
A brecha salarial vén sendo unha fenda demasiado
profunda. E non só se dá entre homes e mulleres, senón tamén entre mozos e
vellos ou entre nativos e inmigrantes, co que se pretende marcar unhas supostas
diferencias que só xustifican unha paulatina rebaixa salarial, como unha poxa á
baixa da man de obra. Estes días, porque está próximo o oito de marzo, o debate
céntrase na diferencia entre xéneros, unha diferencia que se mantén a pesares
de que moitas mulleres non dubidan en botarlle man e manexar con destreza ferramentas
tradicionalmente masculinas. Pero por moi ben que o fagan, números cantan e á
vista está que non se paga o mesmo pola man dun varón movendo un alicates ca pola
dunha muller, como tampouco se paga o mesmo segundo cal sexa o sexo de quen
empuña un micrófono, a pesar dese valor extra que se lle dá á presencia
feminina diante dunha cámara, o que ven sendo a outra brecha que non debemos
perder de vista, onde a maioría das veces a muller cumpre un requisito de
adorno incluso en programas que se din culturais, onde o varón, polo xeral, é o
condutor de garabata e ela quen luce escote.
Hai uns meses, cando a BBC foi
obrigada por decisión parlamentaria a revelar os salarios dos seus empregados,
a periodista Carrie Gracie, comprobou como, compañeiros masculinos que facían o
mesmo traballo ca ela cobraban máis, polo que decidiu dimitir. E ós poucos
días, os seus colegas mellor pagados, acordaron baixarse o soldo co fin,
dicían, de reducir a diferencia salarial, algo que ó meu amigo Xulio lle parece
unha actitude un tanto hipócrita e egoísta, porque a meta debe ser que a
igualdade sexa por arriba e non por abaixo. Pero ¿por que toman agora esa
decisión e non lles acordou antes?. Xulio, que ás veces é moi mal pensado, e
non ve a eses tipos desprendéndose polas boas do que teñen, cre que non o fan
por solidariedade, senón por necesidade de imaxe diante da opinión pública; e
de contención de posibles renuncias de compañeiras decididas a seguir o exemplo
de Carrie, deixando as pantallas sen caras bonitas que ofrecer.
Certamente o mesmo salario desta periodista
non se pode comparar co de calquera profesional medio, e menos doutras
profesións non tan agraciadas e ben remuneradas, pero aínda así había
discriminación e o seu xesto serviu para que hoxe falemos do tema (¿que non
pasará nos nosos medios?), aínda que non creo que a súa actitude, protesta e
reivindicación vaia repercutir na traballadora dunha conserveira, da limpeza ou
do téxtil, que compite en inferioridade, nin creo que ningunha destas acabe
marchando da fábrica porque cobra menos ca un home. Non son o mesmo as
circunstancias nin as necesidades.
Tamén é certo que a Carrie non lle vai faltar
traballo, dado o extenso currículo que ten, e igualmente é ben certo que calquera
traballadora do noso entorno que tomase unha decisión parecida, por moi bo
currículo que teña non a contratarían en ningures unha vez que se presentase
dicindo na entrevista persoal que abandonara o anterior emprego por dignidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario