xoves, 2 de xullo de 2015

CASAS MUSEO





Por Pepe de Rocaforte
            Cada vez é máis frecuente a proliferación de casas dedicadas a conservar a memoria de determinadas personalidades e, ó mesmo tempo, fomentar en certa medida o turismo. Na Coruña, sen ir máis lonxe, temos variados exemplos: dedicadas a un personaxe político, a Casa-Museo de Casares Quiroga; a un pintor, a casa onde viviu Picasso; a unha figura histórica, a Casa-Museo de María Pita; ou a un literato ou literata, a Casa-Museo da Pardo Bazán.
            Este último caso, o das personaxes literarias, vén sendo o máis abundante. En Galicia contamos coa Casa de Rosalía, en Padrón. A Casa-Museo de Camilo José Cela, case ó lado, en Iria. Ou a de Otero Pedrayo, en Amoeiro. Seguramente hai máis, pero agora mesmo non me veñen á memoria.
            Debo confesar que nunca tiven un excesivo interese en visitar estes lugares. De feito, dos citados anteriormente só estiven unha vez na Casa de Rosalía e outra na de Otero Pedrayo. Non se me ocorreu entrar na de Camilo José Cela, nin na da Pardo Bazán, aínda que a esta teño ido, por outros motivos, ó salón de actos ou á biblioteca da Academia Galega.
  
          Todo esto veume á memoria cando na miña colaboración anterior reproducín a fotografía dunha reste de niños de anduriña no beirado dunha casa en San Martín del Castañar, que me trouxo o recordo doutra visita feita hai uns anos á casa de García Lorca en Valderrubio.
            Creo que desta casa non se leva falado moito. De feito Lorca non a citaba nos seus escritos e a explicación déunola un señor que nos fixo de guía naquela visita. A poboación chámase así desde os anos corenta do século pasado, cando se iniciou na bisbarra a plantación de tabaco rubio. Anteriormente chamábase Asquerosa, e resulta evidente que con semellante nome a Federico faríaselle costa arriba dicir, ou escribir: “voume de vacacións a Asquerosa”, ou: “estou pasando unha temporada en Asquerosa”.
            O guía foinos mostrando o que fora almacén de apeiros agrarios, agora auditorio onde, entre outros actos, se celebran representacións teatrais. O pozo a un lado do patio que, como outros exemplares que teño visto aquí en Galicia, é cuberto e cerrado cunha porta. Coa particularidade de ser compartido coa propiedade do lado, desde onde teñen outra porta de acceso a el. Desde este pozo disque Federico puido oír moitas veces as conversas e disputas das súas veciñas. Así empezaría a xermolar na súa cabeza o que anos andados se convertería nunha das súas grandes pezas teatrais: “La casa de Bernarda Alba”. Cóntoo como mo contaron.
            Proseguindo a visita entramos á vivenda, onde se nos foron mostrando as diversas dependencias, a cociña, a sala, o comedor, na planta baixa. Os dormitorios na planta alta. Camas, armarios… Todo como se continuase a ser unha vivenda habitual na que dun momento a outro aparecerían os seus habitantes. Pouco e pouco empecei a sentir unha sensación estraña, a nosa parecíame unha intromisión impúdica nas vidas dunhas xentes que soportarían a desgusto aquel asalto á súa intimidade. E acabei por saír ó exterior, anoxado comigo mesmo polo abuso que estabamos cometendo.
            Fóra todo era silencio nunha mañá fresca e soleada de primavera. Nunha laranxeira cativa xusto enfrente da porta, un paxariño chocaba os ovos no seu niño. Fíxenlle unha fotografía sen poder desbotar xa o sentimento de cometer outra intrusión. Tamén el tiña dereito á intimidade que a miña foto lle estaba a arrebatar.

            NOTA Á PARTE: O meu corrector de cabeceira indícame que o verso citado na miña colaboración anterior, “como saeta en el cielo”, é realmente “como saeta en el viento”. Eso sucede moitas veces por citar de memoria. Pido desculpas.

mércores, 1 de xullo de 2015

O KORRUNTXO DO OKUPA




  
          A publisidade do outro dia lévame aghora a publisista, palabra que cambiou de significado. Hoxe refírese presisamente á publisidade, o individuo que con ela traballa, tamén chamado publisitario. Antano, publisista era un ghicho que escribía sobre variados temas, un a xeito de xornalista que publisitaba ou daba publisidade a temática variada, maiormente cun afán de a divulghar, valla a redundansia. Eu mesmo, na miña vidiña ou vidorra anterior, que non deixo de añorar, cando era alghén, fasía ghala de publisista.
            Outras palabras cambiaron tamén, se cadra me referindo máis ben ao idioma castellano corrente... Cada día o xornal che aporta vocablos dos arghós profisionais ou ofisieiros que te deixan  a velas vir. Aí tedes o de excarselar, que che dá idea de que ao manghante de turno o liberaron por ter cumprida a sua pena... ou ter un superavoghado, que tamén... Pois non: calquera cristián que vaia en coche e fique preso da ferraxe cando un asidente... a ese pobre home (ou muller) veñen e excarsélano!
            Este dia lia dos cruseiros (e non é a primeira ves que xogho coa palabriña tal), pero dos cruseiros militares, pois é outra caste (eu diría que oposta á habitual nos nosos días) de cruseiro. Ben, neste caso non é que propiamente cambiase, é que se hai palabra que ten varias asepsións, esta é unha: ou non están os cruseiros das prantas ou planos das igrexas? É que, afortunadamente, na actualidade se fala máis dos cruseiros de osio que dos cruseiros de gherra.
      
      E xa que pasamos por Betansos, aproveito para tomar o tranvía... Non vos é por aforrar, é que o tranvía, xa sabedes, ten algho, como o mesmo tren, que coinside coa miña visión das mañás, si, ese tramo co que comesa o día. Tranvías e mañás teñen o seu aquel ghorenteiro ou ghorentoso (que son sinónimos, non como cheirento e cheiroso, que son opostos), hai que ver!
Polas mañás no campo amañese (que non é pouco) con todas as letras, e na sidade se amañese non o vemos, pero, iso si, o ar está máis limpo, como cando chove, para disilo claro. A lus é diferente, é máis acariñante, máis boíña... sobre todo cando un non ten obrigha e déixase ir, sen presas, por esas contornas como excursionando por unha vila outra. As tardes sonvos máis retranqueiras, ou serei eu?
            Pero non quero porme nostalxioso. O que realmente me deixa pampo é esa febre ghregharia, máis acusada, se cadra, na xente nova (aviso: eu chámolle nova dos sincuenta para baixo): a min paréseme de parvos amorearse por ver un cantante, ou por faser festa popular, con eses visos de selvaxe que chegha a ter en ocasións.
           A verdade, as únicas consentrasións que xustifico, e mesmo apoio, e partisipo nelas cada tanto, son as que nasen e se forman para tentar presionar ao poder inxusto, para reivindicar algho, como está acontesendo acotío neste mundo traidor... As outras, lexítimas pero non compartidas polo coiote solitario, tantas veses derivan en espectáculos lamentables, como esas areas emporcalladas polas xentes sanxoaneiras, ou esas multitudes embadurnadas en tomate, ou en viño...
            Deixémolo aí, porque ainda me ides tachar de aughafestas: si, non o negho, festeiro, festeiro, o que se di festeiro (para que me entendades) nunca moito vos fun... e así me foi, sen por iso deixar de bailar polo pan, como disque fai co rabo o can.