mércores, 2 de decembro de 2015

MES DE DEFUNTOS




Por Pepe de Rocaforte
            Hai moitos ditos alusivos ó mes de novembro, agora mesmo venme á memoria o de “ditoso mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés”, pero en relación con este que acaba de rematar paréceme máis adecuado o de “Mes de defuntos”.
            Nos últimos dez días teño presentes tres mortes, unha dentro da familia, as outras a de Xosé Neira Vilas e pouco despois a de Xosé Chao Rego, dúas figuras entre as máis importantes da nosa cultura.
            Con Chao Rego non cheguei ter trato. Recordo, eso si, que alá a mediados dos anos setenta do século pasado, era el crego na parroquia ferrolá de Santa Mariña do Vilar, escribinlle unha carta bastante estúpida por causa dun artigo seu aparecido na Voz de Galicia, ó cal na miña ignorancia fora incapaz de lle entender a ironía triste con que estaba escrito. Respondeume cunhas liñas cheas de amabilidade que me converteron nun incondicional seguidor dos seus traballos.
            De todos eles non podo deixar de ter presente hoxe a súa monumental “Historia do Pobo de Xesús” en oito tomos que, eu ateo, seguín co máximo interese, como o traballo dun crente en quen moitas veces me pareceu albiscar uns tremendos esforzos por conservar unha fe que se lle facía en ocasións difícil de manter. O meu maior desexo a estas alturas é que o seu tránsito resultase apracible.

            De Neira Vilas, ¿qué vou dicir? Nestes días case todo o mundo cun nome na cultura galega se ocupou de darnos na prensa o seu eloxio póstumo. Mesmo tiven o desabor de ver unhas desafortunadas liñas de alguén, sempre empeñado en ser a noiva nos casamentos e o defunto nos velorios, que tivo a ben largar uns orneos discordantes, fóra de lugar e faltos de elegancia, co evidente propósito de levantar polémica e facer soar, do xeito que sexa, o seu nome na rede.
            Pola miña parte, o que vou facer será darme o gusto de reler unha vez máis as “Memorias dun neno labrego”. Paréceme o mínimo.

martes, 1 de decembro de 2015

Polo Nadal frío cordial



Nadal de frío cordial, di o refrán, pero tamén que cando o Nadal nada é sinal de boa anada ou que Nadal mollado trae xaneiro xeado.
Imos cara o solsticio. A noite vence ó día e estes son cada vez máis curtos. Pero aínda así, o almanaque, as festas e os festexos anímannos a pensar que iso das frías noites longas axiña acabará. Os cabalos de Neptuno xa están a punto de ser recibidos polo deus do mar e este cederallos a Apolo para que o sol volva ós cumes do ceo con novos bríos. Son días de esperanza, de celebrar o vindeiro medre das horas de sol. Os cristiáns co nacemento de Xesús e os romanos co nacemento de Mitra, pero ata ese día, os santos cristiáns e os deuses clásicos circularán polo almanaque anunciando ese agardado nacemento da luz e da vida que acabará triunfando sobre as tebras, e a natureza revivirá tras o inverno. Son días de lume aceso, de reunión con amigos e familiares, de camaradería, de boa mesa e de moitos contos.

O KORRUNTXO DO OKUPA




Con todo respecto, co maior respecto… e así polo estilo, dise e, a seghido, lánsaselle calquera improperio ao interlocutor: sonvos fórmulas que acabaron sendo pura e dura hipocrisía sosial… pois ao cabo demostran non ghardar o respecto mínimo que, como pouco, merese todo ser humano. Ou sexa, mera fórmula superfisial e falsa, ben logho contradisida polo fondo que a seghe.

Pois con todo respecto, para dar un exemplo, verghonsa de país que mete á virxemaría en deserebradas manobras de confrarías polisiais e tribunais constitusionais, a verdade que pouco e nada avansamos desde os tempos medievais, con parvadas tales: realmente non dá para aleghrarse con tales liortas absolutamente triviais ou banais!

Meus pobres neghriños ou pretos, antano levados á forsa das Áfricas nativas –casados (de casar bestas) polos seus propios connativos- ás Américas como escravos, e hoghano arrastrados ás Europas como aspirantes a seres con dereitos humanos dos que caresen nos seus eidos. Pero qué Europas lles tocan, iso que llelo perghunten aos outros, os refuxiados de Oriente.

Aí tedes aqueles que afirman que deustodolloperdoa, vaiapordeus, ghrasiasadiós, quedeusllopaghe e vaiaustécondió… así tododiós fai falcatruadas durante a sua vida toda, total, ao final, sabe que se pode arrepentir e aquí pás e despois ghloria… O malo é que a ou as vitimas non teñen ocasión de disfrutar dese serodio arrepentimento.

Sempre achei perverso que alghén que asasine e mande a alghénoutro ao inferno –sen ocasión de confesar os seus pecados mortais- logho atope o perdón da misericordia divina e vaia ao seo ou paraíso tan prometido… tendo, como tivo, a triste potestade de condenar ao lume eterno a un conxénere…

Esta Ighrexa Católica que por tantos séculos nos ten comido o coco, unha ves que selebra a Tódolossantos neste mes que finalisou, para qué entón ten cadanseu dia privativo para tanto santo como ten inventado, houbo, hai e haberá… porque seghe na teima de criar santos novos. Se por acaso fosen eliminando os santos vellos… Pois esta inflasión depresiativa vai en cabal descrédito dos santos mellores de nivel un, merghullados nesa selva de coleghas, muitos deles con máis de un milenio de santidade… aborresidos que estarán de tal suportar.


Santo André dos meus pecados, por serto, para serrar tal mes, que sendo xudéu levou ese nome ghregho, significando varonil ou baril… e dando derivados tan paveros como andróxina ou andropausia, todo tan irreverentemente sexual, tan pouco místico? Estas xentiñas xa non saben que inventare! Pero tamén temos termos relasionados menos pecaminosos, como antropoloxía ou antroposéntrico (aquí definindo a espesie Home, como home e muller)… Mandatruco!