Por
Pepe de Rocaforte
A semana pasada asistín á
presentación de “Pioneiras do deporte en Galicia”, de Cristina López Villar, un
libro que investiga esa faceta da cultura no noso país desde mediados do século
XIX a 1936. A intervención da autora, ilustrada cunha longa reste de diapositivas
(o libro aínda non tiven tempo de repasalo con certa calma), deume a impresión de
tratarse dunha obra feita con amor e que requiriu un traballo laborioso, con
moitas horas de investigación en prensa, arquivos públicos e privados, e
entrevistas con algunhas desas mulleres deportistas aínda vivas, ou con
familiares delas.
Pero agora vou tratar outro tema que
se aproxima só de maneira tanxencial á intención da publicación de Cristina
López Villar no referente a visibilizar o labor das mulleres en calquera campo
da actividade humana. E fágoo porque á saída do acto interpeláronme dando por
suposto que ás miñas tres últimas colaboracións neste blog sobre a literatura de
quiosco no século pasado lle seguiría axiña unha máis dedicada á novela popular
feminina.
Confesarei que non se me ocorrera,
entre outras cousas porque as chamadas “noveliñas rosa”, “novelas de amor”,
etc., non foran a miña lectura habitual na época infantil. As primeiras deste
xénero empeceinas a ler entre os doce e os catorce anos, cando a unha casa
veciña chegou para pasar unha tempada unha señora “maior” (calculo que tería arredor
dos vinte anos), recén chegada de Cuba, de onde traía unhas revistas nas que
máis ou menos a metade das páxinas ocupábaa unha novela de amor. Curiosamente
(neso fixaríame máis adiante) as autoras desas novelas eran españolas, as
mesmas que se vían nas coleccións de peto á venda e cambio nos quioscos de aquí.
Cando a “señora” cubana, que por
certo viñera para casar cun veciño, marchou, desta vez para Miami, case non
volvín ler máis novelas rosa, aínda decatándome de que moitas delas estaban bastante
mellor escritas que as de vaqueiros. Recordo sobre todo as de Corín Tellado,
que me gustaban case tanto como, noutra temática, as de Zane Grey. E dígoo por
convicción, non por sentirme respaldado pola opinión de Vargas Llosa, para quen
a autora asturiana foi un fenómeno sociocultural dos máis notables en castelán
desde o Século de Ouro.
Gocei coa lectura de autoras entre
as que, á parte de Corín Tellado, recordo a María Teresa Sesé, Trini de
Figueroa, as irmás Concha Linares Becerra e Luisa María Linares. E tamén Carlos
de Santander.
Falando
deste último decátome de que, así como na temática “do Oeste” non aparecen
mulleres escritoras, na novela rosa hai polo menos este nome entre os máis
coñecidos. E o do nome tamén me fai pensar no curioso que resulta o de que, na
súa maioría, as mulleres non utilizaban pseudónimo, algo tan habitual entre os
autores de novelas de vaqueiros.
Por
certo: este Carlos de Santander (non confundir con Carlos Fernández Santander)
era galego, de Vigo, mariño mercante, nacido en 1933. O seu nome verdadeiro
era, ou é, non sei se aínda vive, Juan Lozano Rico e paréceme que despois de Corín
Tellado foi o autor que maior número de novelas do xénero escribiu, nada menos
que unhas oitocentas. Aínda que Corín Tellado pásalle de largo, pois ela mesma
estimaba ter escrito máis de dúas mil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario