luns, 5 de decembro de 2016

O torques, unha xoia divina



     
                                                      Galo moribundo (detalle)
    ¿Vén a palabra torques do vocábulo irlandés torc, que significa xabaril?. É posible, talvez debida a esa forma aberta que pode lembrar os cairos dun porco bravo.
           Porque o torques xa tiña este nome cando o cónsul romano Titus Manlius, que debía ser un broncas de coidado, despois de desafiar a un galo, pelexar con el e matalo, botoulle man ó colar que aquel levaba ó pescozo, púxoo coma quen pon unha medalla ó valor e non o sacou de encima nunca máis. Tal feito valeulle o alcume de Torquatus, e como todos sabemos, desde esa o tal nome propagouse ata chegar ó santoral. E a san Torcuato témolo nunha urna de prata no mosteiro de Celanova.
          Tamén desde aquela pelexa, o torques converteuse nunha sorte de condecoración para os soldados máis sobresaíntes do exército romano.
                                  caldeiro de Gundestrup (detalle)
         Pero se ben todos entendemos que o torques é unha especie de colar, ou que a mesma pomba torcaza recibe ese alcume precisamente pola mancha en forma de torques que ten no pescozo, non é menos certo que moitos deles, por gordos e ríxidos, de querer usalos como xoia non dan aberto o suficiente para que entren, e polo tanto, o seu destino non podía ser o de adorno tal e como o coñecemos e como se ve na fermosa figura do Galo moribundo. Por iso, circula a hipótese de que o torques tivese un segundo uso, tal o de obxecto que se porta a modo de cetro nalgún tipo de ritual, como se ve no gravado deste caldeiro de Gundestrup, datado no  século II a.C., e encontrado en Himmerland, Dinamarca, a finais do século XIX, onde se aprecia a un home que ergue na man un torques cara ó ceo.
           E agora volvemos a preguntarnos ¿que foi antes, a xoia ou o amuleto?.

venres, 2 de decembro de 2016

COINCIDENCIAS



Por Pepe de Rocaforte

 

Todos as vivimos, máis ou menos curiosas, pero en ocasións o encadeamento de dúas ou máis fainos pensar na posibilidade da existencia dunha lei que dirixe esto das coincidencias.
                En certa ocasión, nun fermoso día de outono, iamos a miña muller e mais eu para O Courel e detivémonos para lle botar unha ollada á igrexa do Hospital do Incio. Mentres andabamos arredor do adro, á espera do home que tiña as chaves para nola ensinar, chegou outra parella tamén con intención de visitar o monumento.


              Fixemos a visita todos xuntos e ó remate, despois de o guía nos facer a confesión de que moitos dos contos publicados por don Ánxel Fole nos seus libros fora el quen llos contara ó escritor alí no pazo do outro lado da estrada, (e abondaba con ver os anos do guía para imaxinar que a historia, de ter sido real, sucedería máis ben ó revés), seguimos camiño con idea de xantar en Seceda. A outra parella, madrileña segundo nos dixeran, marcharon antes, mentres nós aínda quedabamos por alí a dar unhas voltas.
            Algo máis tarde, á entrada da Ferrería do Incio, paramos para lle botar unha ollada ó lugar e vimos o coche dos madrileños que marchaba seguramente despois de facer o mesmo ca nós. Démonos un saúdo coa man.
             Chegamos a Seceda e volvemos ver marchar ós madrileños. Paramos onde eles acababan de saír, para irnos tamén despois de unha señora nos informar, como seica fixera cos outros viaxeiros,  de que por causa de se atopar enferma a cociñeira, a fonda estaba pechada. Continuamos, xa que logo, camiño de Seoane do Caurel, onde no restaurante onde entramos batemos de novo coa outra parella.
          Xa eramos coñecidos, de modo que nos xuntamos os catro a unha mesa, onde dunhas noutras o home contounos que de neno, por razón do traballo de seu pai, vivira en Santiago e alí tivera ocasión de coñecer a Borobó, a don Ramón Otero Pedrayo e a outros varios escritores galegos entre os cales tal vez se encontrase tamén don Ánxel Fole, non o lembraba ben.

          Ó cabo, despois de tomarmos uns cafés rematado o xantar,  despedímonos, xa se sabe, dándonos os nomes, teléfonos e enderezos, por se noutra ocasión cadraba de pasarmos pola cidade de residencia de uns ou outros podernos ver e falar de novo.
           Oito ou quince días máis tarde dáballe un repaso ás memorias de Fernández del Riego, “O río do tempo”, e no capítulo titulado “Antecedencia do labor cultural” batín cun nome que me fixo lembrar a conversa mantida co matrimonio madrileño en Seoane.
         Ó ver no libro de Del Riego a información sobre José Goñi Aizpurúa, director de La Noche e ideador do suplemento de cultura que aquel xornal sacou semanalmente entre outubro de 1949 e xaneiro de 1950, decateime de que aquela “grande persoa á que os galeguistas lle debíamos agradecemento e respeto”, en palabras de Del Riego, viña ser o pai do home a quen poucos días atrás coñecera de excursión polo Incio e o Courel.
          Coincidencia de atoparnos nun día calquera de entre semana naquelas paisaxes afastadas, e coincidencia de, poucos días despois, poñerme eu a repasar as memorias de don Paco Fernández del Riego.