mércores, 28 de xullo de 2021

¿A QUE SE DEDICABA PEMÁN?

Por Pepe de Rocaforte


    


«
Melchor xa acabara de ler todas as novelas que trouxera consigo de Barcelona. Un día entrou na única librería de Gandesa. Era pequena e estaba mal surtida e, despois de curiosear un tempiño, non encontrou ningún libro que lle apetecese ler, tampouco se animou a lle preguntar ó libreiro». Saco esta cita dunha novela que merquei hai uns días e reprodúzoa porque, pouco máis ou menos, describe parte do que me sucedeu a min cando me atopei sen ningunha lectura que levar ós ollos nuns días que andei de excursión por aí adiante, como contaba na miña colaboración anterior.

Pero hoxe non vou facer ningún comentario sobre “Terra Alta”, entre outras cousas porque aínda non cheguei á metade da novela no que levo lido ata agora. Pareime un pouco máis, en cambio, nas informacións xornalísticas esgrimidas nestes días pasados entre partidarios e detractores de José María Pemán con motivo da retirada por parte do alcalde de Cádiz da placa que se exhibía na fachada da casa onde naceu o escritor.

De entrada confeso que tiña esquecido desde hai unha chea de anos o pouco que sei de Pemán, así que en primeiro lugar tratei de recuperar do rincón da memoria onde se atopaban durmidos algúns datos sobre el.

Na casa conservo dous libriños da “Enciclopedia Pulga” dos anos cincuenta do século pasado, dos cales foi autor este señor: “El vuelo inmóvil” e “Luisa, el profesor y yo”. Teño tamén un exemplar de “Signo y viento de la hora”, selección de relatos seus publicada a inicios dos pasados anos setenta na Biblioteca Básica Salvat.

Sen embargo o primeiro texto que me veu á memoria ó pensar neste home foi un poema que naqueles tempos de rapaz me entusiasmara e que na primeira estrofa, que aínda teño na memoria, di así:

Salinas de San Fernando,

agua quieta en los esteros.

Como huele a yodo cuando

las charcas se van secando

con los calores primeros.

         


   Aí qued
o atrancado. Busquei no libro de segundo curso do bacharelato, “Manual de métrica y composición literaria”, de Guillermo Díaz-Plaja. O poema non estaba alí, pero vin en cambio unha observación sobre a rima, que me pareceu dirixida a min: “O uso da rima consonante dá ó verso o seu mellor encanto. Pero débese evitar o seu marteleo excesivo, o uso de rimas demasiado vulgares, a monotonía nos sonidos, etc.” En fin, que debo andar con coidado nesto das rimas. En canto ó poema completo tereino que recuperar por outro lado, pero neste momento teño demasiada preguiza para me poñer a buscalo.

O que lin agora foi “Luisa, el profesor y yo”, unha noveliña breve que me pareceu bastante digna. E chegado a este punto pareime a considerar a información ofrecida por aquí e por alá en internet, onde puiden confirmar que José María Pemán foi un home de ideas moi conservadoras, poeta, narrador, autor teatral, director da Real Academia Española da Lingua, posto ó cal renunciou despois de certo tempo, e persoa que, a pesar da súa extensa obra literaria, é máis coñecido polas súa ideas políticas e pola súa adscripción ó franquismo (foi considerado “o poeta do Réxime”).

E así é ata o punto de que agora se volve falar del, non por curiosidade pola súa obra, minusvalorada, cando non denigrada, na maioría dos comentarios que lín, senón polas súas ideas. E a miña pregunta de ignorante é: ¿será en realidade a cousa para tanto? ¿Sería tan peligroso José María Pemán?



Ningún comentario:

Publicar un comentario