sábado, 17 de xullo de 2021

De Virxes e mariñeiros

    


Sempre me intrigou non saber por que Colón, cando chegou a terra firme na súa cuarta viaxe, ó que hoxe é Panamá, e fundou o que viña sendo o primeiro asentamento español no continente, o bautiza co nome de Santa María de Belén. Certo que lles durou pouco o campamento, porque as políticas dos ocupas produciron diversos enfrontamentos cos indíxenas ata que na volta de catro meses tiveron que abandonar o lugar e serían destruídas todas as construcións que lembrasen ós invasores.

Xulio, que é partidario da tese do Colón galego, vai por outro camiño e dinos que a todo ese conxunto de topónimos das costas de Arousa e Pontevedra con que o Almirante foi bautizando os promontorios, baías e praias do Novo Mundo, habería que sumarlle este outro, cuxa advocación está hoxe tan estendida pola Barbanza, aínda que a súa presenza non se rexistrou na nosa terra ata ben avanzado o século XVI, moi posterior á fundación da aldea panameña. Como queira que sexa, como antes do mito e do escrito está o feito e o dito, quen sabe se non tiñamos certa querenza por esta Nosa Señora algún tempo antes de que se lle erguesen cruceiros e celebrasen romarías. Teñamos en conta que tamén o padroado mariñeiro da Virxe do Carme aínda é moito máis posterior a este, e como patroa da Armada Española éo dende abril de 1901. Dende onte coma quen di, asemade moito tempo despois de que os mariñeiros adoitasen colgar o seu escapulario para que Ela recollese as súas almas do fondo do mar en caso de desgraza.

A máis antiga presencia de Nosa Señora de Belén na península dátase en Córdoba, ó parecer dende que o bispo Osio, ó regresar do concilio de Nicea trouxo consigo a imaxe dunha maternidade de Nosa Señora en lembranza do nacemento de Xesús. Pero cando uns once séculos máis tarde a adaptamos, traída dos mares do Adriático, nin nos lembrábamos da cordobesa e démoslle o nome do lugar onde se empezou a venerar como avogosa contra a piratería: A Virxe de Loreto, coa fermosa e clarificadora lenda de Moldes para confirmalo.

Isto faime lembrar, para os amigos do noso parladoiro, que no porto de Palmeira, temos unha Nosa Señora de Belén que algún día, seguramente, tamén escorrentou a máis dun depravado asaltante de pescos.

E dado que non hai referencias que nos falen da presenza de Colón en Córdoba -como di Xulio-, todo nos leva a pensar que soubo desta advocación porque algún día si debeu andar por estas terras de Barbanza, pescando, guerreando ou comerciando. Todo isto, claro está, supoñendo que don Cristovo era galego, porque de non selo, aquí, onde tiñamos lá e liño para vestir de pano fino non se lle perdía nada. Pero se andou por estes lares, unha posibilidade que non debemos desbotar, non sería raro que algún día –en opinión de Xulio-, falando cos seareiros dalgunha taberna portuaria lle comentasen desta advocación contra a piratería que el plantou sobre un pedestal para escorrentar bandidos cando chegou a aquelas terras tan afastadas da metrópole.

Claro que, como a aldeíña foi destruída, quedaron aqueles eidos sen a protección da Virxe e os piratas, bucaneiros e corsarios acabaron asentando nas cálidas augas caribeñas os seus refuxios. 

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia) 


Ningún comentario:

Publicar un comentario