Amosando publicacións coa etiqueta Arte e arquitectura popular. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arte e arquitectura popular. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de marzo de 2016

Cruzando o río en San Ciprián (Cervo).



     
     Un dos elementos arquitectónicos máis curiosos que aínda se ven nalgúns dos nosos ríos, son os pasos ou peares, usados cando o río non é moi caudaloso, consistente en colocar sobre o leito unha serie de pedras, espaciadas para deixar pasar a auga por entre elas e que ó mesmo tempo nos permita pisar en firme e en enxoito, evitando a construción dunha ponte, sempre máis custosa e elaborada.
           Esta solución é común naqueles lugares onde o uso dunha barca se fai difícil, precisamente polo baixo caudal, ou cando o ancho do río permite esta solución, tal esta que atopamos en San Ciprián (Cervo), na desembocadura do río Cobo.
    Si, é posible que necesitase un amaño, pero como agora teñen unha ponte para que pasen os coches, as vellas construccións van quedando en desuso.

martes, 28 de xullo de 2015

Unha táboa para distribuir o traballo


        

           Para non andar detrás de ninguén, sobre todo cando teñen feito o voto de silencio, este curioso artefacto non é máis ca un horario, ou táboa para indicarlle ós monxes que tiñan que facer, sen necesidade de falalo.
            Atopámolo na Cartuxa de Miraflores, en Burgos, onde os monxes cartuxos teñen prohibida a palabra agás en contadas excepcións, e así, para indicar o labor correspondente a cada un usaban esta táboa ou “bojarte”, que colgada a carón da porta da igrexa indicaba a función de cada un deles.

            

mércores, 19 de marzo de 2014

Pináculos con forma de campanario



     
       Certamente, hai unha relación que enlaza a simboloxía dos elementos de xeración de vida e a riqueza. A prosperidade sempre foi unida ás familias de moitos membros e á unidade entre eles, e na imaxe popular un dos puntos máis ricos, aglutinadores e afortunados é a Igrexa, por iso, en moitos hórreos o lugar do pináculo é ocupado por un esquemático campanario, ás veces coas campaíñas incluídas. E neste da dereita vemos como o mesmo símbolo cristiá da cruz é substituído polo espadana, mentres que ó outro lado mantén a simboloxía dunha especie de espiga. Non así no hórreo superior, onde o campanario cobre a función de pináculo e a cruz está ó outro lado.
E xa para rematar con esta serie, quédanos ver a figa e os cornos


domingo, 16 de marzo de 2014

Pináculos con forma de flor



            E como invocación á vida e ó medre do froito, non podían faltar os pináculos con forma de froita, tales as espigas que xa temos amosado neste caderno baixo o epígrafe de Un pináculo nun hórreo de Rianxo, ou aqueles que amosan ás claras unha flor, e incluso, por conxunción entre pináculo con forma fálica e a flor, o que podemos interpretar como o estilo dunha flor. Á fin estase amosando o elemento de onde vai saír o froito.
     E tal vez unha das primeiras figuras que tomou a forma dunha vara vertical ou dun pináculo para invocar a prosperidade, fose a figura do deus da fertilidade Priapo, o do falo erecto.

xoves, 13 de marzo de 2014

Pináculos no Piornedo

Antes de que os paisanos soubesen que aquelas pedras que aparecían nas mámoas e nos castros, pulidas con forma de machada unhas e outras lascadas con tal forma foron algunha vez ferramentas de traballo en épocas do neolítico, eran recollidas para poñer encima das casas co fin de que estas apartasen os raios da facenda.
            O uso das ceraunias ou Pedras do raio (interpretadas como pedras de orixe divino) foron usadas con tal función protectora en moitas culturas de todos os tempos, e do seu emprego como tales temos referencias en autores como Isidoro de Sevilla e Plinio o Vello. En Europa foi común o seu uso ata ben avanzado o século XVIII, e menos común pero como protector na montaña galega ata non hai máis de corenta ou cincuenta anos.

            Que alguén, ademais, pensase que eran a representación dunha divindade protectora non é raro, teñamos en conta que a deusa Cibeles, divindade da fertilidade, representábase por medio dunha pedra negra que se custodiaba no seu templo. Que os paisanos que poñían as ceraunias pasasen logo a poñer caras, entra dentro de toda lóxica. Nós vimos na illa de Madeira, colonizada a partir do século XV, rostros de persoa e pombas feitos en cerámica colocados nas catro esquinas do tellado que, segundo os paisanos, simbolizaban o rostro de Cristo ou o Espírito Santo, aí colocados para protexer a vivenda. Así pois, que logo, os paisanos, cando non había tales pedras megalíticas puxese a representación dalgún deus ou deusa, xa con rostro (a imaxe e semellanza de quen o creou) ou xa con forma dalgún atributo que o identificase, tampouco tiña porque ser raro.
            Fáltanos saber se estes elementos eran colocados contra os raios en exclusividade ou cumprían unha función de protección máis ampla, contra o mal de ollo. 
      E así como hai figuras tamén pode haber nos pináculos unha simboloxía xeométrica

Pináculos na Mariña lucense

                       



            Resaltan nos tellados das casas do norte da provincia de Lugo, estes pináculos que bordean o perímetro das cubertas, tanto en hórreos como en casas ou pombais. A verdade é que non son exclusivos desta bisbarra do país, pois tamén os atopamos noutras áreas xeográficas, como elementos de protección, pero aquí teñen unha disposición peculiar que os fai únicos.


            Pola posición, está claro que estes elementos axudan a manter seguras as lousas para que non as leve o vento, pero asemade, e tendo en conta que para tal función bastaba con que lle botasen un pouco de masa (de cemento ou de barro) ou que puxesen unha simple pedra, a figura de pináculo piramidal obríganos a miralo tamén deste unha perspectiva animista. Esa preocupación pola forma estética do elemento lévanos a lembrar a semellanza cos pináculos dos hórreos, colocados a modo de símbolo apotropaico contra o mal de ollo, protector do que baixo el se acubilla e asemade unha invocación á multiplicación da semente, que ben pode ser a representación esquemática dunha divindade.
     Tamén hai pináculos con rostros humanos.

luns, 30 de setembro de 2013

Pasos e lavadoiros en Mondoñedo


                                        Esta é outra adaptación ó medio, e tamén un aproveitamento dos recursos naturais.
            Nas fotos que hoxe presentamos, sacadas en Mondoñedo, vemos como o río que pasa a carón das casas, cóbrese con pequenas pontelas para cruzalo, e teñen, asemade, uns lavadoiros individuais feitos con lousas, e incluso cun pilón para poñer a roupa enxaboada. Curioso e fermoso conxunto etnográfico, que lles evitaba ás señoras ter que ir ó lavadoiro público cando xa o tiñan na casa.
           


























domingo, 30 de xuño de 2013

Un pozo en Alfoz

Entramos nun mes no que a auga vai ser un elemento fundamental da cultura popular, un elemento curativo en cada santuario. Ela ataca a canícula e refresca os corpos, lava feridas e veremos verrugas que secan e peles que cobran a cor do san. A auga purificadora dos nosos mil ríos e milleiros de fontes xa empezou a amosarse a principios deste mes que remata, e seguirá durante todo o verán. Á fin, rematado o inverno os corpos piden frescura. E para entrar, imos empezar por ver este pozo de Alfoz, no Valadouro, protexido por rexas paredes de pedra de gran con tellado a dúas augas de lousa e tella, máis decorativa ca funcional, e con pousadoiro. Así son os pozos da Mariña luguesa, sempre cerrados coma quen cerra o cofre da vida. Á fin, ela, a auga, é o sangue da terra. E neste pozo, ademais, vemos o pináculo, tan propio de todas as construccións populares galegas, tanto en hórreos, casas, cortes ou, como neste caso, o pozo, a protección fálica contra o mal de ollo, nese pináculo que o adorna de maneira basta pero non exenta de emotividade o cume desta construcción.