sábado, 3 de xullo de 2021

O xardín das cerdeiras


A mediados do século XIX, os señores rusos, terratenentes e “persoatenentes”, donos da terra e de todo canto nela vivise, empezaron a perdertal privilexio, algo defendido polo conde León Tolstoi, ata o extremo de cambiar a propia vestimenta para parecerse máis ós seus servos, acompañalos nalgunhas labores agrícolas ou facer os seus propios zapatos.

Coa abolición, os servos pasaron a ter algo semellante a un salario, e quen podía aforrar uns cartos tamén podía permitirse o luxo de mercar terreos e dalgún xeito liberarse das ataduras que tiveran os seus antepasados. As universidades comezaron a acoller ós fillos destes novos ricos, a quen alcumaban como a Intelligentsia, verdadeiros intelectuais sinalados por falar moi mal o francés, posto que se estes o aprenderon na escola ou no Liceo, os outros fixérono con aios e institutrices francesas. Un destes “intelixentes” era Antón Chéjov, neto dun servo e fillo dun comerciante, que, desde moi novo, amosou interese pola literatura, e a pesar de estudar medicina e exercela de maneira altruísta, dedicouse preferentemente a escribir, con grande éxito, contos e novelas cortas, así como unha importante obra dramática coa que rompeu as formas predominantes na escena ata aquela, dicindo que hai que representar a vida tal e como é, e na realidade a xente non anda dicindo grandes frases nin matándose a cada instante ou namorándose apaixonadamente, a xente, dicía el, come, bebe, ama e fala de cousas normais e iso é o que hai que representar sobre as táboas.

 

Unha das súas máis celebradas obras de teatro é O xardín das cerdeiras, estreada seis meses antes do seu falecemento en 1904, da que a tradutora Isabel Vicente di que non sendo as latitudes onde se desenrola a trama propicias para as cerdeiras debería chamarse O horto das guindeiras. Pero o certo é que nesta peza a cerdeira é un símbolo do efémero que é o tempo, con esa flor que a pouco de nacer xa morre, como un punto marcando unha data no calendario.

Na obra, unha familia da nobreza chega para a poxa da súa casa e horto, que un negociante lle propón parcelar para construír segundas vivendas, ó que a familia se nega por ser aquela unha terra herdada ó longo dos séculos xeración tras xeración. Despois de lamentos, impotencias e ousadías, o negociante faise coa propiedade para construír casas de veraneo e remata a obra coa escena da familia abandonando a propiedade mentres se escoita, como un toque a morto, o son da machada abatendo as árbores ó tempo que entra no salón baleiro o vello criado Firs, un servo que non se quixera acoller á emancipación, e agora, esquecido de todos, tombado nun diván para morrer en soidade, lamenta que algún dos seus señores se esqueceu de poñer o abrigo.

Xulio di que cando lle falan da venda de fincas, da merca de terreos para construír urbanizacións e casa de veraneo, sempre lembra O xardín das cerdeiras de Chéjov coa sensación de asistir a un cambio, a un troco da relación coa terra, a que se repite a mesma historia. Os campos abandonados e os negociantes facendo segundas vivendas mentres perdemos o que foi un sinal de identidade de nosos avós, a terra que mercaban para non pasar fame agora convertida en lugar de ocio para desfrutar un mes de verán.




Ningún comentario:

Publicar un comentario