martes, 28 de abril de 2015

DE ARATA ISOZAKI ÓS ARROACES DE KNOSSOS



Por Pepe de Rocaforte


           Conversaba o outro día cun amigo sobre o tema recurrente das copias ou imitacións no mundo da arte. Todo empezou ó facermos a comparanza entre o aspecto exterior do Teatro Arriaga de Bilbao e o do Teatro Nacional de Viena. Neste caso, dicíamos, para falar de copia,  compre ter en conta a utilización que se lle vai dar ó edificio, porque o seu destino condicionará a estrutura e mesmo a forma exterior da obra.

            O tema levounos a outro, que máis que tema é teima en min desde hai moitos anos: o da copia, a imitación e o plaxio na creación literaria. Non sei se neste blog ou nalgún outro sitio por aí xa comentei algunha vez unha frase que lle oín a Augusto Abelaira, o excelente escritor portugués, descendente de galegos da Limia.
            Dicía Abelaira que cando aquel anónimo autor sumerio do segundo milenio antes de Cristo rascuñou un ladrillo para deixarnos escrito “hoxe abrín a fiestra e ó mirar o mundo diante de min sentinme triste”, aí nesas tres breves oracións, “abrín a fiestra”, “mirei o mundo”, “sentinme triste”, está o xermolo de toda a posterior literatura no mundo. Todo cando se escribiu despois, afirmaba Augusto Abelaira, é plaxio.

            Hoxe, como empecei co apartado arquitectónico, vou propor un par de exemplos ben próximos, doados de observar sen problemas. Remítome ás fotos, e quen queira opinar que opine, unha da Domus da Coruña, obra do xaponés Arata Isozaki, e outra do Centro Comercial As Cancelas, de Santiago.
   
         E xa postos a elo, acompaño de propina outras dúas fotografías, unha do fresco dos arroaces no palacio de Knossos, en Creta, e a outra dun mosaico de Xabier Correa Corredoira en Santa Cristina (Oleiros). Non vou dicir cal é máis antigo nin máis recente, non vaia sucederme como hai anos no Palacio da Pena, en Sintra, onde me pasei de listo no comentario de cómo os portugueses copiaran o castelo de Neuschwanstein, do rei Luís II de Baviera, e axiña fun corrixido e informado de que o Palacio de Sintra era vinte ou trinta anos anterior o castelo alemán.

luns, 27 de abril de 2015

NO NOME DA MAÑÁ


Por Pura Tejelo
                                                                                        Ilustración de Lola Fernández



No nome da mañá, que enche de osíxeno os ollos alabarados
                                dos nenos encoiros dun país de mar.

No nome da árbore, que pervive a pesares de ti, humano
                                destrutor.

No nome da flor, belido froito da magnolia,
                            arrecendo narcótico do amor.

No nome dos imnominados, que carecen de todo
                           e outros exiben ostentación.

No nome deste sol, único xuíz, que ilumina o mundo
                          de xeito ecuánime.

No nome dos que aman, capaces de sufrir
                           o desamor.

No nome dos ríos, de auga de cristal,
                      nos que aniña o futuro.

No nome do sorriso, amable mencer
                       que derrite xeos e dores.

No nome da sombra, que permite que a luz
                      debuxe unha contorna refrescante.

No nome da fonte, na que lavo os cabelos
                     e encóntrome, ferida, contigo.


sábado, 25 de abril de 2015

Consellos a unha embarazada (V)



O nacemento anunciado.
            Antes de que existisen as ecografías, había varios sistemas para saber se o futuro recén sería home ou muller, así, prognostícase que o segundo fillo será varón se o primeiro aperta unha boneca; pero tamén segundo a lúa de cando naceu o anterior fillo, tal e como sentencia o refrán “nacido en crecente outro diferente, nacido en minguante outro igualante”, o seguinte, se entende. Ou observando a forma da barriga, pois se esta é alta e puntiaguda, será home e se é redonda e un pouco baixa será muller. E tamén, se a embarazada ten por costume saír da casa co pé dereito será varón e se co esquerdo muller.
            Así mesmo, ha de estar atenta a futura nai á calidade de persoa do que leva no seu ventre por se dá signos de intelixencia prenatal.
            Xa sabemos que a grande marabilla que se opera nos pais é sentir as patadiñas do feto, un anuncio de vida digno de gorentar. Mais aínda hai un signo que vai máis aló da vida deportiva do non nato, e é cando se anuncia que o ser que medra no ventre será un sabio, e este caso só se dá cada sete xeracións por vía de primoxenitura masculina. Así pois, se ante algún tipo de preocupación a nai sente unha voz saída do seu interior que a advirte, ou lle comenta algo, xeralmente referente ás cousas da casa, tal que se lle queima a comida, Que alguén que tarda en chegar xa está en camiño, ou que lle dá consello ou advertencia sobre algo que vai suceder moi axiña, pode estar segura que foi o seu futuro fillo quen falou. Pero, de darse o caso, non debe comentalo con ninguén ata que o crío naza, pois senón ela abortará. E cando naza, para saber se realmente o neno é sabio ou non, só ha de mirarlle o ceo do padal, onde estará representada a roda partida de santa Catalina, dúas medias circunferencias que son o indicativo da súa sabedoría.
            Claro que ante estes casos sempre hai quen opón razóns fisiolóxicas, tal que é unha carencia de soldadura dos ósos do padal, que xa irán soldando en poucas semanas. Pero iso é cousa que só cren os incrédulos dos médicos e quen lles fai caso.
            Para prever que o mal aconteza, un dos remedios é deitar unha galiña.