luns, 12 de xullo de 2021

FACENDO O CAMIÑO (20)


DE HOSPITAL DE ÓRBIGO A RABANAL DEL CAMINO

Por Pepe de Rocaforte

 


6 de xuño – Saímos de Hospital de Órbigo tan animados que chegamos a Astorga nunha patada. O camiño circula por terras de escaso atractivo e a chegada a Astorga, despois de pasada unha pontiña románica co seu pequeno encanto, faise aínda máis fea, pola traseira dunhas fábricas de non sei o que, tal vez de manteigadas. Chegados a esta altura pasámoslle diante a un francés, finiño el, de pantalón branco, que tal vez para confirmar as palabras do mozo ciclista holandés compañeiro de albergue esta noite última, non ha resultar tan antipático como a maioría de cantos vimos atopando ata agora.

En Astorga paramos a tomar un café ben acompañado de pastas e zume de laranxa na praza do concello, mentres os maragatos da torre do reloxo baten cos mazos as campanadas das dez da mañá. A cidade semella durmida, non parecen moi madrugadores os astorganos. Damos unha voltiña á busca dunha tenda aberta e por fin nun supermercado compramos bastimentos con vistas a un día no que pasaremos de restaurante. Despois de mercar unha caixa de follados, xa á saída da cidade, despois do paso pola catedral, botámonos de novo a patear o camiño baixo un sol que xa empeza a se facer sentir un pouco máis do debido.

Seguimos unha pista de firme bastante incómodo, como polo xeral o son todos estes tramos da provincia de León. Certamente agradécese que estean feitos para poder camiñar un pouco afastado da estrada, pero, á parte da falla de sombras que as plantacións dunhas árbores frustradas non dan, teñen un firme de cascallo que é un martirio para os pés. Pasamos á altura de Castrillo de los Polvazares, o que nos fai lembrar do cocido maragato que alí xantamos hai dous ou tres anos; se o tomamos agora seguro que rebentamos. Hoxe tamén lembramos o que lle recriminamos a outros viaxeiros que nos contaran que fixeran o camiño e non pararan a visitar esta vila. “¿Pero como podedes pasar á beira de Castrillo e non desviarvos un pouco da ruta para visitala? Sobre todo se non a coñecedes”. Agora comprendémolo: postos ó camiño, a esta altura xa non apetece facer desvíos, só tirar para adiante sen nos preocupar de máis nada.

Pasada Santa Catalina temos que parar a repoñer forzas á sombra dunha aciñeira raquítica. Logo de media hora de descanso proseguimos a marcha, pero ó cruzarmos o regueiro de Las Reguerinas necesitamos volver parar outra media hora á sombra duns carballos un pouco máis competentes, sen sabermos que pouco máis adiante hai outro fermoso exemplar da especie que estende as súas pólas cubrindo un amplo campo de herba verde todo ó seu arredor. O carballo do peregrino, seica lle chaman, e debe darse unha volta arredor seu e pedir un desexo, segundo disque conta a tradición. Farémolo nunha próxima peregrinación, porque desta pasóusenos.


En Rabanal del Camino sentímonos estranxeiros no albergue Gaucelmo, rexentado por ingleses cos que practicamente non nos podemos entender; pero así e todo non nos tratan mal. A eso das cinco da tarde convídannos a té e mal que ben dannos a entender que á mañá seguinte estamos convidados a café con leite a partir das seis e media.

O edificio, antiga reitoral restaurada pola asociación que agora a rexenta, é unha construción que te retrotrae ás casas dos curas das narracións de Castroviejo e similares; pero aquí o ambiente é austero. Dato a ter en conta: hai unha biblioteca e unha sala de lectura, o cal faime lembrar dos mobles-biblioteca con libros da casa onde pasamos a primeira noite de camiñantes en Saint-Jean-Pied-de-Port. Se a memoria non me é infiel son os dous únicos sitios de cantos levo parado en todo o camiño onde podes atopar libros ós que lle botar unha ollada.

No patio, sombreado pola follaxe dunhas árbores froiteiras, hai dous pilóns para lavar a roupa. Cando Inma baixa coa nosa están ambos pilóns ocupados por un mozo e unha moza, moi atarefados coa colada. A moza remata e cédelle o sitio a Inma. Cando o tipo se decata de que Inma se puxo a lavar ó lado seu, bótalle unha ollada que, sen chegar a asasina, ten de todo menos amigable. Vólvese á moza e interrógaa en voz máis alta do necesario, coa clara intención de lle dar un correctivo a Inma: “María, ¿has acabado de lavar?” Como a aludida lle responde que si, o aspecto fero do monicreque cálmase un tanto. Pola noite, na cociña, onde se atafegan en preparar unha ensalada de cebola, tomate e leituga, saberemos que son valencianos e empezaron o camiño en Astorga. Son un grupo de seis, os dous mozos, supoño que matrimonio recente, e outras dúas parellas que deben ser, respectivamente, os pais del e os pais dela. Non nos producen nada boas vibracións. E eso que non son franceses.

Franceses son outros, un grupo duns seis ou oito, no que destaca un fulaniño miúdo, pequeno, moi vivaracho, de barbiña recortada, que parece coñecer bastante ben España. Polo menos ós valencianos fálalle da súa zona, de como están as estradas, e as vilas, e con outros comenta ter feito antes o camiño, non sei se unha ou dúas veces. Vese que o fulano trata de se facer simpático, co seu español correcto, pero con forte acento francés que acaba por nos facer rir. Dos restantes compañeiros seus, ningún debe falar castelán, ou polo menos nin o intentan nin tratan de atraer simpatías coma el: débese tratar de franceses a carta cabal.

Problemas que presenta o falar idiomas distintos: vou á cociña para encher unha botella de auga na billa do lavadoiro e véxoa bastante loda. Anda por alí unha muller, a mesma que nos convidaba a té pouco antes, e pregúntolle se é potable. Ela respóndeme que si. Insisto na pregunta. Ela insiste en afirmar. Non acabo de fiarme. Levo a botella á boca en aceno de beber e daquela vén ela impedirmo. ¡Non, non, non! Non era potable, claro. Explícame que debo mercar a auga de beber “in the village”. Saio e pregunto por unha tenda. Hai varios bares, cafeterías, un hotel polo menos. Pero a única tenda está acolá abaixo, á entrada do lugar, xusto por onde nós viñemos. Baixo ata a tenda e alí crávanme por todo o alto. ¡Que bonito é vivir do peregrino!

Cando o sol empeza a perder forza damos unha voltiña por esta aldea que debía estar medio morta, ou morta de todo, se non fose pola xente que fai o camiño. Na estrada que circunvala o lugar hai outro albergue. Entramos nel e por contraste coa austeridade do ocupado por nós aquelo parécenos un arraial. Arredor dun patio central hai instalacións de bar e cafetería coa xente a departir animadisimamente. Proseguimos o paseo. Nos cumios dos montes que circundan Rabanal aínda quedan restos de neve. Dá gusto o silencio que se respira, xunto co aire, agora xa cun certo puntiño de frescor. Volvemos ó noso albergue e pasamos o tempo antes de ir durmir botándolle unha ollada a un libro sobre o camiño de Santiago editado pola Xunta.

(Etapa 21)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario