luns, 9 de outubro de 2017

Quen banaliza coas patoloxías?



                                            
      O dez de outubro é o día mundial da saúde mental. A principios deste mes apareceu a nova de que Amazon vendía, en EEUU, unha camisola coa lenda “Anorexia like bulimia but with self control (A anorexia [é] como a bulimia pero con autocontrol). As usuarias da web pediron a retirada do produto por consideralo unha maneira de banalizar as enfermidades mentais.
      Un matiz, só para non contribuír ao uso inadecuado das palabras: nin anorexia nin bulimia son enfermidades propiamente ditas, dado que ese termo corresponde a patoloxías con etioloxía coñecida, é dicir, que os factores que as provocan están identificados. Iso non acontece en ningunha das chamadas “enfermidades” mentais. Anorexia e bulimia son, por tanto, trastornos: conxuntos de signos e de síntomas. Patróns de conduta, se se quere.
     Simplificando, a anorexia nerviosa consiste nunha diminución drástica da inxesta con medo intenso a gañar peso. Aínda que se admiten os subtipos restritivo ou con atracóns e purgas, este último ven sendo equiparable á bulimia, e é o aspecto ao que se refire a camisola. Na bulimia nerviosa, a persoa pretende levar a cabo unha restrición dietética, pero sofre episodios recorrentes de atracóns que logo intenta reparar mediante as chamadas condutas compensatorias, normalmente vómitos e uso de laxantes. Así, non por inapropiado, o lema da camisola deixa de corresponderse, dunha forma simplista e banal, coa verdade.
      Esa mensaxe, igual que calquera outra que se leve serigrafiada na roupa, funciona como unha bandeira. Quen a viste, está mostrando os valores cos que se identifica ou, máis aínda, cos que lle gostaría ser identificada. Así, cos lemas nas camisolas, co calzado, coas crachas, coa revista que escollemos para levar baixo o brazo, imos construíndo a imaxe que queremos dar de nós mesmas. Pregúntome entón, quen merca esa camisola para dicir que pode permitirse bromear cos trastornos da conduta alimentaria?
       Podería imaxinar, como posíbel compradora, a unha rapaza obesa. Esta rapaza tería dado por perdida a loita coa dieta e o deporte e, antes de recoñecer o fracaso e sucumbir a hipotéticas vexacións por parte das delgadas do seu instituto, viste esa camisola e agrede coa frase a todas as que se esforzan por manterse en infrapeso: anorexia é como bulimia. Neste caso hai unha equiparación, un castigo ás perfeccionistas anoréxicas, que quedan equiparadas ás caóticas e noxentas bulímicas. Esta rapaza xa deixou clara a súa posición: gorda orgullosa de selo, peor sería ser unha “Ana” ou unha “Mía”, nomes en clave de cada patoloxía a partir dos seus diminutivos. 
      Outra imaxe que me ven á mente é a de un grupo de adolescentes mercando a camisola en grupo. Rin sobre a cama de unha delas, están ben socializadas, ben adaptadas e, por suposto, delgadas. De non selo, a estas rapazas o lema non lles faría ningunha gracia porque leva implícita a identificación con un comportamento que valoran como positivo: o autocontrol ante a comida, porque o peor que podería pasarlles sería ser gordas. Por iso queren a camisola, porque a frase advirte de que unha pode permitirse mofar co tema. Elas están por riba do ben e do mal, por riba das que padecen trastornos da conduta alimentaria, aínda que unha anoréxica sempre é preferíbel a unha bulímica.
     Levar a camisola, para elas, significa tamén excluír do endogrupo á rapaza que come unha caixa de cereais en dous minutos e logo tira de laxantes para compensar. Unha patoloxía noxenta, de perdedoras. A outra é un compromiso firme coa desnutrición, o dominio de unha mesma premiado coa valorada delgadez.
     A quen non imaxino lucindo o controvertido lema é a unha rapaza anoréxica. Entendendo por anoréxica a alguén que adelgazou ate perder a menstruación, ate que lle saíu lanugo por todo o corpo e que fai múltiples esforzos por estar soa á hora do xantar, para que ninguén se decate de que non come. Pode ter un círculo de apoio, de amigas coas que argallar maneiras de adelgazar máis, de fuxir dos eventos que implican comida, pero non sacan a tablet para mercar alegremente a camisola porque son precisamente elas quen fuxe de identificarse con esas patoloxías. Invisten tempo e esforzo en mantelas e, con cousas tan serias, non se bromea.   
                                                                   Adelaida Vidal

Ningún comentario:

Publicar un comentario