venres, 23 de xullo de 2021

PEQUENAS EXPERIENCIAS PERSOAIS



Por Pepe de Rocaforte

   


  Non estou a descubrir a pólvora se digo que para a saúde mental darlle de vez en cando unha pequena variación ás rutinas nas que habitualmente se desenvolve a nosa vida: facer unha viaxe, buscar novos camiños para pasear, coñecer xente, conversar con frecuencia sexa do tema que sexa, etcétera, son hixiénicos  e necesarios costumes que todos deberiamos practicar.
     Para poñer en práctica algunha destas variacións, acabo de me tomar unhas pequenas “vacacións” de case dúas semanas, que me viñeron coma auga de maio despois de máis de ano e medio sen saír practicamente para nada do meu reducido entorno habitual en todo este tempo escaso de liberdade que case todos nos vimos obrigados a respeitar.
     Entre as experiencias deste escaso espacio de tempo, no terceiro día da semana e pico de folga, presentóuseme un contratempo co cal non contaba e que me deixou non precisamente do mellor xorne, cousa que vostede comprenderá se lle conto que nese terceiro día lonxe da casa o meu “kindle”, o libro electrónico onde carrexo unha media biblioteca da que botar man cada vez que por unha razón ou por outra marcho por aí adiante, deixou de funcionar. Así: sen máis explicación nin aviso previo.
     Botei un par de días tratando de me afacer a esta situación inesperada; pero a cada paso sentíame peor, cunha síndrome de abstinencia en  boa medida similar á do drogadicto que se encontra sen medios para adquirir a súa dose. Finalmente acabei por me achegar á vila máis próxima e buscar unha librería onde mercar algún libro que me permitise sobrelevar a carencia de lecturas.
     Atopei a librería e púxenme a inspeccionar estantes e expositores á busca dalgún título que me enchese un pouco o ollo. O resultado foi desalentador, especialmente tendo en conta que non vin ningún exemplar de narrativa ou poesía en galego (e escuso dicir que eu estaba dentro de Galicia, non do outro lado do Telón de Grelos). Finalmente acabei por mercar “Terra Alta”, unha novela de Javier Cercas, galardonada co Premio Planeta non sei exactamente en que ano. Sempre nos parece mellor algo que nada e eu arrastraba o temor de non poder aturar moito tempo máis sen unha lectura, fose cal fose.
    

Eso si, saín da librería coa idea de escribir algo sobre o triste que resulta, polo menos para min, entrar nunha das da nosa terra e ver unicamente libros en castelán; pero comenteino cun amigo de alí e díxome que lle parecía algo raro que non tivesen libros no noso idioma, porque a tenda tiña nome galego e a el parecíalle lembrar que algunha vez vira algún título, aínda que o dato non lle acordase moi ben. Como eu non cumprira o requisito de lle preguntar ó propietario ou dependente que me atendeu, decidín concederlle o beneficio da dúbida e non ofrecer aquí o nome de librería e localidade, non fose o demo que estivese equivocado, porque a verdade é que empezo a andar un pouco cegato e a non estar seguro de case nada de canto ven, ou deixan de ver, os meus ollos.
     En canto á novela de Cercas só direi que nas primeiras cento cincuenta páxinas que levo lidas, paréceme dun nivel considerablemente inferior ó do único título seu que lin con anterioridade. Estoume a referir a “Soldados de Salamina”, que non deixara de me gustar; pero “Terra alta” por veces, máis que dun autor experimentado como debe ser Javier Cercas, a xulgar polo número de libros por el publicados, paréceme máis a obra dun novato; pero deso poderemos falar outro día con máis calma unha vez finalizada a lectura da novela. Agora mesmo, de volta na casa, estou tratando de recuperar o tempo perdido sen ler o que quería, e non me queda tempo para máis nada.


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario