luns, 18 de novembro de 2019

CRÓNICAS DESDE EL OTRO MUNDO (45)



                                                                        O Curmán de Undochán

            Na crónica 42 asistimos á inxustiza cometida co galego Gondar, ao lle por o seu nome, trastrocado, a unha rua de Trinidad (capital de Flores). Hoxe asistiremos a outro gazapo histórico duplo, se non estritamente galego, si relacionado tamén co nomenclátor, neste caso da capital do departamento de San José, unha cuxa via importante leva o nome de Ciudad de Astorga, homenaxe retribuida en Astorga coa rua San José de Mayo.
     
Rua San José de Mayo en Astorga... e as suas larpeiradas
 
Pois vedeaí que, pretendendo render tributo aos primeiros poboadores-fundadores desta progresista cidade uruguaia, tomaron para seren representados a unha única familia maragata entre outras poucas galegas e moitas, abrumadoramente, asturianas. Ben é sabida a relación entre a Maragatería e a urbe astorgana, mais o que na realidade administrativa se dá é a pertenza desa comarca ao partido xudicial de Astorga e, como di o documento, tamén, en relacionando a este único fundador:  “del obispado de Astorga”...  A ignorancia municipal fixo o resto: desprazar o nome da diócese para a cidade-sede da mesma, ambas Astorga. Primeiro gazapo.
   
                   Tamén Carmen de Patagones
               ten esta pasaxe San José de Mayo
        
Voltando á documentación antiga, o cabeza de tal familia maragata, Benito Pérez, era natural de Luyego de Somoza... que está a uns vinte quilómetros ao suroeste da cidade astorgana, no municipio de Quintanilla de Somoza, integrando a Maragatería... E aí imos agora: os habitantes de San José de Mayo son chamados josefinos, mais tamén maragatos... a raíz daquela mesma confusión histórico-municipal... en detrimento da grandísima maioría dos poboadores doutra orixe. Segundo gazapo.
            Resultando así seren irmandados con outros maragatos ben máis reais (arxentinos e ata brasileiros), vexamos. Unha revolución federalista do Río Grande do Sul (1893, diferente da que temos citado guerra dos Farrapos de cincuenta anos antes), foi alcumada de Revolución dos Maragatos, dado que este era o nome con que se coñecía parte dos combatentes procedentes do Uruguai limítrofe.

       Pola sua parte, na Arxentina e provincia de Buenos Aires radica Carmen de Patagones, cuxos habitantes tamén son nomeados maragatos... poboada, fins do XVIII, pola Expedición das Familias á que xa nos temos referido... familias moitas que saíron correndo de tan inhóspita paraxe e foron dar (caso do noso San José) a territorios máis habitábeis do vicerreinado do Río da Prata.   A todo isto, andan por aí cancións, en xeito de tango, con referencias a maragatas namoradeiras, entre elas a que leva por título “Maragata”, cantada xa en 1921 por Carlos Gardel: mais é ás maragatas arxentinas que está dedicada:
            “Juntando unos macachines/ una mañana te vi:/ Desde entonces, maragata,/ me muero pensando en tí”... comeza e nós explicamos que macachín é unha erbiña que se arrinca para zugar no seu talo, de doce sabor. (Tamén outro tango hai intitulado “El maragato”, de 1935 e da autoría do compositor uruguaio e maragato F. Canaro, de quen xa falamos). É David Andrés Fernández quen, no “Faro Astorgano” (2009), nos informaba do dato curioso de teren os ponferradinos adaptado aquela toada, previos algúns arranxos da letra -trocando maragata por Morenica, etc.-, para llo dedicar á Virgen de la Encina. Tudo moito pintoresco.
            Aínda temos noticia, para nós recente, doutros inmigrantes maragatos de Nueva Palmira (no lindeiro departamento de Colonia), logrando impor no primeiro templo da vila o culto da Virgen de los Remedios de Luyego (!). (Perto desta cidade está a Punta Gorda, promontorio e cabo que marca o inicio do Rio da Prata, onde se atopa o belo Rincón de Darwin, lembrando o sabio inglés que por aquí pasou).

Dato extemporáneo: Segundo Freedom House (A liberdade no mundo, 1918), o Uruguai é o sexto millor país en dereitos políticos e liberdades civís, so por baixo dos países escandinavos, Holanda e Canadá. (Como dicimos por aquí, ¿Será, che?).

Ningún comentario:

Publicar un comentario