O Río da Prata
O Curmán de Undochán
Teatro Solís, Montevideo |
Nestes anos (2016-2026) deberíamos
estar celebrando o quinto centenario do seu nome, por máis que a data do descobremento
destas augas seique foi recuada a comezos desa centuria XVI, a partir de
diversas investigacións contemporáneas -entre as cales a do uruguaio Rolando Laguarda Trías
(1902-1998)-, que falan, cando non, de avanzadas portuguesas precedendo á presenza
española.
Ora, o máis divulgado refírese ás
tres expedicións clásicas. A primeira (1516) a de Juan Díaz de Solís (sevillano
de Lebrija, ou tal vez portugués, c. 1470-1516), que partira de Lepe o ano
anterior, descubridor oficial do río -antes de ser morto polos aboríxenes no
actual departamento de Colonia- ao cal lle puxo o poético e acaído nome de Mar
Dulce, corrente á que os indíxenas chamaban, con lóxica realista, Paraná Guasú
(ver Crónica 2). Lembran ao lebrixano o teatro Solís, o principal do Uruguai,
así como os dous ríos Solís (afluentes do Prata) e máis o balneario ribeirán
dese nome e outra vila interior, Solís de Mataojo… sendo, nos anos posteriores
ao seu pasamento, batizado río de Solís o propio Mar Dulce.
Catro anos máis tarde (1520), e
saídas de Sanlúcar, arribaran a estas costas, co seu cronista Pigafetta, nada
menos que as naos do infortunado Fernao de Magalhaes (natural de Ponte da Barca
ou do Porto, 1480-1521, com apelido originario da Galiza, como o de Camoens
–Magaláns, Camos). De tal arribo quedou, como máis duradeira, a pintoresca
versión da orixe do nome Montevideo –topónimo aínda hoxe explicado apenas na
sua primeira parte: monte-, pondo en boca dun vixía luso o berro: “Monte vi
eu!”
Será en 1526 cando o célebre
Sebastián Gaboto ou Cabot (cuxa natureza veneciana, 1476-1557, está en
discusión, como a xenovesa de Colón), tamén tendo partido de Sanlúcar, asoma o
fuciño polo río de Solís que, dados os contos que lle contaron: ditoso
Eldorado!- pasou por el a ser chamado Río de la Plata. (De Solís e Gaboto fala Del Barco na sua obra
de 1602, segundo nos informara o amigo Xulio Veiga).
O
curioso é que daquela Gaboto rescatou a Francisco del Puerto, mozo grumete de
Solís que permanecera esa década convivindo cos aboríxenes: qué de historias
podería ter contado! Outra curiosidade: antes de don Sebas, saíra da Coruña
Diego García (Moguer, 1471-1535), mais, téndose enguedellado un ano na illa
brasileira de S. Vicente (Santos), chegou ao noso Prata despóis daquel: que
andaría a facer o xandasbolas! (Faltou advertir que todas esas empresas
marítimas viñan procurando a comunicación entre o Atlántico e o Pacífico, mesmo
esta, sendo como era posterior á descoberta de 1520 do difícil paso meridional,
acariñaba atopar outra pasaxe máis doada e máis próxima… co importante
obxectivo do Extremo Oriente fornecedor das especias).
Unha última reflexión: por que nos
quedamos co economicista ou mercantil nome dun río que tivera aquel belo de Mar
Dulce? Tanto éxito tivo este topónimo, o único europeo entre os ríos da rexión
(Paraná, Uruguai, Paraguai…), que o propio vicerreinado con capital en Buenos
Aires chamouse “del Río de la Plata”, e a Arxentina, antes de chamarse así, foi
“Provincias Unidas del Río de la Plata”. Hoxe aluden ao noso grande río a
arxentina Mar del Plata e a uruguaia recentemente (2006) rebatizada Ciudad del Plata.
Tamén o lembran os dous equipos de fútbol River Plate de ambas beiras... e non nos
paramos noutras palabras derivadas (p.e. Platense, Cisplatino).
Moita contradición nos feitos e nas datas: ollo a 1513! |
Nota
ad hoc: Así como os uruguaianos son autochamados “orientales” (con respecto ao
río Uruguai), ben puderon denominarse “setentrionales” con relación ao río da
Prata…
Ningún comentario:
Publicar un comentario