Por
Pepe de Rocafote
Comentaba o outro día
cuns amigos a valorización que para o visitante, o turista, o viaxeiro,
representa ter, antes de coñecer un país, ou unha cidade, ou calquera outro
lugar, un primeiro contacto por medio dun libro, e non me refiro ás guías de
viaxe, senón a un texto literario de calidade que nos seduza e realce ós nosos
ollos o atractivo dese lugar.
Veume entón á memoria
Sicilia, onde hai tal abundancia de arte, de historia, de monumentos e de
fermosas paisaxes. Unha terra da cal non sei quen dixo que, se querías formarte
unha idea cabal de como fora a Grecia clásica, a onde che compría ir era alí, á
máis grande illa da Magna Grecia.
Non me atreverei eu a
dicir tanto, a visita á península helena paréceme imprescindible. Pero sitios
como Selinunte, Agrixento, Sexesta, Siracusa, Taormina e tantos outros,
conservan abondosos e en boa parte ben coidados restos da época helénica que te
transportan a aqueles tempos onde tomaron forma as bases da nosa cultura
occidental.
Un lugar que en
Sicilia me impresionou particularmente, atópase á saída de Catania en dirección
ó norte pola avenida Lungomare. Alí, aínda non ben deixada atrás a cidade,
frente ó portiño de Aci Trezza, atópanse os Farallóns, que non deixan de ter a
súa similitude cos Aguillóns do noso Cabo Ortegal (tal vez estes sexan máis
impresionantes). Pero os sicilianos teñen ó seu favor a lenda de que aquelas
pedras son as guindadas por Polifemo contra a embarcación de Ulises cando este,
despois de o deixar cego, fuxiu da súa cova.
O lugar onde se conta
esta historia (a Rapsodia IX, versos 193-542, da Odisea) foi o primeiro
fragmento desa epopea que lin na miña vida. Diante dos ollos teño agora a
“Historia de la Literatura (hasta Cervantes inclusive)”, de Evaristo Correa
Calderón e Fernando Lázaro (Carreter), libro de texto no meu terceiro curso de
bacharelato, onde lin este relato. Inesquecible, polo tanto. ¿Como non me ía
sentir logo tan emocionado diante das “Isole Ciclopi”?
E esto tráeme á
memoria outro tema: o das lecturas de obras literarias no bacharelato. ¿Que
sería mellor: incluír no libro de texto fragmentos escollidos de varios libros
e que logo o alumno, se se sinte interesado, vaia pola súa conta ler a peza
completa; ou poñerlle como lectura obrigada un (ou máis de un) libro enteiro?
Pero non é este o
lugar nin eu son a persoa indicada para tratar do asunto, así que deixémolo
correr.
Ningún comentario:
Publicar un comentario