O Curmán de Undochán
Na crónica 10 despachámonos a xeito con algunhas ruas
montevideanas dedicadas a capitais galegas e mesmo a Galicia. Agora queremos
avanzar por unha morea delas que lembran a persoeiros nosos. Uns polo seu
prestixio propio, sen nada teren que ver con esta terra, así: Pondal, Rosalía
ou Curros, mesmo Castelao, tamén Concepción Arenal, Emilia Pardo-Bazán ou
Valle-Inclán, Méndez Núñez ou Ramón Franco... Rosalía sería unha excepción polo
moito coñecida que é, mercé ao seu, digamos, culto rendido pola nosa
colectividade, ata ter máis duas vías dedicadas a Cantares Gallegos e a Follas
Novas -coa guinda do seu busto xa citado. Franco tamén tivo protagonismo
por aquí, como veremos axiña. E Castelao pasou e repasou por Montevideo nos
anos 40.
Mesmo Concepcíón Arenal, pola sua difusión universal
(cuxa rua data xa de antes de 1928, impulsada pola uruguaia Dra. Luisi, quen
falou ese ano no Circo de Artesáns da Coruña), e ata Valle-Inclán dada a
difusión da sua obra e particularmente do seu teatro nas Américas.
Non entenderíamos o caso da rua montevideana ao marino
vigués -hiperhomenaxeado en toda Galiza como galego ao servizo do decadente
imperio español, por ter bombardeado Valparaíso (en Chile, 1866)-; mais compre
explicar que a rua é supervivencia do nome de todo un barrio capitalino sito
nesa zona, que así fora bautizado, dito en palabras actuais, por un
emprendemento inmobiliario de orixe expañola e, incomprensívelmente, refrendado polo municipio montevideano
daquela fin de século.
Si enténdese ás primeiras o impacto que causara nos dous países do Prata o arribo do hidroavión capitaneado polo ferrolán (1926, con tangos e coplas, en ambas as beiras do rio, para el e para o Plus Ultra), a compartiren o nomenclátor cos outros tres tripulantes, Alda, Durán e Rada, tendo dito fito o seu monumento no porto de Montevideo... (e podéndose, desde hai trinta anos, admirar o aeroplano no museo da bonaerense vila de Luján).
Si enténdese ás primeiras o impacto que causara nos dous países do Prata o arribo do hidroavión capitaneado polo ferrolán (1926, con tangos e coplas, en ambas as beiras do rio, para el e para o Plus Ultra), a compartiren o nomenclátor cos outros tres tripulantes, Alda, Durán e Rada, tendo dito fito o seu monumento no porto de Montevideo... (e podéndose, desde hai trinta anos, admirar o aeroplano no museo da bonaerense vila de Luján).
Ora, o que é realmente resaltábel é a cantidade de ruas
chamadas cos nomes de ducias de galegos ilustres do Uruguai. Vaia como exemplo
(de moitos deles xa temos falado): médicos como Albo e Varela Fuentes; o
boticario Piedracueva; o sindicalista Troitiño; benfeitores tales De la Sagra ou Arcos; políticos como Álvarez Bengochea;
militares tales Antonio Díaz e Neira; arquitectos como Estévez; funcionarios
coloniais tales Gil de Lemos, Lemos ou Pereira; empresarios como Fariña e
Taranco; músicos como Soliño; profesores como Fontaina; impresores tales
Vázquez Cores ou Claudio García; fundadores de xornais tal Magariños; en fin,
terratenentes pioneiros como “Farruco” Rodríguez (da crónica 3)... Máis:
fundadores de familias patricias como Platero, os irmáns García Fernández,
Roque Gómez, Antonio Pérez, Dionisio Fernández ou Marcos Monterroso... e, por
suposto, El Viejo Pancho quen, como Rosalía, ten vías mesmo con nomes de
obra sua, o seu libro Paja Brava, ou o seu poema Hopa, hopa!...
Mais é chegada a hora de nos deter brevemente na
importante figura doutro vigués con rua, Daniel Granada (1847-1929). Arribado
acá de curta idade con seus pais, fíxose avogado, exercendo a docencia na Universidad
de la República e desempeñándose como xuiz en diversos destinos. Un deles
foi a cidade litoralense de Salto, onde se radicou e onde se dedicou ao estudo
do idioma español do Uruguai, o que deu por froito o “Vocabulario rioplatense
razonado” (1889, reeditado a última vez en 1957), moi ben acollido, polo
novidoso, nas Américas e mesmo na Europa, tornándose un clásico, ata ser
considerado Granada, por este e polo posterior “Reseña de antiguas y modernas
supersticiones del Río de la Plata” (1896), como o fundador da Lexicografía e
máis da Etnografía rioplatenses. (En 1904 volta para aí, finando en Madrid).
Frase de Andrea Camillieri transmitida polo xefe do
blogue a este escribidor: “O tango fornece un pasado a quen non o ten e un
futuro a quen non o espera”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario