Nunha carta de Mahmet Alí a
Usbeck, recollida por Montesquieu nas súas Cartas Persas, cóntase
como Noé organizou a arca e botou todos os desperdicios dos animais
contra un lado, sen decatarse de que eran tantos que a barca comezou
a escorar. Aconsellado con Deus, Noé virou a postura dos elefantes
para que a súa bosta caese na outra banda e compensase a escora.
Entón xurdiu o milagre: do medio daquela inmundicia xurdiu o porco.
Aí está a razón pola que este é un animal impuro.
Nesta parte do mundo, mentres
uns nos contan que os ismaelitas non comen cocho porque Mahoma, antes
de ser profeta fora coidador dunha piara, outros acóllense á idea
de que era un medio de transmisións de enfermidades. Sexa como sexa
non saben o que perden, e nós, por sorte, temos a san Martiño
marcándonos o día do ano no que o bendito marrán pasa a mellor
vida e a máis agradecidos estómagos.
Pero moito antes de que Mahoma
recibise os consellos divinos por boca do arcanxo Gabriel, e incluso
antes de que Moisés sacase a todos os hebreos da terra á que
emigraran por ser o Exipto daquel tempo unha verdadeira terra de
promisión, con moito traballo mal pagado, xa o cocho tiña moi mala
prensa. Asociado ó deus Seth, o deus do caos, un verdadeiro demoño,
malvado, tramposo e caloteiro, un argallante capaz de trocar de cara
e corpo con tal de enganar a quen fose só para facer mal, en certa
ocasión, facéndolle crer ós santos deuses do ben e da bondade que
era un simple porco negro fozando na lama do Nilo, deixou que o seu
sobriño Horus se lle acercase, para acometelo traidoramente
lesionándolle un ollo, polo que Ra o maldixo e con el maldixo a
todos os porcos e a todos os porqueiros, prohibíndolles entrar nos
templos.
Nesa terra do Oriente, onde tantos
deuses se encontraron, encontran e enfrontan, adaptándose e
copiándose ritos e costumes, os mitos e as lendas viaxaron entre o
Nilo e Xerusalén tras as famosas pragas que a mitoloxía conta dun
xeito e a historia doutro. Así, segundo o historiador Tácito, os
xudeus non comen carne de porco por memoria do dano que sufriron en
Exipto, onde padeceron unha especie de sarna provocada pola inxestión
daquel animal.
Como vemos, xustificacións para
prohibilo non faltaron, e tan mala fama lle quedou, que nos primeiros
séculos do cristianismo, os idólatras tentaban ós santos eremitas,
recollidos á soidade do deserto con longos xaxúns e baixo un sol
abrasador, amosándolle cochos que eles confundían coa figura do
tentador, mentres nós, fillos de bárbaros, acostumados a crialos,
aprendemos a aproveitarlle todo, desde o fociño ata o rabo.
Mais como o poder da masa manda e os
gustos dietéticos de occidente non eran doados de borrar, o porco
non tardou en ser enxalzado nas haxiografías de excelsos varóns
como santo Antón Abade, san Brais ou san Pedro, quen a pesar de ter
unha cultura xudía, segundo el mesmo lle explicou ós seus
discípulos, tivo unha visión na que unha voz divina o invitaba a
sacrificalos e comelos, pero como o santo pai da Igrexa se negaba a
facelo dicindo que nunca no seu corpo entrara nada impuro, Deus desde
o ceo amoestouno: “Non lle chames impuro a algo creado por min”.
E desde esa o Cristianismo reconciliouse na mesa cos bárbaros do
imperio e gañou adeptos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario