Por Pepe de Rocaforte
Para empezar confésome admirador de Woody Allen, aínda
que as súas últimas películas me veñan decepcionando máis do que sería
desexable. Para remedialo o que fago é volver de vez en cando ós seus filmes de
antes e así continúo mantendo a miña admiración por el.
Onte tocoulle a revisión a “Días de radio” e vin de novo
como nun determinado momento da película o rapaz narrador vai coa súa tía Bea e
Chester, o noivo que tiña ela por aquel tempo, ó cine en Nova York, ó Radio
City Music Hall. Foi como entrar no ceu, confesa o neno, nunca vira nada tan
bonito.
A escena fíxome lembrar inmediatamente os cines da miña
infancia. Na vila onde nacín, o meu primeiro recordo cinematográfico é o da
existencia dun só cine, o “Salón Novedades”. Logo, cando xa tería uns seis ou
sete anos, abriuse outro: o “Teatro Principal”. Os nomes con que a xente se
refería a eles eran os de Cine Novo e Cine Vello.
Para min as mellores películas eran as que botaban no
Cine Vello, principalmente as de vaqueiros, de espadachíns, de Cantinflas e
outras polo xeito. A xente grande seica prefería as do cine novo, máis de
falar, de amor e esas cousas aburridas, sen pelexas emocionantes nin loitas a
espada ou a revólver. Pero cómpreme recoñecer que, como local, o do Cine Vello
non tiña nada que facer ó lado do do Cine Novo.
Desde o primeiro día que entrei cos meus pais a ver unha
película no Cine Novo, sentinme coma Woody Allen no Radio City Music Hall:
aquelo era algo moi parecido ó ceu. Había un porteiro e un acomodador de
uniforme. Na sala tiñan “sillóns”, acolledoramente forrados de tea, nas filas
de máis atrás. E na parte de diante “butacas”, a prezo máis económico, pero a
pelo, coma as do Cine Vello, máis duras e frías.
Pero o realmente impresionante eran as delicadas luces de cores cambiantes polas paredes laterais e arredor
da pantalla, no escenario. E a música,
suave, melodiosa. E as alfombras. E a caloriña que alí dentro reinaba os
días de inverno. Debo aceptar que todo eso contrapesaba en certa medida a maior
calidade que os rapaces lle atopabamos ós filmes do Cine Vello.
Logo chegou un tempo (eu xa non vivía alí) en que os dous
cines cerraron. Acabárase a súa época de esplendor. Despois o Teatro Municipal
volvería abrir, creo que adquirido polo concello, e algunha vez que me cadrou
estar por alí fun ver a representación dalgunha obra de teatro e outros actos
de diverso tipo, que me fixeron acordar de cando, na miña infancia, vira un grupo de Santiago representando “O Fidalgo”, de San Luís
Romero, unha peza teatral ¡en galego! Ou algunhas zarzuelas postas en
escena creo que por un grupo de Ourense. Ou Antonio Machín, que daquela
arrasaba na radio con “Angelitos negros”, “Madrecita del alma querida” e outras
que non me veñen agora á memoria. E xa o colmo, a actriz Ana Mariscal chegou ó
Cine Novo promocionando “Segundo López, aventurero urbano”, unha película
dirixida por ela mesma. ¡A primeira vez na miña vida que vía unha artista de
cine en carne e óso!
¡Tempos aqueles! Mágoa non ser un Woody Allen para
volverlles dar a vida que merecen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario