martes, 27 de outubro de 2015

As almiñas do purgatorio



Parece ser que o purgatorio xa non existe, ou así o deixou dito o papa Benedito, e o malo é que sen purgatorio volvemos ó bipartidismo condenatorio, onde só se pode ser duns ou dos outros, sen medias tintas, e onde xa se sabe que hai uns máis privilexiados cós outros. Sen purgatorio, a maioría dos penitentes desta vida, estamos condenados sen remisión. Antes, o purgatorio permitíanos unha redución de penas, pero agora xa nin iso. Uns terán todo a favor para acadar a gloria e outros (a maioría) teremos que loitar co mundo, o demoño e a carne que andan a asaltarnos en cada esquina.
Pero do que aquí queremos falar non era diso (que tamén) senón desta peaña coa representación das almas do purgatorio, onde se pode ver que penan mulleres e homes de Igrexa, pero ningún home sen croa hábito ou sotana. O que non sabemos é se os varóns leigos estamos exentos de tal martirio ou se só son pecadentas as mulleres e os curas.
Como queira que sexa, reclamo desde este caderno a institución do purgatorio reformador, ó menos para saber que tras a morte non todo está perdido.

domingo, 25 de outubro de 2015

Genovés, a masa, a individualidade e a humanidade



Por Ahcorb Adrog
            Cada vez que vou a Madrid procuro acercarme á calle Atocha, e a poucos metros de onde estaba o despacho de avogados laboralistas asasinados na transición, vou ver a escultura que lle dá volume ó cadro “O abrazo” de Genovés, esa obra que marca un tempo novo e de esperanza na vida social e política do país, pero tamén, a partir dela, toda a obra do valenciano trocou e abriuse á cor. 

As masas de xente por el pintadas, que van alienadas, en grupos, fuxindo despavoridas, seguindo un camiño marcado por un líder, revelándose contra ese mesmo líder outras veces, movéndose no espazo que lles marca o marco do cadro e ata saíndo del como seres observados desde o espazo, cobran identidade propia se nos acercamos e os miramos en detalle, cada un coa súa cor, pero tamén cun elemento distintivo que o singulariza. Genovés non pinta a masa, pinta a humanidade.

sábado, 24 de outubro de 2015

Párraga, os que acabaron bebendo auga da chuvia




Téñense estes nobres por fundadores dos mosteiros de Sobrado e Monfero, tendo o seu solar en terras de Guitiriz e Baamonde.
Foi unha familia moi ben relacionada e ben casada, tanto por parte de mulleres como de varóns, engrandecendo a súa liñaxe ó emparentarse con solares como o de Ribadeneira, Aguiar ou Saavedra, con moitos cabaleiros, escudeiros e vasalos baixo as súas ordes, o que non impediu os preitos e disputas, tanto así que un tal Fernán Ares, fillo de Arias Vázquez de Párraga e neto de Vasco de Párraga, casado con dona Constanza de Castro, rebelouse contra o rei, porque os afíns ó monarca mandaran degolar ó pai de dona Constanza, pero foi asediado no seu castelo, preto de Cospeito, durante un ano, no que, tras secarlle o pozo, houberon de beber a auga da chuvia recollida en caldeiros dos canos do tellado, de tal maneira que enfermaron os asediados, a súa esposa morreu, e el mesmo, debilitado polo asedio recibiu unha pedrada de trabuco que acabou con el e as súas propiedades repartidas entre parentes e inimigos.