luns, 4 de febreiro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (4)


                                                                                    O Curmán de Undochán
      Non me queda outra que tornar ao mar! (Será a miña afeizón que me fai dicir que, así sexa París, unha cidade sen mar non me serve). Esa mar océana que fica 130 km. ao leste desta capital, onde as convencións xeográficas determinan que o Río da Prata (nome, por certo, que lle daban e dan os lusobrasileiros) remata no acidente xeográfico  onde se asenta a cidade de Punta del Este que, con Mar del Plata (Arxentina) e Viña del Mar (no Pacífico chileno), conforma a triada dos balnearios do chamado Cono Sul. O océano uruguaio, pois, chega ata os límites co Brasil.
      O porto de Montevideo está ao norte da Cidade Vella. E nel xa marcaron presenza os galegos decimonónicos, formando na colla de estibadores (pandilla de changadores). Mesmo no aspecto estritamente marítimo, famoso foi Benito Borrazás (Coruña, 1854), capitán que dedicou longos anos ao salvamento de náufragos, ao punto de co tempo (1957) levar o seu nome a embarcación que a tal cometido se dedicaba.
      Se non for no peirao, moitos galegos xa se instalaban na propia Cidade Vella, primeiro como dependentes, despóis como donos de almacenes e boliches, isto ata ben entrado o século XX. Almacén é o equivalente ao ultramarinos español. Boliche denomina unha vinería, que tamén podía facer parte do almacén (logo se chamou baar ou bar). A pulpería viña a ser un almacén e boliche, todo en un, no medio rural.
     (Como non lembrar a un almacenero eminente, ao que lle quedaba pequeno o negocio, cal foi D. Antón Crestar Faraldo, un culto activista fundamental do galeguismo nesta beira do Prata, que nos anos 80 foi homenaxeado no seu Miño natal: ideas suas foron as Xornadas de Cultura Galega -desde 1956- ou o encargo da cabeza de Castelao que acabou instalada en Rianxo, pola primeira volta na nosa terra. Como exemplo de bolichero venme ás mentes Manolo Touriño, de Agudelo-Barro, ao que o lexendario cantautor Alfredo Zitarrosa lle dedicou unha peza, na que intercala anacos en galego tales "Polo rio abaixo vai"... ou "Tua nai non o ten"...).
De 1931 é este bar fundado polo galego Jesús Tasende
     Moreas de boliches esquineiros, dos que ainda resta un comprido número, marcaron a vida dos montevideanos: difícil era que tras do mostrador (ou estaño) non estivese un pachorrudo galego. E os nomes de onte e de hoxe, quer do apelido, quer da aldea do dono, así o cantan: Outes, Don Trigo, Castrobó, Facal, Torrado, Coristanco, Tasende, Añón, etc., etc. Aí se cataba e cata a grapa (italianismo que se impuxo ao noso augardente ou oruxo), grapa con limón; mais tamén a cana brasileira, amén da infinita gama de beberaxes de toda caste... isto sen saírmonos do consumo tradicional e enxebre.
     
     Nota extemporánea: "El lunes remata Taibo/ y cuando Taibo remata/ todo el mundo gana plata" (rematador ou martillero: subastador de toda clase de enseres; o anuncio é histórico).

sábado, 2 de febreiro de 2019

Illamento social


                


     Onde queda aquel cemiterio de aldea, que tanto botaba de menos o esqueleto do ollo de vidro, de Castelao, porque ó menos alí, arredor da igrexa, xuntábanse cada domingo os veciños a falar e o finado podía pórse ó día cos acontecementos da veciñanza, mentres que nun de cidade os finados viven illados, anda cada un á súa, e non participan das vicisitudes dos paisanos. Por iso mesmo é tan estimulante cando, paseando por unha das chamadas “rotas do colesterol”, encontramos amigos ou veciños que por algunha razón non acostumamos a ver nos locais máis usuais de encontro, tal o bar ou o adro da igrexa, e o paseo que noutras ocasións dura unha hora (a mínima cantidade de tempo recomendada polo meu médico de familia), a andaina, ou máis ben a duración do paseo, pode estenderse por máis de dúas horas. O que vén demostrar o illados que vivimos a pesar de que os medios de comunicación nos fan chegar antes a noticia dun caiuco perdido no medio do mar ca o regreso do noso veciño dunha campaña pesqueira.
     Botamos en falta a comunicación directa, a necesidade de reunirnos, de verlle a cara ó noso interlocutor, e por iso se fan tantas ceas de antigos alumnos, amigos do barrio ou compañeiros de mili, pero despois de expiarnos en saúde e logros volvemos a esa reclusión premeditada sobre a que, sen embargo, veño de saber que foi tan fundamental na evolución como o ser gregario, segundo apuntan uns investigadores escoceses, deixando claro que os animais que se apartan da manada poden desenrolar funcións que melloran a especie, non sei se por cavilar en paz, por evitar as críticas de prólogo ó seu labor ou por non seguir a norma (rariños hóuboos sempre, chámese san Xerome, Galileo ou Newton).  Algo que, na miña experiencia, faime lembrar, asemade, a aqueles veciños túzaros e insociables, que responden ó saúdo cun único movemento de cabeza, que expían desde detrás das cortinas a quen vén ou quen vai, ou que se fan os despistados cando se encontran con alguén; pero tamén a aqueles outros que na súa aparente soidade melancólica ou de romántica cavilación atraen a curiosidade do sexo oposto. A soidade dá para todo.

     Sempre se pensou que se evolucionamos foi porque nos relacionamos, e quen non ficaba extinguido, que se temos xenes de neandertais é porque o sapiens tampouco andaban con melindres racistas, porque intercambiamos opinións e habilidades ou nos axudamos nas faenas cotiás. Aínda así tamén recoñecemos que moitas veces sentimos a necesidade de que non nos molesten, de recluírnos, esquecernos de todo canto nos rodea e ficar paspando, algo que estes investigadores escoceses, como queda dito, valoran como un proceso positivo no campo evolutivo, comparándoo (ou poñendo de exemplo) coa  actividade dun sapo australiano, cuxo macho se arreda de todos procurando unha vida de ermitán en novas e arredadas rexións, para facerse o interesante e atraer ás femias da contorna co fin de estender a súa especie e conquistar por medio da descendencia novos territorios e lugares de expansión. O que me lembra aquela pasase da haxiografía de san Simón o Estilista, quen sabendo de que pé coxeaba, tíñalle prohibido ás mulleres acercarse a onde el meditaba sobre unha columna, e cando unha devota fan se lle acercou procurando a súa beizón, botoulle tal sarta de pestes que a pobre seareira morreu do desgusto.
     Pola miña parte seguirei asistindo ós parladoiros tabernarios sempre que me sexa posible.

xoves, 31 de xaneiro de 2019

RAFAEL DIESTE E ROBERTO BOLAÑO


Por Pepe de Rocaforte

Un dos propósitos que me fixen para este ano foi o de lle meter man a unha reste de libros que tiña por aí desde hai tempo sen atreverme a empezar a súa lectura, atemorizado pola extensión disuasoria dos mesmos. Tal foi o caso de “Por unha causa xusta”, do que xa falei, e tal é tamén o caso de “2666”, a novela de Roberto Bolaño que me puxen a ler nestes días.

Para min o máis admirable de Bolaño é esa facilidade tan difícil de adquirir para poñerse a escribir unha historia sen a inflar de literatura, como se cha estivese contando mentres dades un paseo polo Monte de San Pedro, poño por caso, nunha mañá de sol e sen vento, que aquí na Coruña tamén as hai. A razón de me ocupar hoxe de “2666”, máis que a súa extensión e a súa innegable calidade, é o espacio dedicado nela a Rafael Dieste e ó seu “Testamento xeométrico”.

Un dos varios protagonistas da novela conta como con motivo dun traslado (de Barcelona a Santa Teresa, ou Ciudad Juárez, de Cataluña a Sonora) entre os libros que está embalando para levar encontra o "Testamento geométrico” e non ten idea de como chegou ó seu poder, nin sequera sabe quen demo é o autor.


Supoñendo que ó lector lle sucederá outro tanto, Amalfitano (así se chama a personaxe) reproduce a información que atopa no libro, “publicado por Edicións do Castro na Coruña en 1975. A edición foi posible gracias ó concurso dalgúns amigos do autor, que quedaban inmortalizados na páxina 4, onde dicía: La presente edición es un homenaje que ofrecen a Rafael Dieste: Ramón BALTAR DOMÍNGUEZ, Isaac DÍAZ PARDO, Felipe FERNÁNDEZ ARMESTO, Fermín FERNÁNDEZ ARMESTO, Francisco FERNÁNDEZ DEL RIEGO, Álvaro GIL VARELA, Domingo GARCÍA-SABELL, Valentín PAZ-ANDRADE y Luis SEOANE LÓPEZ”. A Amalfitano pareceulle un costume estraño o de poñer os apelidos dos amigos en maiúscula, mentres o apelido do homenaxeado estaba en minúsculas, e así o fai constar.

Logo conta que a información da contracapa faille supoñer que o autor é galego, posiblemente profesor na universidade da Coruña ou na de Santiago, os patrocinadores do libro tamén deben ser galegos e tamén profesores, e baixo esa nova luz “deixaban de facto de ser os amigos que se reúnen cada noite no casino para beber e falar de política ou de fútbol ou de queridas, para se converter coa velocidade do raio en honorables colegas de universidade, algúns xubilados, sen dúbida, pero outros en plena actividade e todos acomodados ou medianamente acomodados, o que non evitaba, certamente, que, unha noite si e outra noite non, se reunisen, como intelectuais de provincias, é dicir como homes profundamente solitarios pero tamén profundamente autosuficientes, no casino da Coruña para beber un bo coñac ou un whisky e falar de intrigas e de queridas mentres as súas mulleres ou, no caso dos viúvos, as súas criadas estaban sentadas diante da tele ou preparando a cea”.

Páxinas máis adiante o autor, en boca novamente de Amalfitano, fai unha corrección das anteriores apreciacións gracias a que na biblioteca da Universidade de Santa Teresa encontrou datos bibliográficos sobre Rafael Dieste. Pero así e todo non se resiste a deixar constancia de que García Sabell no prólogo “ata se concedía o luxo de citar a Heidegger”, comentario que aínda que non debamos atribuírlle ó autor, senón á personaxe, non deixa de facerme sospeitar unha certa posición de superioridade por parte de Roberto Bolaño en relación con eses “provincianos”.

¿Ou serei demasiado suspicaz?