A ningún dos amigos
cos que cada xoves tomo a cervexa, se nos ocorreu pensar que un alumno ou
calquera persoa se puidese medir polo valor da súa resiliencia, porque para nós
a resiliencia é un termo da física que define a resistencia dun elemento ó ser
golpeado. Pero tamén é certo que as palabras teñen a virtude de adaptarse ás
circunstancias, así que, buscando máis polo miúdo fomos ó “tumbaburros” e atopamos
que hai unha segunda acepción na que se define como a capacidade de adaptación
dun ser vivo a calquera axente perturbador, tal sería a de vencer situacións
adversas; e iso precisamente é polo que foron medidos os alumnos galegos encadrados
nas capas máis desfavorecidas da sociedade en comparación cos doutros lugares
en similares circunstancias, segundo unha monografía sobre a equidade educativa
en España, que foi presentada estes días atrás, feita a partir do informe PISA
2015, a cal nos sitúa entre os mellor valorados do Estado en tan restrinxido
ámbito, acadando, comparativamente, os mellores resultados académicos. Mágoa de
triunfo.
Nada máis lela vénme
á mente o capitulo “Ignotus”, no que Murguía, no seu libro “Los Precursores”,
loando a un mozo analfabeto e mendicante que tocaba a frauta como un primor (eu
diría como un autómata), sen ter pasado por ningún conservatorio, trata de amosar
e demostrar o que el dá en cualificar como a innata capacidade artística dos
galegos, colocándoo ó lado das figuras máis sobresaíntes do momento, como
Rosalía, Serafín Avendaño ou Pondal. E nin tanto nin tampouco. Sabemos que é
unha pequena hipérbole do Patriarca, porque el tamén sabía que arte e maña non
son sinónimos. E sen negar a capacidade de tantos creadores autodidactas de
todos coñecidos, a ninguén se lle escapa que os xenes do artista ou do bo estudante
hai que regalos como se fosen plantas, porque ninguén nace aprendido.
Sen embargo, visto con
máis frialdade, aínda recoñecendo que os xenios poden florecer en calquera
momento e lugar, se ben este noso grupo de estudantes saídos das clases máis
humildes e con menos medios, sacan mellores notas cós seus iguais do resto da península,
non debería de ser o que nos contente, senón o afán de que ningún rapaz pase
necesidade, que para sacar un curso adiante non teña que pelexar cos libros e
co entorno. O outro paréceme unha resignación. Á fin, da capacidade dos nosos
paisanos para superar os atrancos que a vida lle pon temos unha longa historia
de resignados que acabaron collendo os camiños da diáspora por falta de medios
na terra, abocando unha estranxeiría chea de dificultades, que tanto nos fan
lembrar os inmigrantes que hoxe loitan aquí, entre nós, por acadar a
nacionalidade, por acceder a un posto de traballo e por ter os mesmos dereitos
ca un nativo.
Sen embargo, seguimos
coas cataratas ameazando coa cegueira, pois ese estudio, que por un lado nos pon
no podio da resiliencia, tamén advirte do baixo nivel xeral dos nosos estudantes,
sexan pobres ou ricos, por debaixo dos estándares internacionais, o cal nos
coloca ó final da lista da excelencia educativa.
Con todo, aí queda un
triunfo máis de Galicia fronte ó mundo: Entre as clases máis necesitadas da
sociedade somos os mellores, ou en termos da física de materiais, os que mellor
soportamos os golpes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario