xoves, 26 de setembro de 2019

PROS E CONTRAS DO TURISMO


Por Pepe de Rocaforte
O outro día remataba o comentario sobre as festas do Nazareno na Pobra do Caramiñal e a subida á Curota a lle facer unha visita á figura pétrea de Valle Inclán, pensando proseguir hoxe coa aportación dalgunhas ideas, non moi brillantes (máis ben nada brillantes), con vistas a fomentar un pouco máis o turismo na ría de Arousa e arredores.
Para me inspirar decidín botarlle unha ollada a algunhas páxinas de internet que tratasen temas similares e comecei por mirar referencias sobre a vila de Kotor, na República de Montenegro, que me viñera á memoria vendo pasar unha banda de música polas rúas en festas da Pobra.
Entre as cousas que vin chamoume a atención un artigo de hai un par de anos en “La Vanguardia” no cal se alertaba dos perigos que podería implicar unha gran afluencia de visitantes, temerosos os montenegrinos de que empezase a lle suceder algo parecido ó que lle está pasando, cen quilómetros máis ó norte, á cidade croata de Dubrownik, a onde hoxe en día algunhas guías de turismo desaconsellan a visita por causa, entre outras, da ocupación masiva das súas rúas e monumentos pola avalancha turística, cos encordios que eso representa para nativos e visitantes.
Cando alí estiven, á parte das incomodidades causadas pola aglomeración de persoal, Dubrownik deume unha imaxe de impostura, de decorado teatral, moi fermosa, si, pero falsa, sen vida, ou cunha vida tamén de decorado. E os veciños de Kotor temen un destino similar para a súa vila nun futuro próximo.
Segundo estimacións do ano 2009, Kotor ten arredor de mil catrocentos habitantes e os viaxeiros dos grandes barcos de turismo que arriban a diario ó seu porto andan polos vinte mil, xente que chega pola mañá, abarrota as rúas, e ás seis da tarde xa está marchando. ¿De que pode vivir o pequeno comercio nunha localidade así?
 A construción nova, ademais de cara, resulta en xeral deprimente ó lado dos edificios da época da dominación veneciana; os alugueres de locais comerciais dispáranse dun xeito incontrolado e moitos comerciantes vense obrigados a cerrar as súas tendas porque o produto das vendas non da xa nin para pagar a renda do local, o que non deixa de resultar triste nunha poboación que recibe diariamente tal cantidade de turistas, que só entrarán nalgún restaurante ou nun local onde comprar chilindradas de recordo, obrigando ós restantes negocios a pechar ou reconverterse en tendas de souvenirs.
Á vista desto, cambio de idea e non proporei ningún plan de fomento turístico para a ría de Arousa. Non son un influencer, nin moito menos, pero non quero que alguén me poida acusar dunha mínima colaboración en semellante asunto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario