venres, 20 de xaneiro de 2017

Os fachóns de Castro Caldelas




          
     O día dezanove é a véspera de san Sebastián, aquel soldado que foi cribado de frechas, e cando todos o daban por morto apareceu predicando tal un resucitado. Un santo que, por mor desas feridas que laceran a súa pel foi invocado como avogoso contra a peste, ata que san Roque, no século catorce lle sacou o sitio; pero aínda así, aquí, en Castro Caldelas, séguenlle sendo fieis, e teñen ós dous xuntos, para que onde un non poida o outro  axude.
     Así, como unha metáfora deste tempo que nos toca vivir no calendario, tras a morte da natureza que se opera no inverno agárdase o renacer da vida con estes días que van gañando horas de sol, e as primeiras flores xa anuncian a vindeira e desexada primavera.

     E a Castro Caldelas viñemos para participar nesa invocación ó renacer da natureza, nesta véspera de fachos acesos percorrendo as rúas, levando luz e calor contra a noite. Á fin, tamén era o lume o método profiláctico máis usado contra tan temible enfermidade como era a peste.
     Chegamos e xa vemos no adro da igrexa o montón de leña do que vai ser a grande pira purificadora, e pouco a pouco a cousa vaise animando, porque a festa como tal ha de empezar despois de posto o sol, para vencer ós medos da noite, dese momento do día que encerra en si todos os males, pero tamén porque a noite representa ese inverno que arrastra consigo as enfermidades.
  E despois do solpor empezan a repartirse os feixes de palla entre os asistentes, que se moven intranquilos, agardando polo grande fachón que ha de vir para presidir a procesión. Unha procesión sen santo, que se anuncia cos bombos dun folión baixando por unha rúa lateral da igrexa, como se viñese de fóra do pobo para esconxurar todo o  pernicioso, e detrás aló vén o grande fachón, un longo feixe de palla trenzada de máis de dez metros de longo, que trae sobre si un monifate que algúns chaman o san Sebastián de palla, pero outros, preto de min chaman o “Meco”, e xa sabedes o que esa palabra vén a significar, o Meco é un diaño, un símbolo do mal e da maldade, que ha de morrer queimado na grande lumarada purificadora.
  
     E os veciños vanlle abrindo paso a ese fachón xigantesco que se pon na porta da igrexa, e entón estoupan as bombas da festa, os fogos de artificio, e unha chama prende na cabeza do fachón, e a continuación comeza o percorrido procesional cara o castelo que fica no alto do pobo, e os asistentes acenden os seus fachos para escoltar polas rúas a ese símbolo contra o  mal, que queima a enfermidade, que limpa o pobo dos aires infectos, precisamente nestas datas nas que timidamente a natureza empeza a anunciar o medre dos días e a volta da primavera. 
     O lume ilumina a noite, o fume faise dono das rúas, os berros de viva san Sebastián multiplícanse en cada un dos asistentes, non hai orde, porque esta é unha  batalla contra ese demoño da enfermidade, e nas batallas só se respecta a presencia do xeneral, do grande fachón que vai diante, abrindo o paso a toda unha comitiva de persoas aliada contra o frío, contra a morte, e ó baixar do castelo as campás da igrexa tocan a arrebato, dándolle a benvida ós triunfantes devotos que veñen de expulsar ó maligno, os gritos de xúbilo mestúranse co catártico son dos folións, e xa no adro, o grande fachón vaise enroscando na pira acesa tal unha serpe condenada ó lume do inferno.

      E entón, sobre ela todos os paisanos arroxan as súas fachas e a noite fría de xaneiro énchese de calor.
     Logo é tempo de tomar os chourizos e beber o viño da terra.
     San Sebastián nos libre do mal.

xoves, 19 de xaneiro de 2017

LITERATURA E IDEOLOXÍA




Por Pepe de Rocaforte
      Non é a primeira vez que traio a esta sección libros dos que na actualidade non se fala para nada, cando noutra época gozaron de popularidade e mesmo foron considerados obras de calidade. Hoxe ocupareime do escritor alemán Erns Glaeser (1902-1963), un caso no cal foi determinante a súa ideoloxía, ou máis ben a súa derivación ideolóxica, para deixar de contar entre os merecentes de aceptación por parte do público lector.
     Erns Glaeser, un anti-militarista con afinidades comunistas na súa mocidade, acadou axiña sona internacional cando publicou en 1928  unha  novela en boa parte autobiográfica titulada “Nacido en 1902”, axiña traducida a vintecatro idiomas e convertida nun best seller pacifista.
Similar éxito tería con “Paz” en 1930 e posteriormente con “O derradeiro defensor”, en 1935, cando xa vivía exiliado en Suíza, despois de o Doutor en Filoloxía por Heildelberg Paul Joseph Goebbels lle conceder a importancia de escollelo, xunto con outros autores como Heinrich e Thomas Mann ou Heinrich Maria Remarque, para as súas queimas de libros “anti-alemáns” nas fogueiras promovidas por aquel filólogo político no ano 1933, en plena expansión e ascenso do nazismo.
     O máis curioso vén cando en 1939, en pleno auxe do III Reich, ante a xeral sorpresa do mundo cultural afín, Glaeser, aquela grande figura da oposición a Hitler e ó nazismo, decide regresar á Alemaña. Sobre os motivos que o induciron a tomar tal decisión el mesmo tratou de se xustificar dicindo que o seu grande amor á Alemaña obrigábao a non vivir fóra do seu país. Posteriormente diría tamén que “a inseguridade é a verdadeira semente do escritor”.
Entre os seus defensores houbo quen falou dunhas posibles dificultades económicas como determinantes para a volta. Outros estimaron que, dividido entre o seu anti-nazismo e o seu profundo patriotismo, fora devalando cara a un pensamento a cada paso máis conservador que o levou a aceptar a política nacional-socialista.
     Como é de supoñer aquel regreso foi considerado unha traizón por todos os exiliados alemáns e resultou determinante para destruír a súa reputación como escritor. Para facer máis incrible este misterioso retorno, unha vez de novo na Alemaña Glaeser traballou como redactor nos xornais da Wehrmacht, o exército do III Reich, que tan importante papel tivo na campaña de exterminio de xudeus e xitanos.
     Agora, por non me estender de máis, deixarei para a semana próxima o falar da súa novela “O derradeiro defensor”, motivo inicial para me achegar á figura deste escritor.

mércores, 18 de xaneiro de 2017

A elegancia do século



  
                                 Celebramos a saída do libro A elegancia do século, da nosa colaboradora Pura Tejelo, que mereceu o premio Xohán Carballeira de poesía na última edición e que vén de publicar a editorial Xerais.
               Animámosvos a que vos acerquedes ó seu lirismo, co que xa temos disfrutado nestas páxinas e co que agora engalaremos as nosa biblioteca.
              E como falar dos amigos non queda ben, aquí vos deixo a reseña do libro e da autora:
       Desfrutemos da lectura.