Por
Pepe de Rocaforte
Desde que funciona a
ponte da autoestrada de Galicia a Portugal, a perspectiva que se ofrece de
Valença cambiou moito. Agora, a causa da velocidade entre outras cousas, case
nin nos fixamos nas panorámicas abertas diante e ós lados do noso coche cando
imos de viaxe e, no caso da vila fronteiriza portuguesa, perdemos a atractiva e
en boa medida imponente visión de cando se
cruzaba pola vella ponte internacional.
Desde as miñas
primeiras visitas a Valença sentinme atraído por aquela fortaleza, mostra do
saber e da capacidade da enxeñería militar á hora de construír un recinto
defensivo practicamente inexpugnable frente ós posibles intentos de invasión
dun exército inimigo.
Un libro que acabo de
ler, “Austerlitz”, de W. G. Sebald, tróuxome á memoria o recinto amurallado de
Valença, e outros tanto ou máis atractivos, construídos ó longo da fronteira
con España, e fíxome modificar as miñas ideas sobre ese tipo de construcións.
Estas fortalezas,
opina Sebald, partían dunha idea basicamente equivocada: na práctica as
construídas durante o século XVIII erguéranse esquecendo que na medida na que
un se atrincheiraba cada vez máis, podíase ver obrigado a contemplar, desde
unha praza fortificada, como as tropas inimigas, ó se trasladar a un terreo
elixido por elas noutra parte, deixaban de lado aqueles obstáculos, que ficaban
impotentes, presos no seu propio poderío.
E non só eso, digo
eu. ¿Cantas veces esas cidadelas “inexpugnables”, foron expugnadas? Creo que a
de Valença foino algunha vez, e os fortes de Nossa Senhora da Graça e Santa
Lucia, nas proximidades de Elvas, tan xeometricamente perfectos, tamén o foron.
A cambio quédanos
agora, e non é pouco, o atractivo turístico de tales construcións e os ingresos
que lle proporcionan ás localidades que os saben valorizar e coidar, como parece suceder no caso
portugués.
Aínda que sen
relación co anterior, vin outra información curiosa no libro de Sebald. Refire
o autor que lle contaron que en Gales algúns mortos, sabedores de teren sido
enganados en algo que lles atinxía, queren volver á vida e poden ser vistos,
sos unhas veces, en procesión outras. O informante contaba que seu avó tivérase
que botar a un lado nunha ocasión para deixarlle paso a unha procesións de
espectros. Tratábase de seres ananos que avanzaban apresurados, lixeiramente
botados cara adiante e falando entre si con voz de falsete.
A razón da escasa estatura
destes defuntos procesionantes, explicaba o informador, debíase a que a
experiencia da morte diminuía a súa altura cousa duns vinte centímetros, “o
mesmo que un pano encolle cando se lava por primeira vez”. Dándolle voltas o
asunto, a min ocórreseme a hipótese de que esta procesión de mortos poderíase
tratar da nosa Santa Compaña; ben sabido é que, en xeral, os galegos eran, e
non sei se aínda seguimos sendo, de menor estatura que os galeses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario