Por Pepe
de Rocaforte
O tema levounos a outro, que máis que
tema é teima en min desde hai moitos anos: o da copia, a imitación e o plaxio
na creación literaria. Non sei se neste blog ou nalgún outro sitio por aí xa
comentei algunha vez unha frase que lle oín a Augusto Abelaira, o excelente
escritor portugués, descendente de galegos da Limia.
Dicía Abelaira que cando aquel
anónimo autor sumerio do segundo milenio antes de Cristo rascuñou un ladrillo
para deixarnos escrito “hoxe abrín a fiestra e ó mirar o mundo diante de min
sentinme triste”, aí nesas tres breves oracións, “abrín a fiestra”, “mirei o
mundo”, “sentinme triste”, está o xermolo de toda a posterior literatura no
mundo. Todo cando se escribiu despois, afirmaba Augusto Abelaira, é plaxio.
Hoxe, como empecei co apartado
arquitectónico, vou propor un par de exemplos ben próximos, doados de observar
sen problemas. Remítome ás fotos, e quen queira opinar que opine, unha da Domus
da Coruña, obra do xaponés Arata Isozaki, e outra do Centro Comercial As
Cancelas, de Santiago.
E xa postos a elo, acompaño de propina
outras dúas fotografías, unha do fresco dos arroaces no palacio de Knossos, en
Creta, e a outra dun mosaico de Xabier Correa Corredoira en Santa Cristina
(Oleiros). Non vou dicir cal é máis antigo nin máis recente, non vaia sucederme
como hai anos no Palacio da Pena, en Sintra, onde me pasei de listo no
comentario de cómo os portugueses copiaran o castelo de Neuschwanstein, do rei
Luís II de Baviera, e axiña fun corrixido e informado de que o Palacio de
Sintra era vinte ou trinta anos anterior o castelo alemán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario