sábado, 30 de xaneiro de 2021

Mapas

En varias ocasións comentei con amigos e coñecidos sobre un atlas que teño, editado en 1909 en Bos Aires, onde América e non Europa, ocupa o centro do mapamundi, onde as divisións xeográficas de moitos países, foron alteradas ó largo do século XX, segundo manifestan detallados recortes de periódico que algún antepasado adheriu na páxina correspondente, o cal, dalgún xeito, vén a dicirnos que os tratados de paz teñen caducidade permanente e converten en obsoletos os mapas políticos a non máis de vinte ou trinta anos vista. Ou sexa condenados a revisión periódica.

      Pero, a parte desas fronteiras flutuantes que dicía Stefan Zweig, o que máis me chama a atención, sobre todo en portolanos, cartas náuticas e outras antigas reproducións xeográficas, é a fantasía que predominaba neles.

     Aqueles cartógrafos a soldo de condes e monarcas debuxaban o que algún navegante lles contaba, estimando as distancias segundo o tempo empregado en cruzalas, e bastaba que un viaxeiro fantasiase con que vira uns tipos con dúas cabezas para que estes se exhibisen como dogma e ameaza. Aí aparecen os ventos soprando, barcos á ventura e desafiantes feras ameazando entre camiños imaxinados, pero tamén as supostas singularidades, que a quen non lle metían medo animábano a arriscar e comprobar se realmente no delta do Nilo había aqueles monstros que o cartógrafo pintaba ó lado das pirámides ou un pazo feito de ouro nalgún lugar da China. Aqueles debuxantes eran verdadeiros surrealistas antes ca científicos, esmerándose en adornar as cidades e países con hipotéticos edificios ou cos animais máis exóticos, pero tamén, cando o país representado non era da corda do monarca ou nobre que lle pagaba o soldo, xurdían os máis bárbaros seres para asustar ós posibles turistas, o que convertía a estes mapas nunha das ferramentas políticas máis interesantes desde o mesmo día en que foron inventados.

     Así, mentres Mercator e outros xeógrafos procuraban a mellor maneira de representar sobre un plano a superficie esférica do mundo aplicando a trigonometría, a fantasía seguiu modificando mapas aínda nos tempos da Ilustración, segundo o interese de cada quen, acercando territorios ou inventando cidades. Algo do que Napoleón se decataría e polo que mandou ós seus xeógrafos a levantar mapas do mundo para non perderse.

      Pero, a parte de detalles de apreciación debidos ós rudimentarios aparellos de medida, máis erróneos canto máis superficie abarcaban, alí onde non sabían que había inventaban e poñían un límite que detiña todo avance, xa fosen as fervenzas da fin do mundo ou aquelas famosas montañas de Kong, no corazón de África, que a finais do século XVIII apareceron por primeira vez dándolle veracidade ás fantasiosas historias do explorador inglés Mungo Park, e que durante case un século non faltaron nos mapas; ata que en 1889, cando se demostrou que non existían, con certa timidez por ter que reparar o que xa era unha tradición, comezaron a borralas. Pero aínda así un chamado mapa avanzado de Oxford de 1928 incluíunas, e non sei por que en 1995, na era do “corta e pega” volveron a aparecer as citadas montañas fantasma nun mal Atlas, máis propio de coleccionistas de rarezas. Nada que ver coa inxente labor de don Domingo Fontán, percorrendo cos seus teodolitos, sextantes e barómetros a lombo de mula, todas as aldeas, vilas e casais galegos durante case vinte anos para cartografar, con métodos científicos e por primeira vez en España, o mapa de Galicia que presentou en 1834.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario