Por
Pepe de Rocaforte
Non é a primeira vez
que traio a esta sección libros dos que na actualidade non se fala para nada,
cando noutra época gozaron de popularidade e mesmo foron considerados obras de
calidade. Hoxe ocupareime do escritor alemán Erns Glaeser (1902-1963), un caso
no cal foi determinante a súa ideoloxía, ou máis ben a súa derivación
ideolóxica, para deixar de contar entre os merecentes de aceptación por parte
do público lector.
Erns Glaeser, un
anti-militarista con afinidades comunistas na súa mocidade, acadou axiña sona
internacional cando publicou en 1928 unha
novela en boa parte autobiográfica
titulada “Nacido en 1902”, axiña traducida a vintecatro idiomas e convertida
nun best seller pacifista.
Similar éxito tería
con “Paz” en 1930 e posteriormente con “O derradeiro defensor”, en 1935, cando
xa vivía exiliado en Suíza, despois de o Doutor en Filoloxía por Heildelberg
Paul Joseph Goebbels lle conceder a importancia de escollelo, xunto con outros
autores como Heinrich e Thomas Mann ou Heinrich Maria Remarque, para as súas
queimas de libros “anti-alemáns” nas fogueiras promovidas por aquel filólogo
político no ano 1933, en plena expansión e ascenso do nazismo.
O máis curioso vén
cando en 1939, en pleno auxe do III Reich, ante a xeral sorpresa do mundo
cultural afín, Glaeser, aquela grande figura da oposición a Hitler e ó nazismo,
decide regresar á Alemaña. Sobre os motivos que o induciron a tomar tal
decisión el mesmo tratou de se xustificar dicindo que o seu grande amor á
Alemaña obrigábao a non vivir fóra do seu país. Posteriormente diría tamén que
“a inseguridade é a verdadeira semente do escritor”.
Entre os seus
defensores houbo quen falou dunhas posibles dificultades económicas como
determinantes para a volta. Outros estimaron que, dividido entre o seu
anti-nazismo e o seu profundo patriotismo, fora devalando cara a un pensamento
a cada paso máis conservador que o levou a aceptar a política
nacional-socialista.
Como é de supoñer
aquel regreso foi considerado unha traizón por todos os exiliados alemáns e
resultou determinante para destruír a súa reputación como escritor. Para facer
máis incrible este misterioso retorno, unha vez de novo na Alemaña Glaeser
traballou como redactor nos xornais da Wehrmacht, o exército do III Reich, que
tan importante papel tivo na campaña de exterminio de xudeus e xitanos.
Agora, por non me
estender de máis, deixarei para a semana próxima o falar da súa novela “O
derradeiro defensor”, motivo inicial para me achegar á figura deste escritor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario