xoves, 24 de setembro de 2015

Viaxe cara o solpor



 7ª Xornada. De Muxía á praia do Cuño, despois de subir ó monte Facho, onde dá volta o mar.

          Sempre a carón do mar o camiño lévaos pola praia de Lourido, pisando na area mol da beiramar, case ata tocar a auga da maruxía, para subir logo o Monte que nos dixeron chamarse do Facho, aínda que outros os alcuman Cachelmo, unha nada doada ascensión por toxeiras e pedras que lles fai deter o camiño para coller folgos, alentar como feras sen paranza, pero tamén como esperanzados observadores dun mundo descoñecido. Aínda non chegaron ó cume pero xa hai ansia por virarse e ver a fermosa paisaxe.
          É unha aba de pendente case vertical, onde han de gatear máis que subir, por manter o punto de gravidade das mochilas próximo ó chan e que non tire por eles ladeiras abaixo. Suben lentamente, pero sen parar, ata alcanzar o cume, tal vez o punto máis alto que acadaron en toda esta xeira, e sen dúbida o máis espectacular, o lugar onde dá volta o mar, desde o que ven a ría de Camariñas en toda a súa grandeza, desde o cabo Vilán ata a punta da Barca, e para sur, ou mellor dito, para suroeste, o faro de Touriñán, a onde pensan chegar pola tarde.
          E como xa van aló moitos días de camiñata, esta etapa quérena facer con calma, pero sen pausa. O Dulceiro, sempre tan lambón, empeza a botar de menos un prato de culler, unha carne grellada, unha caldeirada de maragota. Di que a pizza de onte á noite non lle chegou a nada, que quen lle dera que volvesen aparecer o señor de Loroxo ou os amigos Ana e Juan para invitalos a algo que se regase con viño. Pero de momento só poden aliviar a sede da subida cun bo grolo de auga.
          A penas toman folgos e seguen pola toxeira, abrindo camiño por onde nalgunha ocasión pasou un xabaril cara a praia do coído de  Cuño, que se ve aló ó fondo, co seu río remansado na desembocadura, cos ollos atentos ás pedras do camiño e ó horizonte, para non perder a rota, cando un coelliño fica aló, entretido vai ti saber en que e o Dulceiro, experto tirapedreiro, lle lanza o mesmo bastón con punta ferrada que o crava no chan.
          Hoxe xantarán coello.
          E non protesten neste punto os animalistas, que levan os peregrinos do solpor moitos días sen probar carne fresca. Non digades mal deste acto. Hoxe, vendo a rota marcada no mapa non van atopar tendas no camiño, e a supervivencia obriga. Quen isto narra, que é home pacífico, pacifista e pacificador na medida do posible, entende que neste acto non hai máis delito co de comer unha costela de tenreira ou un peixe pescado con enganos.
Na praia da Moreira, a onde chegan esfameados preto das dúas da tarde, despois de esfolar o coello, limpalo e deixa as vísceras e peles sobre unha laxe para compartir a caza coas aves preeiras e outros habitantes destas montesías paraxes, escollen un lugar para facer o lume, pero antes fan os labores propios de aseo, disfrutan dunha praia para eles sos e dun río de auga pura de camiño cara o mar, tamén para eles, nadan, fan a colada, toman o sol, asan o coello e, despois de comer, como sol é demasiado forte e o estómago necesita para si todo o fluxo sanguíneo habido en cada corpo, o cerebro adormece, e recóllense á frescura dun piñeiral de ramas coma botavaras que peitean o vento, peneiran o sollar e danlle repouso a un coro de paxaros que os arrolan, tal paraíso dun santo Amaro que hoxe volvese ó mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario