Por
Pepe de Rocaforte
Un dos propósitos que me fixen para este ano foi o de lle meter man
a unha reste de libros que tiña por aí desde hai tempo sen
atreverme a empezar a súa lectura, atemorizado pola extensión
disuasoria dos mesmos. Tal foi o caso de “Por unha causa xusta”,
do que xa falei, e tal é tamén o caso de “2666”, a novela de
Roberto Bolaño que me puxen a ler nestes días.
Para min o máis admirable de Bolaño é esa facilidade tan difícil de adquirir para poñerse a escribir
unha historia sen a inflar de literatura, como se cha estivese
contando mentres dades un paseo polo Monte de San Pedro, poño por
caso, nunha mañá de sol e sen vento, que aquí na Coruña tamén as
hai. A razón de me ocupar hoxe de “2666”, máis que a súa
extensión e a súa innegable calidade, é o espacio dedicado nela a
Rafael Dieste e ó seu “Testamento xeométrico”.
Un dos varios protagonistas da novela conta como
con motivo dun traslado (de Barcelona a Santa Teresa, ou Ciudad
Juárez, de Cataluña a Sonora) entre os libros que está embalando
para levar encontra
o "Testamento geométrico”
e non ten idea de como chegou ó seu poder, nin sequera sabe
quen demo é o autor.
Supoñendo que ó lector lle sucederá outro
tanto, Amalfitano (así se chama a personaxe) reproduce a información
que atopa no libro, “publicado por Edicións do Castro na Coruña
en 1975. A edición foi posible gracias ó concurso dalgúns amigos
do autor, que quedaban inmortalizados na páxina 4, onde dicía: La
presente edición es un homenaje que ofrecen a Rafael Dieste: Ramón
BALTAR DOMÍNGUEZ, Isaac DÍAZ PARDO, Felipe FERNÁNDEZ ARMESTO,
Fermín FERNÁNDEZ ARMESTO, Francisco FERNÁNDEZ DEL RIEGO, Álvaro
GIL VARELA, Domingo GARCÍA-SABELL, Valentín PAZ-ANDRADE y Luis
SEOANE LÓPEZ”. A Amalfitano
pareceulle un costume estraño o de poñer os apelidos dos amigos en
maiúscula, mentres o apelido do homenaxeado estaba en minúsculas, e
así o fai constar.
Logo conta que a información da contracapa faille supoñer que o
autor é galego, posiblemente profesor na universidade da Coruña ou
na de Santiago, os patrocinadores do libro tamén deben ser galegos e
tamén profesores, e baixo esa nova luz “deixaban de facto de ser
os amigos que se reúnen cada noite no casino para beber e falar de
política ou de fútbol ou de queridas, para se converter coa
velocidade do raio en honorables colegas de universidade, algúns
xubilados, sen dúbida, pero outros en plena actividade e todos
acomodados ou medianamente acomodados, o que non evitaba, certamente,
que, unha noite si e outra noite non, se reunisen, como intelectuais
de provincias, é dicir como homes profundamente solitarios pero
tamén profundamente autosuficientes, no casino da Coruña para beber
un bo coñac ou un whisky e falar de intrigas e de queridas mentres
as súas mulleres ou, no caso dos viúvos, as súas criadas estaban
sentadas diante da tele ou preparando a cea”.
Páxinas máis adiante o autor, en boca novamente
de Amalfitano, fai unha corrección das anteriores apreciacións
gracias a que na biblioteca da Universidade de Santa Teresa encontrou
datos bibliográficos sobre Rafael Dieste. Pero así e todo non se
resiste a deixar constancia de que García Sabell no
prólogo “ata se concedía o luxo de citar a Heidegger”,
comentario que aínda que non debamos atribuírlle ó autor, senón á
personaxe, non deixa de facerme sospeitar unha certa posición de
superioridade por parte de Roberto Bolaño en relación con eses
“provincianos”.
¿Ou
serei demasiado suspicaz?
Ningún comentario:
Publicar un comentario