venres, 25 de setembro de 2015

Viaxe cara o solpor



7ª xornada pola tarde, camiño de lires, con sede e desexo de chegar

      

          E como segundo as previsións están preto o pobo de Touriñán, descoidan a previsión de auga. Mais en todo o camiño sorpréndeos a falta dunha taberna, xa non un bar nin unha tenda, seón unha taberna, un daqueles bazares de viño bendicido de antano, onde na mesma pesa se pesaba a fariña, a carne e o peixe, onde o estante do pan e das larpeiras compartía habitáculo con zapatos e cadernos escolares. Aquelas si que eran tendas, e a caixa rexistradora a cabeza do tendeiro, verdadeiros expertos en cálculo mental. Por non haber non hai nin unha fonte ou local onde satisfacer tan elemental necesidade de camiñantes sedentos por comer carne de cazapo chamuscado, destes peregrinos do solpor, que non atopan a ningún ser vivo nesta senda esgotadora, quen sabe se por mor de que o deus do coello decidiu castigalos por ter asasinado a un dos seus fieis, e daquela, se expoñemos esta posibilidade a pregunta é, que fai o deus dos humanos que non xustifica a necesidade alimentaria dos seus peregrinos. Claro que, como un é ateo e o outro por aí vai, o deus dos humanos nin se molesta en chegar a un acordo de consenso co deus dos coellos.


          E mentres as divindades discuten, o sol e a sede, en terreo desprovisto de regatos, de fontes, de casas, ensume ós peregrinos na dúbida de se serían mellor atendidos de deixar de lado o ateísmo para volverse teístas ó menos durante os tempos de necesidade, e lamentar que aínda quedan moitos quilómetros ata a meta de Nemiña e Lires cando un vello pastor, como saído dunha nube celestial, lles ofrece toda a auga que necesiten da súa billa. Sen vaso nin botella ou outro tipo de recipiente. Bebida a morro, que as pintas que teñen os peregrinos máis dá que son moinantes infectos ca persoas con sentimentos, que repletos de auga irán a bicar o chan de Touriñán, recibir a brisa mariña en todo o morro para limpar as marcas do cansanzo, e para seguir axiña, case sen descanso cara Nemiña, onde poderán descansar cunha cervexa diante, que boa falta lles fai, nun bar de praia antes de continuar cara Lires, bordeando a pequena ría que fai o río Castro, que se a sorte lles permitise chegar ata aquí con marea baixa, poderían atravesar coas perneiras arremangadas, pero dado que a marea está alta, han de meterse terra adentro, por paraxes boscosas, sempre a carón do río que a piscifactoría desviou para asegurar o seu solar comercial.
          En entrando ó pobo, ás primeiras casas e casais que rodean o pobo, xa coa noite encima, desfalecidos, que o coello era coelliño e non chegou a nada e a enerxía gastada nesta dura rota consumiu todo o comido e máis que tivesen manxado, e polo que, antes de montar a tenda, deciden tomar unha cea a base de tortilla e bocata de calamares (idea do Dulceiro, que para iso é dulceiro, e aceptado polo Meco, que non quere volver ós morros nin a provocar a desconfianza), No primeiro bar que atoparon no pobo.
          Cean, por fín, descansadamente, e abandonan o bar-taberna-restaurante co lusco fusco, para procurar un lugar onde montar a tenda. E atopan un solariño herbáceo na saída do pobo, por debaixo da igrexa parroquial. A verdade é que a pouca luz a penas lles deixou ver o sitio da acampada, preto dunha ponte.
          Gardan todo e aínda teñen ánimo para dar un paseo pola beira do río en dirección á desembocadura. Falando e mirando como a marea que baixa arrastra as augas da ría contra o mar a unha sorprendente velocidade. Camiñan por arredores onde os sorprendeu a visión de varios vagalumes. Xa había anos que non os vían, xa hai tempo que os pesticidas acabaron con estes animaliños nocturnos que traen anacos de ceo ás silveiras dos arredores dos nosos pobos e aldeas, pero aquí, polo visto, xa remitiu a praga infecta e estanse recuperando. E volven á tenda, cansos, para durmir e roncar a pracer. Máis non estaba do ceo que fose unha noite tranquila.
          Aínda o primeiro sono non os invadira, cando un son estraño atravesa as teas da tenda e púxoos en alerta, semellaba un rezo, unha pregaria de palabras profundas, como saídas do fondo da terra, case inintelixibles, algo así como “Acórdate de min señor”. Duraron aqueles lamentos dúas horas ben dadas, e eles sen se atrever a saír para ver quen se lamentaba de tal xeito. Á fin, con eles non era a cousa. E ó cabo daquelas dúas horas, aproximadamente, un lóstrego sen trono cruzou o teito da tenda a todo volveu ó silencio da noite, só interrompido pola chamada dalgún pequeno animal nocturno que pululaba preto do campamento.
          E mañá faremos a última etapa.
           

xoves, 24 de setembro de 2015

Viaxe cara o solpor



 7ª Xornada. De Muxía á praia do Cuño, despois de subir ó monte Facho, onde dá volta o mar.

          Sempre a carón do mar o camiño lévaos pola praia de Lourido, pisando na area mol da beiramar, case ata tocar a auga da maruxía, para subir logo o Monte que nos dixeron chamarse do Facho, aínda que outros os alcuman Cachelmo, unha nada doada ascensión por toxeiras e pedras que lles fai deter o camiño para coller folgos, alentar como feras sen paranza, pero tamén como esperanzados observadores dun mundo descoñecido. Aínda non chegaron ó cume pero xa hai ansia por virarse e ver a fermosa paisaxe.
          É unha aba de pendente case vertical, onde han de gatear máis que subir, por manter o punto de gravidade das mochilas próximo ó chan e que non tire por eles ladeiras abaixo. Suben lentamente, pero sen parar, ata alcanzar o cume, tal vez o punto máis alto que acadaron en toda esta xeira, e sen dúbida o máis espectacular, o lugar onde dá volta o mar, desde o que ven a ría de Camariñas en toda a súa grandeza, desde o cabo Vilán ata a punta da Barca, e para sur, ou mellor dito, para suroeste, o faro de Touriñán, a onde pensan chegar pola tarde.
          E como xa van aló moitos días de camiñata, esta etapa quérena facer con calma, pero sen pausa. O Dulceiro, sempre tan lambón, empeza a botar de menos un prato de culler, unha carne grellada, unha caldeirada de maragota. Di que a pizza de onte á noite non lle chegou a nada, que quen lle dera que volvesen aparecer o señor de Loroxo ou os amigos Ana e Juan para invitalos a algo que se regase con viño. Pero de momento só poden aliviar a sede da subida cun bo grolo de auga.
          A penas toman folgos e seguen pola toxeira, abrindo camiño por onde nalgunha ocasión pasou un xabaril cara a praia do coído de  Cuño, que se ve aló ó fondo, co seu río remansado na desembocadura, cos ollos atentos ás pedras do camiño e ó horizonte, para non perder a rota, cando un coelliño fica aló, entretido vai ti saber en que e o Dulceiro, experto tirapedreiro, lle lanza o mesmo bastón con punta ferrada que o crava no chan.
          Hoxe xantarán coello.
          E non protesten neste punto os animalistas, que levan os peregrinos do solpor moitos días sen probar carne fresca. Non digades mal deste acto. Hoxe, vendo a rota marcada no mapa non van atopar tendas no camiño, e a supervivencia obriga. Quen isto narra, que é home pacífico, pacifista e pacificador na medida do posible, entende que neste acto non hai máis delito co de comer unha costela de tenreira ou un peixe pescado con enganos.
Na praia da Moreira, a onde chegan esfameados preto das dúas da tarde, despois de esfolar o coello, limpalo e deixa as vísceras e peles sobre unha laxe para compartir a caza coas aves preeiras e outros habitantes destas montesías paraxes, escollen un lugar para facer o lume, pero antes fan os labores propios de aseo, disfrutan dunha praia para eles sos e dun río de auga pura de camiño cara o mar, tamén para eles, nadan, fan a colada, toman o sol, asan o coello e, despois de comer, como sol é demasiado forte e o estómago necesita para si todo o fluxo sanguíneo habido en cada corpo, o cerebro adormece, e recóllense á frescura dun piñeiral de ramas coma botavaras que peitean o vento, peneiran o sollar e danlle repouso a un coro de paxaros que os arrolan, tal paraíso dun santo Amaro que hoxe volvese ó mundo.