentos unha veracidade intrínseca e, os psicólogos narrativistas White e Epston souberon sacarlle partido a esta manía que temos as persoas de crer na palabra escrita sobre todas as cousas. Comezaron a expedir certificados como o “Certificado de fuxida da culpa”, que serve para lembrar a quen o obteña e aos demais, que esa persoa renunciou oficialmente á súa disposición á super-responsabilidade, e  xa non é vulnerábel aos convites dos demais para que viva por e para eles en vez de ocuparse da súa propia vida. 
            O “Certificado de vitoria sobre o pis traidor”, outorgado aos nenos e nenas con eneurese (que antes mexaban por riba) é outro exemplo de grande suceso, máis que nada porque se lles outorga a identidade de persoa vencedora sobre ese pis traidor que os asaltaba sen que eles puidesen facer nada. Agora, con un certificado que deixa por escrito que Fulano “é quen gaña ao pis traidor e en vez de encherse de pis, énchese de gloria”, o neno non ten máis remedio que gañar a partida: ten un documento que proba que pode detectar as gañas de ouriñar e ir correndo ao baño, e iso fai. O mesmo acontece co medo a monstros e pantasmas: non se precisan longas explicacións racionais sobre a imposibilidade de que tales seres mitolóxicos existan nin exposicións reiteradas ás sombras que se crean no cuarto polas noites ate aprender que non son perigosas. Non, basta con entregar un solemne diploma de Cazador de Pantasmas para que unha nova identidade de valente cazador pese máis que o medo, e quen antes sentiu terror ante a idea de ir á cama polas noites, agora loce no patio do colexio un diploma de domador de monstros e ofrécese a axudar aos seus compañeiros e compañeiras na temeraria tarefa de enfrontarse aos monstros que se colan nos seus cuartos polas noites. 
                                                                       Adelaida Vidal.