Un
once de febreiro do ano 1976, apenas un ano despois de ter saído da cadea,
cando se dirixía a coller o coche, Joseph Barboza foi cribado a tiros nunha rúa
de San Francisco sen ter tempo a sacar o seu Colt 38, cando tan só contaba
corenta e catro anos.
José
Barbosa, que era o seu verdadeiro nome, foi un boxeador de orixe portuguesa,
quen nos Estados Unidos acadou máis fama por ser o único non italiano que
formou parte da Mafia ca pola súa carreira deportiva, e a quen agora quere
levar ó cine a Century Fox, non por emigrante ou deportista, senón por ter
asasinado a máis de trinta persoas para, en palabras súas, darse a respectar;
nese afán por querer destacar sobre o resto sen ter en conta a propia
dignidade. E sen embargo este tipo tamén tiña cousiñas amables, como a de
entreter ós nenos do barrio facendo imitacións dos personaxes de Disney ou
escribir rimas (a poesía é outra cousa) durante a súa estancia na cadea. Pero ó
final, abandonado de propios e alleos, como non tiña con que pagar a fianza
para saír libre, converteuse en acusón e marchou a outra cidade con identidade
falsa, ata que lle pediron contas.
E
non sei por que me ten que acordar hoxe este tipo, cando me chega a nova de que
este sábado, día nove, en Ellis Island, van inaugurar unha exposición sobre a
emigración galega nos Estados Unidos baixo o título Os Adeuses. Talvez me acorde porque, na emigración, as luces e as
sombras mestúranse sen dor. E se ben é de agradecer que se faga esta
exposición, precisamente no lugar onde se lle tomaba filiación a todos os
desposuídos do mundo que chegaban a aquela terra coa esperanza de acadar o
benestar propio e das súas familias, abocando as tremendas vicisitudes de tal
condición, tanto para adaptarse ós costumes como para darse a valer, non
podemos esquecer a tantos outros que entraron na terra do dólar sen fichar
nesta illa, senón como polisóns cruzando o Atlántico en condicións
infrahumanas, ou desertando do buque en que ían enrolados para que as seguintes
xeracións tivesen acceso a unha vida digna.
O
mundo da emigración ten eses claroscuros que non debemos esquecer, tanto para
prever o futuro como para entender a aqueles que hoxe buscan a súa dignidade
entre nós; e entre os que non faltan, ben certo é, collas de maleantes sen
escrúpulos, pero tamén unha inmensa maioría de persoas que só procuran ter un
traballo digno e aportar con el unha fonte de esperanza. Case nada.
Gustaríame
que esa exposición promocionada polo Goberno galego se fixese aquí en Galicia
antes de viaxar a USA. Agora só nos queda agardar a que logo a traían e
percorra as bisbarras con máis forte presencia americana. Á fin aló temos
barrios, e ata pobos enteiros nos que só se fala galego con seseo, sen
necesidade de deixar a nosa pegada de película ó estilo dese tal Barbosa; unha
pegada que por falta de morbo billeteiro o cine non vai inmortalizar, a pesares
da dura e longa contribución que tantos veciños nosos aportaron durante os
mellores anos das súas vidas, para o crecemento dese país, levando como única
arma de defensa unha ferramenta de obreiro. Paisanos que tantas veces aínda
deixaron alí os seus descendentes con apelidos tan enxebres como Cortizo ou
Carballo, que aló acabarán trocándose en Cork
e Oak, ata perder a identidade
orixinaria.
Tantas veces os adeuses do emigrante
foron para sempre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario