Amosando publicacións coa etiqueta Viaxe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Viaxe. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de outubro de 2021

FACENDO O CAMIÑO (28)

 


DE MELIDE A ARCA

Por Pepe de Rocaforte

 


Dia 13 de xuño – Onte pola tarde, no albergue melidense, fixemos un novo compañeiro, un ourensán que vive na Coruña. Empezou o camiño en Sarria e está feito po, non pode co cu. Chámase Juan Carlos Cuns e é maquinista da Renfe. Imanol, o bilbaíno, estívolle pinchando as bochas dos pés e pasándolle un fío por cada unha delas, a ver se lle secaban para hoxe volver andar. Nós, feitos xa todos uns veteranos, animámolo: “Tranquilo, home, eso non é nada. Se vises as bochas que se nos teñen formado a nós, e a pesar de todo aquí estamos...”

E parece que despois da noite de descanso os pés deixáronlle de doer, porque esta mañá, cando nós subiamos de vagar, sen malgastar forzas, unha costiña logo de cruzar o río Boente, pasou por onda nós a moi boa marcha, acompañado de Imanol. Así e todo, ó chegarmos a Ribadiso, antes do río, volveriámolo ver sentado ó lado do camiño, tomando un descanso que boa falla lle debía facer, porque ata alí fora cunha fogaxe un tanto excesiva á vista do que nos contara a tarde anterior.

Máis ou menos á hora de todas as mañás paramos a nos restaurar co consabido café con leite, madalenas e similares en Arzúa, e mentres neste labor estabamos a ollar a rúa descansadamente a través da vidreira do café vimos pasar primeiro a Imanol, que tamén debera parar a tomar o seu refrixerio nalgún sitio por alí atrás, e un pouco máis tarde a Elio, a quen no xeito de andar xa se lle nota que continúa amolado pola tendinite. Non vimos pasar a Juan, o maquinista, pero supoñemos que tamén o faría, tal vez no momento de irmos nós os servizos.

Xa empezando a respirar no aire o remate da peregrinación, deixamos atrás Arzúa para dar remate á xornada, penúltima do percorrido, en Arca, desde onde esperamos que mañán todo sexa coser e cantar ata o Obradoiro.

En Arca vai unha calor que convida a non facer nada. Sentados á sombra na entrada do albergue deixamos pasar o tempo de conversa con outros camiñantes. Chámanos a atención un mozo, con pernas e brazos literalmente cubertos de tatuaxes, que se dedica a preparar un caxato dunha vara á que lle saca a casca cun coitelo de monte. A el tamén lle chama a atención en min a camiseta que levo hoxe, a famosa do Uruguay, polo debuxo de Barradas, de quen nos conta algunhas informacións que non esperabamos polo seu aspecto. O mozo é catalán, de Manresa, e explícanos que Barradas residiu nesa cidade, onde –segundo as súas palabras– a falla de artistas de máis talla, os manresáns desvivíronse co uruguaio de quen disque chegaron montar unha exposición e organizar unha serie de actos en lembranza súa, nos cales tivo el algo que ver por se atopar daquela traballando alí de bibliotecario.

En toda a tarde o único que facemos é permanecer á sombra, Elio a se repoñer da súa tendinite aplicándolle xeo ás pernas. Juan a repasar as bochas dos pés, cada vez máis pesimista respecto ás súas posibilidades de rematar a viaxe a pesar do preto que está xa de Compostela. Agora ás bochas agregóuselle tamén unha tendinite que o obrigou a facer os últimos quilómetros da etapa a paso de tartaruga, contra o entusiasmo con que saíra a primeira hora da mañá de Melide. Chegou aquí varias horas máis tarde ca nós, cando pensabamos que o levabamos por diante. Imanol parece o máis enteiro, aínda que está preocupado polas folgas dos pilotos de Iberia, con medo de non poder regresar a Bilbao na data prevista por el.

Cadramos aquí tamén cun grupo de portugueses, os primeiros que atopamos no camiño, alborotadores e un tanto rebotados, en especial as mozas, que deben pertencer a esa caste que non pode pasar por menos de se mostrar altiva e distante cos españois, non sei se como reflexo ou como defensa.

Pola noite tardamos en durmir. A medida que nos achegamos a Compostela o relaxamento nos albergues aumenta e a xente, sen que ninguén lle recomende silencio, tarda en deixar de armar barullo á hora de se ir ó catre. Hoxe gustaríame ter aquí algún deses franceses que se deitan coas galiñas a ver se saltaban chispas diante da boria armada polos portugueses.

Está visto que a todos lle atopo a súa amoladela.

 

(Etapa29)

 

mércores, 29 de setembro de 2021

UNHA VOLTA POLO PORTO

Por Pepe de Rocaforte

 


Xa non lembro ben canto tempo hai que non me achegaba ó Porto; pero debe haber moito e en cada ocasión que volvo encóntrome con algo novo que me fai sorprender coa puxanza desta cidade, hoxe tan distinta de aquela que por primeira vez, a fins dos anos sesenta, pisei na estación de Campanhã.

Desta volta, de paseo pola Ribeira, atravesei o río e do outro lado, no Campo dos Mártires da Patria de Vilanova de Gaia, fun dar diante da  “Casa portuguesa do pastel de bacalhau”. Desde a entrada o edificio, construción rectangular de grandes dimensións, sen ningunha clase de tabiques que o dividan, dá a impresión dunha antiga bodega na actualidade reconvertida en algo que vai dunha especie de biblioteca, polas súas paredes cubertas de estantes cheos de libros, a unha cafetería con música ambiental de órgano e amañada para lle ofrecer ó turista ocasional un vaso de viño do Porto, acompañado dunha croqueta de bacallau e queixo da Serra da Estrela.

 Os propietarios do establecemento non se cortarán un pelo á hora de che cobrar doce euriños con cincuenta céntimos por viño e boliño, que, se as matemáticas non fallan,  se converterán en vinte e cinco eurazos no caso de ir acompañado/a por outra/o degustador/a de pasteis de bacallau, porque eses señores supoñen, e non supoñen mal, que ningún turista se vai marchar do seu establecemento sen pagar, e aínda que decida non volver visitar o local, outros turistas o farán en lugar seu.

 
   Ademais, ben mirado, tan só a posta en escena, xa se debe considerar merecente de custar o triplo do que che cobrarían por similar vaso e tapa en calquera bar sen maiores pretensións nesta mesma cidade, eso si, sen unha ambientación e attrezzo similar. En fin: avisado quedas.

Pola nosa parte, despois de todo, tivemos a sorte de nos atopar con Ines e Nacho Taibo, quen para celebrar o encontro inesperado, nos propuxeron ir xantar ó “Rei da Sardinha”, en Matosinhos, onde, polo mesmo prezo de viño e croqueta en Gaia, desfrutamos cada un de nós dun opíparo banquete, máis popular, eso si, pero as sardiñas grelladas estaban de morte.

     E de paso tamén viaxei por primeira vez no metro portuense, que non coñecía, aínda que me dixeron que xa foi inaugurado hai dezaoito anos. Das moitas cousas que no Porto pode facer o visitante ocasional, o que non fixen foi poñerme á cola para pagar tres euros e así poder entrar a ficar embobado no interior da Librería Lello. Alí xa estiven unha manchea de veces, pero eso si, antes de se ter virado na tenda de libros máis fermosa do mundo, ou algo polo estilo, nun tempo en que eu mercaba libros, aínda que no Porto entendíame mellor na Bertrand, non sendo tan fantástica como esta de Harry Potter.

E outro tanto podo dicir de non tomar un café no “Majestic”, seica tamén conceptuado entre os máis marabillosos do mundo. Aínda que aquí éntrame algunha dúbida porque en Budapest, sen ir máis lonxe, coñecín un par deles, o “Gerbeaud” e o “New York”, que me pareceron de maior respecto, aínda que no “New York” se empeñasen en non me deixar facer fotografías e cando me molestei por ver a outros turistas fotografando impunemente e lle preguntei á camareira por que a min non me permitía utilizar a cámara e a eles si, respondeume: “porque eles non pediron permiso”.

E deste actual paso polo Porto nada máis se me ocorre contar por hoxe.

¡Vémonos!

 

luns, 27 de setembro de 2021

ANDANDO O CAMIÑO (27)


DE GONZAR A MELIDE

Por Pepe de Rocaforte

 


Día 12 de xuño – Novo día, reemprendemos a marcha. Logo de pasarmos por diante do albergue de Ventas de Narón volvemos a vista atrás e vemos saír as catro catalás simpáticas e gordiñas, neófitas aínda no oficio de peregrinar.

A mañá, como case todas, está fresca e soleada. Camiñamos a bo paso ata Palas de Rei, onde paramos para o preceptivo café con medias lúas ou o que se terze, e proseguimos, entre amenas corredoiras e outras que non o son tanto,  camiño de Melide, a onde chegaremos a eso da unha do mediodía, despois de, como feito case único merecente de cita, pasar pola beira dunha pequena lagoa ou gran charca rodeada de vexetación, onde centos e centos de ras se aplican con entusiasmo nunha sinfonía coral que nos deixa sorprendidos pola súa grandiosidade sonora, que non podemos deixar de admirar durante un tempiño.

Despois de, case á entrada de Melide, pasar a ponte de Furelos, na porta lateral da igrexa parroquial parece agardarnos unha moza que acaba de despedir a un grupo de franceses, a quen aínda remata de lle explicar a voces desde a soleira non sei que historia dun santo que alí dentro lles mostrou, seica moi abogoso contra a peste, supoño que o San Roque, preguntareillo a Francisco. Os franceses, ou mellor dito as súas mochilas, asenten: a peste, a peste, a medida que se afastan. A moza desenténdese por fin deles e abalánzase acto seguido sobre nós para nos convidar a pasar e ver a cantidade de cousas notables que a igrexa atesoura. Desculpámonos dicíndolle que imos deixar a visita para máis tarde; pero ela non se desanima e insiste: “Hai un Cristo moi interesante”, e esténdese a nos contar non sei cantas cousas del. Pero nós xa temos ganas de chegar a Melide para descabalgar a mochila e darnos unha boa ducha, polo cal persistimos na negativa: “Primeiro imos buscar pousada e despois achegámonos outra volta por aquí”. “Pero para Melide aínda faltan máis de dous quilómetros e se seguen o camiño, despois non van querer volver”. “Muller, ¿que son dous quilómetros para nós, despois de todos cantos levamos ás costas?” Ela arrandea a cabeza moi pouco ou nada convencida, e nós seguímoslle a pista as mochilas francesas, que aínda van alí adiante, a tiro de ollada, entre grandes gargalladas por quen sabe que chiste que irán contando.

Tiña razón a moza de Furelos, é de xustiza recoñecelo; cando estabamos no albergue melidense. A muller sen dúbida era xa experimentada: pola tarde non volvemos atrás os dous quilómetros. Xa nos achegaremos a ver o Cristo de Furelos noutra ocasión que nos cadre de andar por aquí.

En Melide o plan dos nosos colegas Elio e Imanol é o de ir xantar o polbo a “Ezequiel”, un dos puntos obrigados do camiño, que moito lle encareceron tanto ó bilbaíno coma ó de Alicante. Por certo, este último vén agora un tanto tocado por unha tendinite na perna dereita que o trae a mal traer, e para colmo esta mañá perdeuse polo camiño ó pasar pola beira da mesma charca onde as ras daban o seu sonoro concerto matinal. Alí Elio foi vítima dunha especie de variante da historia de San Ero coa paxariña sobre pouco máis ou menos.

O caso foi que o alicantino, pampo a escoitar o alboroto das ras, despistouse das flechas amarelas e alá seguiu ata a súa experiencia o alertar cando levaba andado máis de media hora sen ver nin unha mísera flecha por ningures, feito totalmente anormal a estas alturas. Proseguiu así e todo, ata atopar un paisano que, menos mal, lle indicou por onde retornar ó bo carril.

Volvendo ó xantar, a pesar da opinión de Imanol e Elio, e algúns máis que no albergue estaban, nós aconsellámonos cun amigo, nativo el, Pepe de Melide, a quen fomos consultar e quen nos dixo que o polbo, para si, prefería ilo comer ó “Curros” e non ó “Ezequiel”; pero se queriamos xantar ben e barato de verdade, non deberiamos ir nin a un nin a outro. Recomendounos un restaurante, do cal agora lamento non lembrar o nome, na saída da estrada en dirección a Palas segundo se baixa á esquerda e abofé que nos puxemos como pepes. Cando volvamos para visitar o Cristo de Furelos, ó sitio ó que non lle fallaremos será ó restaurante de marras.

Despois de xantar, de volta no albergue para botar a sesta regulamentaria, aparecen dúas das catro catalás (xa saben: as gordechas, simpáticas e tal), que nos deixan asombrados: “¿Va que lle demos unha boa sorpresa?”, dinos a da mochila alixeirada polo marido. “Pouco e pouco xa verá como nos convertemos nunhas andarinas de moito coidado”. Están orgullosísimas as dúas da súa valentía de hoxe, e non é para menos. O malo é que se despistaron das súas outras dúas compañeiras. Segundo os seus cálculos debíanlle vir por diante, pero ó non velas aquí non saben o que facer. Están derreadas e non teñen ánimos para dar nin un paso máis; se as outras seguiron para adiante, lamentándoo moito, desfán o grupo e listo. Tranquilízoas: “Seguramente a propagandista do Cristo de Furelos botou man delas e está acolá abaixo á beira do río ensinándolle os tesouros da igrexa”. Porque en verdade a moza aquela era tenaz, facíame lembrar ó dono dunha tenda de calzados na rúa de Lamas Carvajal da miña mocidade en Ourense, un tal Mosquera, que se te vía pasar por diante do seu local, nada máis con lle botares unha ollada de esguello ó escaparate xa se empeñaba en te facer pasar ó interior para ver toda a súa vasta e pouco variada colección de modelos.

(Etapa 28)