xoves, 26 de setembro de 2019

PROS E CONTRAS DO TURISMO


Por Pepe de Rocaforte
O outro día remataba o comentario sobre as festas do Nazareno na Pobra do Caramiñal e a subida á Curota a lle facer unha visita á figura pétrea de Valle Inclán, pensando proseguir hoxe coa aportación dalgunhas ideas, non moi brillantes (máis ben nada brillantes), con vistas a fomentar un pouco máis o turismo na ría de Arousa e arredores.
Para me inspirar decidín botarlle unha ollada a algunhas páxinas de internet que tratasen temas similares e comecei por mirar referencias sobre a vila de Kotor, na República de Montenegro, que me viñera á memoria vendo pasar unha banda de música polas rúas en festas da Pobra.
Entre as cousas que vin chamoume a atención un artigo de hai un par de anos en “La Vanguardia” no cal se alertaba dos perigos que podería implicar unha gran afluencia de visitantes, temerosos os montenegrinos de que empezase a lle suceder algo parecido ó que lle está pasando, cen quilómetros máis ó norte, á cidade croata de Dubrownik, a onde hoxe en día algunhas guías de turismo desaconsellan a visita por causa, entre outras, da ocupación masiva das súas rúas e monumentos pola avalancha turística, cos encordios que eso representa para nativos e visitantes.
Cando alí estiven, á parte das incomodidades causadas pola aglomeración de persoal, Dubrownik deume unha imaxe de impostura, de decorado teatral, moi fermosa, si, pero falsa, sen vida, ou cunha vida tamén de decorado. E os veciños de Kotor temen un destino similar para a súa vila nun futuro próximo.
Segundo estimacións do ano 2009, Kotor ten arredor de mil catrocentos habitantes e os viaxeiros dos grandes barcos de turismo que arriban a diario ó seu porto andan polos vinte mil, xente que chega pola mañá, abarrota as rúas, e ás seis da tarde xa está marchando. ¿De que pode vivir o pequeno comercio nunha localidade así?
 A construción nova, ademais de cara, resulta en xeral deprimente ó lado dos edificios da época da dominación veneciana; os alugueres de locais comerciais dispáranse dun xeito incontrolado e moitos comerciantes vense obrigados a cerrar as súas tendas porque o produto das vendas non da xa nin para pagar a renda do local, o que non deixa de resultar triste nunha poboación que recibe diariamente tal cantidade de turistas, que só entrarán nalgún restaurante ou nun local onde comprar chilindradas de recordo, obrigando ós restantes negocios a pechar ou reconverterse en tendas de souvenirs.
Á vista desto, cambio de idea e non proporei ningún plan de fomento turístico para a ría de Arousa. Non son un influencer, nin moito menos, pero non quero que alguén me poida acusar dunha mínima colaboración en semellante asunto.

martes, 24 de setembro de 2019

Polo calello dos milagres (4)


Por Far O'McKOW
            Perdémonos por inconscientes. E por iso, porque aínda non eramos conscientes da nosa situación non nos agoniábamos tanto como debería de ser. Todo estaba ben, pero nese intre sobrevoou unha leve preocupación facéndome cargo da importancia dunha sombra ou da punta dun minarete para orientarme. Precisamente ese mesmo día ensináronnos a seguir a orientación cara a Meca segundo cara onde mirase a media lúa que os coroa. 

     Empecei a sentir certa aprehensión, como que non sabía onde estaba, pero o reclamo de non sei que cousas disipouno ó instante e embelesado con tanto que ver seguimos dando voltas e máis voltas por aquel inmenso mercado. Oxalá fosen as voltas que dous ou tres días antes deramos no templo de Karnak arredor dun escaravello esculpido nunha peaña de granito, pois mal que ben todas estas voltas sempre nos devolvían ó mesmo sitio. Unhas voltas que segundo o guía daban sorte se se facían en número de tres ou múltiplo impar de tres e en sentido contradio ó sol. Nada novo. Aquel costume lembrábanos os nosos de darlle voltas a unha ermida, á peaña do santo ou a certas pedras zoomorfas que temos en Galiza para atraer a sorte ou para casar, quen estea solteiro, na volta duns meses. 
     A verdade é que nesta viaxe non deixaban de sorprenderme costumes e rituais comúns ou semellantes ós nosos, a pesar de que eles vestisen con esa especie de xilaba que alí chaman Shentí e nós con pantalóns curtos; pois se non bastaban aquelas imaxes en tumbas e templos en que se representaban as ofrendas que os paisanos lle facían ó deus, ofrendas de cereais, perfumes ou gando, tan así que ata había templos onde se marcaban as ofrendas que correspondían segundo o día do ano, como aquí se correspondían ata non hai tantos anos deixarlle ó cura unha ducia de ovos por pascua, ou as ofrendas de cereais e viño nas tumbas a troco dun responso no Día de Defuntos, as primeiras espigas da colleita para o santo encomendado ou as patas de porco (uñas na denominación popular) no san Lázaro de Santiago o Luns de Pascua. E aínda máis, cando non eran ofrendas, navegando polo Nilo, en Aswan, vimos gravados nas pedras cartuchos escritos en xeroglífico con invocacións ós deuses para pedir protección no lugar onde outrora estaba unha catarata, moi preto do hotel onde Agatha Christie escribiu algunha das súas novelas. Invocacións por escrito que nos lembraban ó Xesús orando que se conserva na capela da Corticela de Compostela, onde os estudantes deixan papeliños pedindo a intervención divina nos seus exames, os recados escritos que colgan nas sebes do santuario de Teixido, ou no san Torcuato de Bande, nos graffitis do Corpiño para pedir o favor divino ou os múltiples cadros de exvotos que adornan tantas das nosas capelas, igrexas e santuarios.


            Non sei se fun visitar Exipto ou lembrar as nosas tradicións. E como a miña compañeira sentimental se enredou mirando unha especie de saia pantalón, un tendeiro apareceu de súpeto amosando varias prendas polo estilo en distinta cor e feitura, afagándoa con palabras acarameladas para que picásemos con sesenta euros ó que en calquera mercadiño ou feira da nosa terra non custa máis de seis. E aí ficaban ela e el releando, ela quitándolle valor e mérito e el amosándoa como algo de calidade suprema mentres eu confirmaba a pouca diferencia que nos separa a hora de facer valer as nosas intencións. Sempre, iso si, con exquisita educación aínda que a música fose por dentro. Tantos puntos de confluencia entre estes turistas galegos e aqueles comerciantes exipcios.

            O xa dito, que sendo diferentes non o somos tanto. Mirade por onde, se lembrades o noso Pórtico da Gloria, a columna central onde os peregrinos poñen a man e de tanto poñela xa ficou a marca dos cinco dedos na mesma, ou se lembrades como a xente devota nas nosas romarías pasa o pano ou a estampa polo manto do santo, na procura de ter algo en contacto co sagrado, como se só o toque, o tacto, poida transmitir a través dos poros da pel as grazas do divino; foi así que o vimos no templo de Philae, nas columnas de entrada, nas paredes laterais e nas da traseira do mesmo, as marcas dese contacto co sagrado, desa necesidade que os devotos teñen de tocar o seu santo, a súa casa, os seus obxectos e pertenzas, como os fans dos cantantes de moda necesitan tocar as súas roupas ou os seus instrumentos. O contacto co sagrado, tan procurado ó largo dos séculos, a necesidade de sentir que alcanzamos a proximidade do divino, e a ser posible deixar constancia dilo, deixar marcado o de “Eu estiven aquí”, que vén sendo a versión turista dos gaffiteiros modenos como de homes tan cultos como Balzac, deixando a súa grafía para a eternidade nun dos muros do templo, os mesmo graffitis que agora trocamos polo inmediato do wasap e os selfis mandando a todos os coñecidos a través das ondas electromagnéticas; a perenne necesidade de pregoar: “Aquí estiven eu”.

            Agora vemos nunha tenda un fermoso obelisco de xeso pintado de ocre con inscricións que segundo o tendeiro invocan a boa sorte (debeu vernos a cara de perdidos), un obelisco idóneo para usar de pisa papeis, pero xa nin preguntamos o prezo, porque será peso para a maleta e para a mochila dos galanos que levo atestada dos máis variados exemplares de arte Kistch derreándome o lombo. E decátome de que no entorno por onde andamos non hai ninguén do noso grupo. Si, hai turistas pero ningún dos nosos. Como agora me mandasen apurar para o lugar do encontro non sabería cara onde ir. Xa non sei cal é a rúa da que veño nin cal pode ser a que me retorne ó lugar do encontro. Perdemos a noción da orientación. Miro o reloxo e falta algo así como media hora para volver ó punto que nos indicou o guía. Seguimos polos atestados calellos disimulando, á procura dunha saída.

luns, 23 de setembro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (37)



                                                                                    O Curmán de Undochán

La carreta, no parque Batlle,
é lugar tradicional para fotos de turistas e veciños
            Aí atrás falamos do cabalo do escudo uruguaio. Tamén das esculturas europeas doadas ao Uruguai, entre as cales duas ecuestres: Colleoni e Gattamelata. Pois ben, facendo inventario, resulta que en Montevideo temos nada menos que once xinetes máis -entre eles o noso Artigas e os herois estranxeiros San Martín, Solano López e Bolívar-, que xa veñen sumando trece... sen contarmos os cabalos presentes noutros grupos escultóricos tales “Nuevos rumbos” -parella campesina dacabalo-, “El entrevero” -combate trenzado de homes dacabalo-, “La carreta” e “La diligencia”. (E é que o nobre cuadrúpedo  estivo presente, especialmente aquí, en moita parte da historia bélica do país).
La diligencia, emerxendo da
canada do parque El Prado
              Tales catro debidos ao escultor José Belloni (1882-1965), un dos dous nomes protagónicos, con diferencia, no embelecemento da paisaxe urbana da capital, sendo o outro José Luis Zorrilla de San Martín (1891-1975): aquel Garaicoechea e este Blanco dos seus apelidos maternos, basco e galego respectivamente, e este descendendo de Alonso da Contiña Blanco, da zona de Vila de Cruces. Se o filoitálico Belloni logrou con carreta e dilixencia -dous meios de transporte sucesivos- sitos en cadanseu parque da cidade, unha grande visibilidade, o filocántabro Zorrilla ten o seu “Gaucho” emplazado en pleno centro.    
                         Realmente, Montevideo, con amplos parques e belos grupos escultóricos, con delongada mariña e fermosos edificios, combina harmoniosa e cumpridamente arte con natureza... entre cuxa escultura quero mencionar o ben máis modesto monumento a Camoens... do mesmo autor (Joao Fragoso) e feitío que o sito na coruñesa praza de Portugal.
   
O prestixio do uruguaio alcanza
a países tan afastados como unha
das república da illa caribense (ollo a “Gervacio”),
retrato imaxinado polo
pintor nacional Juan Manuel Blanes
        
Ora, co pai da patria, José Artigas, acontece, como co Reformador do Ensino, José Pedro Varela, que os seus bustos proliferan ata o aborrecemento en comisarías e escolas, mesmo nestas con frecuencia coincidindo á vez ambos persoeiros... máis alá de estar aquel no lugar de honra de calquera ente público, como na filatelia e na numismática, esta volta en retrato. (O curioso é que todos os retratos do prócer son inventados, pois non resta del máis que un deseño da sua efixie anciá, no exilio paraguaio de tres décadas).
            O bo do caso é que co culto a Artigas, evítase o culto á personalidade de calquera presidente (ou rei fora das Américas). Por certo, que pintarán os reis na numismática e na filatelia dos seus reinos? Isto mostra o pouco que evoluiron os estados monárquicos dese primeiro mundo nesta materia. Ao respecto, rexe aquí unha vella lei que prohibe erguer estatuas ou nomear ruas ata transcurrida unha década do pasamento do personaxe, algo, ao noso ver, exaxerado se se tratar de persoeiro artístico ou literario ou científico, alleo á posíbel soberba ou endeusamento, previsibelmente nocivos para os gobernados, do político que ostentar o poder e manexar o goberno de turno.

Ripio extemporáneo, absolutamente decimonónico: “Quien por comer se interese/ o por masticar se afane/ busque al dentista Seoane:/ el hombre bien lo merece. (Por Antonio Seoane Pita, coruñés de 1858, a exercer en San Carlos de Maldonado, Uruguai).