luns, 11 de febreiro de 2019

Crónicas desde o outro mundo (5)



                                                                        O Curmàn de Undochán

Plátanos centenarios desde o meu 9º andar…
    Esta primavera austral madrugou o florecemento das árbores. Tanto, que ao chegar eu xa pasara o tempo florido dos plátanos que protagonizan a flora urbana montevideana, xeralmente rexeitados pola peluxe cor de ouro vello que botan xenerosamente e causan conxuntivites a cachón. A maiores, as suas e as raiceiras horizontais doutras árbores, como os autóctonos paraísos, esbandallan os paseos das ruas (veredas no español do país), levantando as lousas que é un mal endémico nesta tan dispersa como hiper arbórea urbanización.


     Si puiden gozar da florescencia lila das jacarandás, miñas predilectas, seguida da amarela das tipas, a estraren aceras e calzadas cun manto tan vistoso como molesto para os porteiros de fincas e barrendeiros. Como amoladora é a caída das follas en toda estación, agás no desfollado inverno, por mor dos fortes ventos a quebraren as ponlas… por suposto moito máis mesta a follaxe no outono.
     Logo, cara a ese outono, virán os paloborrachos, coa sua espectacular eclosión de grandes flores rosadas e os seus troncos espiñentos e cun feitío abombado, semellante a unha botella, que foi tal vez o causante do seu nome popular… e son aínda máis invasivos do chan, mesmo a produciren perigosos esbaramentos dos peóns. Todas tres árbores autóctonas das Américas, como o ombú (a bela sombra dos brasileiros, do cal temos un exemplar nos xardíns coruñeses, sen dúbida prantado por algún americano), o ceibo (do que tamén hai un representante na Casa de Rosalía) ou a palmeira, esta con máis dunha variedade americana.
     Hai, porén, un arbusto do que só vemos nas ruas capitalinas as suas flores, pois pertence ao ámbito dos xardíns privados (sendo moi explotados comercialmente), cal é o xasmineiro, que dá esas a xeito de gardenias xigantes chamadas jazmín del Cabo (por proceder antano do Cabo de Boa Esperanza, beiras dun país que fica á mesma latitude xeográfica que este que nos ocupa). O seu recendo findaneiro nas esquinas urbanas é ben gorenteiro, tal o doutras variedades locais, como o delicado jazmín del país ou de lluvia, coas suas pequeniñas flores tamén brancas. Hibiscos e adelfas completan sen a esgotar a flora da cidade.
     Tamén madrugueira por estes lares é a luz do día: pergúntome por que para uns poucos amañece ás 5’30… sendo que para uns moitos anoitece xa ás 20’30, isto cando os días máis longos? Aqueles madrugóns da flora son naturais, en canto este adianto nos reloxios é artificial, como produto de quen mando no conto… e tan deslocado como o atraso horario da Galiza nas interminábeis tardiñas de xullo…

     Todo este arborado, a formar as típicas bóvedas –máis propias que serían de estradas rurais que de ruas urbanas-, asombra aos visitantes, mesmo aos veciños do sul, e entre eles a aquel coruñés porteño, Adolfo Rey. que rexistrou no seu ampuloso e retórico “Notas de verano” (Buenos Aires, 1914),  “el arbolado magnífico” de Montevideo… frondosidade da que lle falei ao alcalde Gelo Seoane, ao admirar a luxuriante riqueza vexetal de Oleiros, cando a festa en celebración do meu amigo Nacho Taibo.
Versos ad hoc: “Jacarandás de mi pueblo/viento lila entre las ramas…", que dixo o poeta.

sábado, 9 de febreiro de 2019

Os Adeuses

                              
     Un once de febreiro do ano 1976, apenas un ano despois de ter saído da cadea, cando se dirixía a coller o coche, Joseph Barboza foi cribado a tiros nunha rúa de San Francisco sen ter tempo a sacar o seu Colt 38, cando tan só contaba corenta e catro anos.
     José Barbosa, que era o seu verdadeiro nome, foi un boxeador de orixe portuguesa, quen nos Estados Unidos acadou máis fama por ser o único non italiano que formou parte da Mafia ca pola súa carreira deportiva, e a quen agora quere levar ó cine a Century Fox, non por emigrante ou deportista, senón por ter asasinado a máis de trinta persoas para, en palabras súas, darse a respectar; nese afán por querer destacar sobre o resto sen ter en conta a propia dignidade. E sen embargo este tipo tamén tiña cousiñas amables, como a de entreter ós nenos do barrio facendo imitacións dos personaxes de Disney ou escribir rimas (a poesía é outra cousa) durante a súa estancia na cadea. Pero ó final, abandonado de propios e alleos, como non tiña con que pagar a fianza para saír libre, converteuse en acusón e marchou a outra cidade con identidade falsa, ata que lle pediron contas.

     E non sei por que me ten que acordar hoxe este tipo, cando me chega a nova de que este sábado, día nove, en Ellis Island, van inaugurar unha exposición sobre a emigración galega nos Estados Unidos baixo o título Os Adeuses. Talvez me acorde porque, na emigración, as luces e as sombras mestúranse sen dor. E se ben é de agradecer que se faga esta exposición, precisamente no lugar onde se lle tomaba filiación a todos os desposuídos do mundo que chegaban a aquela terra coa esperanza de acadar o benestar propio e das súas familias, abocando as tremendas vicisitudes de tal condición, tanto para adaptarse ós costumes como para darse a valer, non podemos esquecer a tantos outros que entraron na terra do dólar sen fichar nesta illa, senón como polisóns cruzando o Atlántico en condicións infrahumanas, ou desertando do buque en que ían enrolados para que as seguintes xeracións tivesen acceso a unha vida digna.
     O mundo da emigración ten eses claroscuros que non debemos esquecer, tanto para prever o futuro como para entender a aqueles que hoxe buscan a súa dignidade entre nós; e entre os que non faltan, ben certo é, collas de maleantes sen escrúpulos, pero tamén unha inmensa maioría de persoas que só procuran ter un traballo digno e aportar con el unha fonte de esperanza. Case nada.
     Gustaríame que esa exposición promocionada polo Goberno galego se fixese aquí en Galicia antes de viaxar a USA. Agora só nos queda agardar a que logo a traían e percorra as bisbarras con máis forte presencia americana. Á fin aló temos barrios, e ata pobos enteiros nos que só se fala galego con seseo, sen necesidade de deixar a nosa pegada de película ó estilo dese tal Barbosa; unha pegada que por falta de morbo billeteiro o cine non vai inmortalizar, a pesares da dura e longa contribución que tantos veciños nosos aportaron durante os mellores anos das súas vidas, para o crecemento dese país, levando como única arma de defensa unha ferramenta de obreiro. Paisanos que tantas veces aínda deixaron alí os seus descendentes con apelidos tan enxebres como Cortizo ou Carballo, que aló acabarán trocándose en Cork e Oak, ata perder a identidade orixinaria.       
Tantas veces os adeuses do emigrante foron para sempre.

    

xoves, 7 de febreiro de 2019

FILMES E SALAS DE CINE


Por Pepe de Rocaforte
Para empezar confésome admirador de Woody Allen, aínda que as súas últimas películas me veñan decepcionando máis do que sería desexable. Para remedialo o que fago é volver de vez en cando ós seus filmes de antes e así continúo mantendo a miña admiración por el.
Onte tocoulle a revisión a “Días de radio” e vin de novo como nun determinado momento da película o rapaz narrador vai coa súa tía Bea e Chester, o noivo que tiña ela por aquel tempo, ó cine en Nova York, ó Radio City Music Hall. Foi como entrar no ceu, confesa o neno, nunca vira nada tan bonito.
A escena fíxome lembrar inmediatamente os cines da miña infancia. Na vila onde nacín, o meu primeiro recordo cinematográfico é o da existencia dun só cine, o “Salón Novedades”. Logo, cando xa tería uns seis ou sete anos, abriuse outro: o “Teatro Principal”. Os nomes con que a xente se refería a eles eran os de Cine Novo e Cine Vello.
Para min as mellores películas eran as que botaban no Cine Vello, principalmente as de vaqueiros, de espadachíns, de Cantinflas e outras polo xeito. A xente grande seica prefería as do cine novo, máis de falar, de amor e esas cousas aburridas, sen pelexas emocionantes nin loitas a espada ou a revólver. Pero cómpreme recoñecer que, como local, o do Cine Vello non tiña nada que facer ó lado do do Cine Novo.
Desde o primeiro día que entrei cos meus pais a ver unha película no Cine Novo, sentinme coma Woody Allen no Radio City Music Hall: aquelo era algo moi parecido ó ceu. Había un porteiro e un acomodador de uniforme. Na sala tiñan “sillóns”, acolledoramente forrados de tea, nas filas de máis atrás. E na parte de diante “butacas”, a prezo máis económico, pero a pelo, coma as do Cine Vello, máis duras e frías.

Pero o realmente impresionante eran as delicadas luces de cores cambiantes polas paredes laterais e arredor da pantalla, no escenario. E a música,  suave, melodiosa. E as alfombras. E a caloriña que alí dentro reinaba os días de inverno. Debo aceptar que todo eso contrapesaba en certa medida a maior calidade que os rapaces lle atopabamos ós filmes do Cine Vello.
Logo chegou un tempo (eu xa non vivía alí) en que os dous cines cerraron. Acabárase a súa época de esplendor. Despois o Teatro Municipal volvería abrir, creo que adquirido polo concello, e algunha vez que me cadrou estar por alí fun ver a representación dalgunha obra de teatro e outros actos de diverso tipo, que me fixeron acordar de cando, na miña infancia, vira un grupo de Santiago representando “O Fidalgo”, de San Luís Romero, unha peza teatral ¡en galego! Ou algunhas zarzuelas postas en escena creo que por un grupo de Ourense. Ou Antonio Machín, que daquela arrasaba na radio con “Angelitos negros”, “Madrecita del alma querida” e outras que non me veñen agora á memoria. E xa o colmo, a actriz Ana Mariscal chegou ó Cine Novo promocionando “Segundo López, aventurero urbano”, unha película dirixida por ela mesma. ¡A primeira vez na miña vida que vía unha artista de cine en carne e óso!
¡Tempos aqueles! Mágoa non ser un Woody Allen para volverlles dar a vida que merecen.