Por Pepe de Rocaforte
Xa non lembro ben canto tempo hai que non me achegaba ó Porto; pero debe haber moito e en cada ocasión que volvo encóntrome con algo novo que me fai sorprender coa puxanza desta cidade, hoxe tan distinta de aquela que por primeira vez, a fins dos anos sesenta, pisei na estación de Campanhã.
Desta volta, de paseo pola Ribeira, atravesei o río e do outro lado, no Campo dos Mártires da Patria de Vilanova de Gaia, fun dar diante da “Casa portuguesa do pastel de bacalhau”. Desde a entrada o edificio, construción rectangular de grandes dimensións, sen ningunha clase de tabiques que o dividan, dá a impresión dunha antiga bodega na actualidade reconvertida en algo que vai dunha especie de biblioteca, polas súas paredes cubertas de estantes cheos de libros, a unha cafetería con música ambiental de órgano e amañada para lle ofrecer ó turista ocasional un vaso de viño do Porto, acompañado dunha croqueta de bacallau e queixo da Serra da Estrela.
Os propietarios do establecemento non se cortarán un pelo á hora de che cobrar doce euriños con cincuenta céntimos por viño e boliño, que, se as matemáticas non fallan, se converterán en vinte e cinco eurazos no caso de ir acompañado/a por outra/o degustador/a de pasteis de bacallau, porque eses señores supoñen, e non supoñen mal, que ningún turista se vai marchar do seu establecemento sen pagar, e aínda que decida non volver visitar o local, outros turistas o farán en lugar seu.
Ademais, ben mirado, tan só a posta en escena, xa se debe considerar merecente de custar o triplo do que che cobrarían por similar vaso e tapa en calquera bar sen maiores pretensións nesta mesma cidade, eso si, sen unha ambientación e attrezzo similar. En fin: avisado quedas.
Pola nosa parte, despois de todo, tivemos a sorte de nos atopar con Ines e Nacho Taibo, quen para celebrar o encontro inesperado, nos propuxeron ir xantar ó “Rei da Sardinha”, en Matosinhos, onde, polo mesmo prezo de viño e croqueta en Gaia, desfrutamos cada un de nós dun opíparo banquete, máis popular, eso si, pero as sardiñas grelladas estaban de morte.
E de paso tamén viaxei por primeira vez no metro portuense, que non coñecía, aínda que me dixeron que xa foi inaugurado hai dezaoito anos. Das moitas cousas que no Porto pode facer o visitante ocasional, o que non fixen foi poñerme á cola para pagar tres euros e así poder entrar a ficar embobado no interior da Librería Lello. Alí xa estiven unha manchea de veces, pero eso si, antes de se ter virado na tenda de libros máis fermosa do mundo, ou algo polo estilo, nun tempo en que eu mercaba libros, aínda que no Porto entendíame mellor na Bertrand, non sendo tan fantástica como esta de Harry Potter.
E outro tanto podo dicir de non tomar un café no “Majestic”, seica tamén conceptuado entre os máis marabillosos do mundo. Aínda que aquí éntrame algunha dúbida porque en Budapest, sen ir máis lonxe, coñecín un par deles, o “Gerbeaud” e o “New York”, que me pareceron de maior respecto, aínda que no “New York” se empeñasen en non me deixar facer fotografías e cando me molestei por ver a outros turistas fotografando impunemente e lle preguntei á camareira por que a min non me permitía utilizar a cámara e a eles si, respondeume: “porque eles non pediron permiso”.
E deste actual paso polo Porto nada máis se me ocorre contar por hoxe.
¡Vémonos!
Ningún comentario:
Publicar un comentario