xoves, 29 de marzo de 2018

IN VINO VERITAS


Por Pepe de Rocaforte
Hai anos, na Coruña, subindo da Gaiteira para Os Castros, se non me engano, había unha taberna que ostentaba na súa fachada un rótulo co nome do local: “Los Peores Vinos”. E parece que tal título non lle escorrentaba a clientela, pois o negocio funcionou durante bastantes anos.
Acordeime desa desaparecida taberna coruñesa cando vin estoutro cartel, cuxa fotografía acompaño, no cal os responsables do local confesan e aconsellan: “Temos o peor vermut do mundo. Próbao”. E supoño que, por se acaso, algunha (ou moita) xente probarao.
Polo que ten de humorístico tamén lle tirei unha foto a outro cartel nun bar da mesma localidade: “Necesítanse clientes, non fai falla experiencia”. En fin, que os propietarios non son esixentes, aceptan sen problemas a todo canto bebedor lle entre pola porta.
Finalmente, o tema tráeme á memoria certa ocasión en que nos atopabamos en Bilbao o amigo Xan Cadaval, que en paz descanse, e mais eu. Cadaval era partidario de tomar, en cada localidade que visitaba, as bebidas propias do lugar. Con tan encomiable propósito endereitámonos para As Sete Calles, onde procedemos a entrar no primeiro local que se nos puxo a tiro para pedirmos cadanseu chacolí. O camareiro que nos atendeu lamentou non podernos compracer porque non dispoñían de chacolí. Daquela Cadaval tiroume do brazo: “Entón vámonos a outro sitio”.
Do mesmo xeito percorremos catro ou cinco establecementos do ramo, para en todos eles recibirmos a mesma resposta: lamentándoo moito, non nos podían atender, alí non tiñan chacolí.
Xa empezabamos a desesperar cando á sétima foi a vencida. Por fin chegamos a un bar onde nos serviron os ansiados chacolís. Postos entón en plan investigador decidimos continuar unha exploración para determinar grosso modo a porcentaxe de locais onde se podía atopar o viño máis popular do País Vasco.
Foi decepcionante: non encontramos ningún outro local que se axustase ós parámetros. En vista do cal Xan decidiu que volvésemos recuncar no único establecemento onde foran atendidos os nosos desexos. E cal non sería a nosa sorpresa cando ó solicitar de novo senllos chacolís o camareiro respóndenos que lamentablemente non tiñan chacolí.
“¡Pero se hai cousa dunha hora os tomamos aquí!”, empezouse a escamar Cadaval. “Recórdoo perfectamente”, respondeu fleumático o camareiro, “aquel era o último fondo de botella que nos quedaba. Como por estes lugares non o toma practicamente ninguén, non nos molestamos en ter provisión”.
“Vaia”, recapacitou Cadaval empezándose a resignar, “a ver se de volta para a casa, cando pasemos por Asturias, tampouco imos atopar sidra en ningures”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario