xoves, 26 de outubro de 2017

REFLEXIÓNS DIANTE DO CALENDARIO




Por Pepe de Rocaforte
     No calendario deste ano editado polo concello da Coruña párome a mirar unha das fotos que ilustran o mes de outubro. É do ano 1890 e leva o título de “Bailando no Campo da Leña” (no meu parecer deberíase titular máis ben “Músicos no Campo da Leña”), onde se ven un home tocando o violín e unha muller co bombo e os pratos, observados por uns homes de sombreiro e un grupo de militares, seguramente soldados do veciño cuartel de Atocha.
      Nesta foto, fermosa e evocadora coma case todas as daqueles tempos, a muller, que dá a impresión de ser aínda nova, vai tocada cun pano á cabeza. É de fins do século XIX, xa digo; pero faime lembrar de que aquí a mediados do século XX moitas mulleres, polo xeral do campo, aínda levaban o pano cando saían da casa.
     Sen ir máis lonxe así conservo na memoria a imaxe da miña avoa materna. Como tamén recordo que na aldea nativa da miña nai, cando unha muller, aínda moza polo xeral, andaba sen pano á cabeza, dicíase cun certo toque reprobatorio que “andaba en cabelo”. ¿E quen, entre os que pasan dos corenta, non se lembra dos veos que poñían as mulleres antes de entrar nunha igrexa?
     Esta usanza foi desaparecendo co paso dos anos sen que ninguén se ocupase de prohibila, abondou coa evolución dos costumes para deixar de ser considerado pecaminoso e provocativo o andar as mulleres co pelo ó descuberto.
     Coméntame a miña muller, que está lendo “Neve”, de Orhan Pamuk, onde le que nos anos noventa do século pasado estaba prohibida en Turquía a entrada das mozas nos centros educativos co pano á cabeza, o cal nos fai lembrar ós dous unha viaxe a Turquía no ano 2011. Un dos días pasados en Istambul ocorréusenos sentar á sombra nos xardíns da Universidade a perder un pouco o tempo.

     Arredor e por diante nosa pasaban, ou botábanse na herba, grupos de mozos e mozas. Fíxenlles unhas cantas fotografías que, observadas despois, me levaron á conclusión de que, nunha proporción aproximada de metade e metade, elas non levaban pano. Posteriormente tiven ocasión de lle comentar esto a un guía local, quen me dixo que se fose cinco ou dez anos antes, non vería nin unha soa rapaza co cabelo cuberto.
     Este domingo vexo na prensa unha entrevista con Karen Armstrong, Premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais este ano, e leo unha frase súa: “O mellor modo de eliminar o veo musulmán é deixalo estar porque canto máis se ataque, máis o van usar as mulleres como sinal de identidade”.
     Parece de pé de banco, pero semellamos non entendelo. O cal me leva a pensar na cuestión recurrente destes tempos: Cataluña. ¿Como podemos ser tan estúpidos para levar a cousa a eses extremos? E non só por parte do goberno que padecemos, senón tamén en boa medida por parte dos políticos dirixentes de Cataluña, que están a mostrar tamén eles un talante escasamente democrático e unha total despreocupación pola xente que non pensa coma eles no país que gobernan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario