xoves, 9 de marzo de 2017

BEN-CHO-SHEY E A GUERRA DO RIF



Por Pepe de Rocaforte
     O tema da guerra en Marrocos e a novela de Ramón J. Sender, “Imán”, axiña me trouxeron á memoria a Xosé Ramón Fernández-Oxea, “Ben Cho Shey”, quen nos deixaría a súa visión, entre irónica e amarga, daquel conflito bélico nunha reste de crónicas enviadas desde o Rif ó xornal ourensán “La Zarpa”, de Basilio Álvarez, dirixido por Roberto Blanco Torres. Aquelas crónicas, escritas entre 1921 e 1922, durante o seu servicio militar, serían recollidas no libro “Crónicas de Marruecos”, publicado pola Editorial Sotelo Blanco en 1985.
     En cada unha destas crónicas Ben Cho Shey, por medio da descrición de retallos da vida cuartelaria, de relatos anecdóticos, de cadros da vida nos cuarteis e nos campamentos militares, descríbenos de primeira man o ambiente, as miserias e as escasas alegrías daquel exército mal equipado e peor dirixido que tantos mortos españois deixou nos anos vinte do século pasado en terras rifeñas.
     Outro soldado, o xa noso coñecido Ramón J. Sender, escribiría un pouco máis tarde, entre 1923 e 1924, outra colección de artigos no xornal melillense “El telegrama del Rif”, así mesmo durante o cumprimento do seu servicio militar. Lamento non ter podido ler eses artigos para comparalos cos de Xosé Ramón Fernández.
     Pero  xa que teño diante outros textos, quero deixar constancia dun par de parágrafos, un de cada un destes dous autores. Na crónica “Un rato a galleguismo” di Ben-Cho-Shey: «Yo también [...] me sentí indignado, dolido y hasta avergonzado de estar aquí luchando en nombre de una nación civilizada que tiene unos hijos más inciviles, si cabe, que estos moros que pretenden colonizar».
     E Sender, na terceira parte de “Imán”, “Salvación-La guerra-Licenciamiento-La paz de los muertos”, escribe: «El cabo, de espaldas, está curando con su paquete individual al viejo árabe. Después de verterle el yodo en las dos heridas le envuelve cuidadosamente la garganta con gasa. Luego le da una palmada en el hombro y le dice gritando epilépticamente: -¡Vosotros tenéis razón! Advierte, por la mirada del moro, mi presencia. Recoge el fusil y se cuadra lo mismo que en unas maniobras. Sale delante de mí. Ya fuera, me dice: -¡Me ha dao lástima!»
     Tal vez estea cometendo unha falsificación, porque se trata de situacións diferentes e enfoques distintos, pero no fondo veñen mostrar ambas algo tan importante como é a comprensión de ambos autores con respecto ó inimigo.
     Xa como remate confesarei o meu descoñecemento da posible existencia doutros textos de autores galegos sobre aquela guerra, habida conta de que alí tamén fixo Rafael Dieste o seu servicio militar, coincidindo con Ben-Cho-Shey no mesmo lugar e nas mesmas datas: Melilla e o Rif, entre 1921 e 1923.

martes, 7 de marzo de 2017

A cunca do caldo



             
       A cunca do caldo é algo máis ca un símbolo de riqueza e benestar nun poema de Rosalía, tamén é un elaborado aparello en que se mestura a física e a enxeñeiría para maior satisfacción dos usuarios.
      Pola súa forma, o contido (que non só é caldo, senón tamén papas ou outros manxares de densidade variable), pode manterse na man, sen necesidade de mesa ou outro tipo de soporte, o que facilita o seu uso, con clara vantaxe sobre os pratos, pois o ter a base máis estreita, adáptase perfectamente ó oco que forma a palma cos dedos, e tamén, polo mesmo, facilita o repañado ata a última gota do seu contido. 
     Pola facultade de termofísica propia, a calor non se perde tan doadamente coma nun prato, polo feito de que a superficie de contacto co aire é menor e é maior a masa de produto quente que fica dentro dela, demorando así a compensación de temperatura co exterior da mesma.
       Endexamais veredes unha cunca do caldo de metal. E endexamais soubo mellor o caldo no prato ca na cunca, por iso non nos explicamos por que os restaurantes, tan preocupados por gorentarnos cos sabores, non usa a cunca do caldo cando nolo sirven.
      Contaban nas aldeas da montaña luguesa, como a mocidade acostumaba a coller a cunca e saír con ela ó rueiro onde compartía conversa mentres saboreaban o seu contido ben temperado.      
     Sirva esta reseña para reivindicar o seu uso.

xoves, 2 de marzo de 2017

O DESASTRE DE ANNUAL



Por Pepe de Rocaforte
     Como supoño que resulta evidente, continúo a voltas coa lectura dos relatos de Lucia Berlin incluídos en “Manual para señoras da limpeza”, e no titulado “Querida Conchi” encóntrome con este parágrafo: «Non conseguín praza nas clases de Ramón J. Sender ata o próximo semestre [estase referindo a autora á súa época como estudiante na Universidade de Novo México, en Albuquerque, a partir de 1955]. Díxenlle que “Crónica del alba” era o meu libro favorito. “Xa, pero claro, es moi nova”, díxome. É tal como o imaxinaba, só que vello de verdade. Moi español e arrogante, todo un señor».
     Á parte do detalle de considerar a Sender moi vello (daquela  o escritor aragonés tiña cincuenta e catro anos. Certo que ela andaba polos dezanove, o cal, naturalmente, relativiza a impresión) resúltame curioso encontrar un autor norteamericano coñecedor da obra dun escritor contemporáneo español, o cal non debe ser moi frecuente. Claro que Lucia Berlin tiña un completo dominio do castelán, adquirido nos  anos vividos en Chile, onde cursou todo o ensino secundario.

     Esta alusión a Sender tróuxomo á memoria e despois de moito tempo volvinlle botar unha ollada a algúns dos seus títulos. Non a “Crónica del alba”, título no cal case todos os críticos coinciden con Lucia Berlin a hora de considerala a súa mellor novela (a mellor do exilio español do século XX, xunto con “La forja de un rebelde” de Arturo Barea).
     Pero, despois de ter comentado aínda non hai moito as novelas pacifistas do alemán Ernst Glaeser, citarei hoxe a tal vez mellor novela anti-belicista e anti-militarista escrita en España. Refírome a “Imán”, do mesmo Ramón J. Sender da “Crónica del alba”.
     En “Imán” o desastre de Annual é narrado de tal xeito, con tal proximidade, con tal verismo, que mentres lemos parécenos estar vivindo aquela aventura demencial, xusto dentro dela, no medio do caos provocado pola ineptitude duns mandos dun exército competente tan só para reprimir ós propios cidadáns que o manteñen e soportan.
     Non parece estraño que semellante novela producise proídos na clase militar e aínda agora lemos críticas desta novela cuns enfoques que, cando menos, non deixan de nos producir certa estrañeza. Non é raro logo ver a relativa escuridade en que “Imán” se remexe para non caír no inxusto sono dun olvido totalmente inmerecido.
      Parece incrible que se trate da primeira novela do autor, tan madura e traballada como está.