mércores, 27 de novembro de 2019

ODEMIRA

Por Pepe de Rocaforte

Aínda ben que é verdade,
 aínda ben que é  mentira,
 a acupuntura en Odemira.

Acórdome de lle oír cantar a José Afonso, nun concerto na Coruña, “A acupuntura en Odemira”. Antes de interpretala, o Zeca deu unha explicación da súa xénese, unha reflexión sobre a vacuidade de certos tipos de vida, que se lle ocorreu a partir dunha breve noticia de xornal informando do establecemento dunha clínica de acupuntura naquela localidade.
En realidade a letra da canción pouco ou nada tiña que ver con Odemira (...aínda ben que é para breve o festival / aínda ben que mañá é o ciclorama / e o campionato do mundo no primeiro programa / aínda ben que apostei no toto-bola /todos os días son santos, Dona Aurora...) pero o nome, Odemira, tal vez por unha curiosa asociación de ideas con acupuntura e Cachemira, rodeouse na miña imaxinación dunha aureola de exotismo oriental chea de engado.
A primeira vez que pasei pola vila, de camiño para o Algarve, aínda non oíra a canción de José Afonso. Pero esa ocasión case non conta, posto que crucei de largo sen parar e case sen fixarme no letreiro que indicaba o nome da poboación.
Foi posteriormente, unha mañá de verao en que baixaba de Lisboa. No camiño apañara unha parella de rapaces facendo auto-stop, ela inequivocamente xermánica, ben feita, loira, pel branca e ollos azuis, con ese aspecto de inxenuidade levemente vacua propio dunha boa cantidade de tedescos. Unha mociña nesa idade na que o seu atractivo chega ó punto culminante antes de empezar a deriva cara a unha constitución musculosa, tamén característica. O rapaz, aínda que criado na Alemaña, segundo me contou, era arxentino, cun aspecto inequivocamente latino, magro, moreno, ollos escuros, cabelo ensortellado e negro brillante. Seu pai seica traballaba nun consulado, ou na embaixada, ou non sei en que outra representación diplomática do seu país na Alemaña.
A parella dirixíase a Milfontes, onde xa levaban tres anos indo de veraneo e ó eu contarlle a miña intención de parar en Odemira, o mozo, como experto coñecedor da bisbarra, recomendoume un par de restaurantes. Desculpouse por non quedaren a facerme compaña, pero seica tiñan présa por chegar canto antes a Milfontes e ó mar. Comprendín, deixeinos no cruce e fun aparcar no comezo da estrada que se endereitaba para Aljustrel.
Era domingo e tal vez eso contribuíu a formar a impresión de desolación total que pegou en min. A imaxe que, alí ó sol no medio da rúa sen xente, me veu ó pensamento foi esa secuencia recurrente nas películas do Oeste americano: catro casas no medio do deserto, cunha parada de carruaxes para mudar os cabalos. Mesmo me parecía que dun momento a outro chegaría a dilixencia de Beja con dirección ó Atlántico, que se cruzaría coa de Lisboa para Lagos e Portimao.
Antes de me ver envolto na poeira e no piafar dos cabalos, busquei un dos restaurantes recomendados polo xermano-arxentino, nunha praza branca queimada sen misericordia polo sol. Un letreiro na porta dicía “cerrado por ferias”. Tratei de localizar o outro local do que me falara o mozo, pero nin modo. Por fin alá vin un paisano perdido a quen lle preguntei. ¡Vaiche boa! Xa había case un ano que aquela casa pechara o negocio.
Acabei xantando onde me indicou este novo informador, ó lado do cruce, nun local estrañamente cheo de comensais (tal vez os pasaxeiros da dilixencia, que se apuraban na sobremesa antes de continuar viaxe).
Despois de xantar, a pesar do sol, a forza do silencio que gravitaba sobre a vila animoume a dar un paseo polos arredores, do cal só gardo impresións moi fragmentarias: o canto das cigarras nas árbores ós lados da estrada, cachos de botellas escintilando ó sol de agosto nas augas achocolatadas do río Mira que se deslizaban de vagar, caladas, sen ruído. E pouco a pouco, a abrirse camiño desde a distancia, o rumor dun mar máis adiviñado que oído, un mar durmido e afastado no que a aquelas horas correría a asolagar o seu corpo no cénit da xuventude a rapaza alemá que pouco antes trouxera no coche.
Ganei a volta para a vila e, antes de marchar, parei a tomar un café que me despexase a modorra post-prandial. Non se me ocorreu preguntarlle o camareiro que me atendeu se aínda continuaba en funcionamento a clínica do médico acupunturista. Pareceume non vir ó caso.
Aínda  ben que é verdade,
Aínda ben que é mentira.
Eu ben sei a Cergal, a Superbock
A volta ó mundo polo cabo de San Roque,
En abril augas mil,
punto final.

luns, 25 de novembro de 2019

CRÓNICAS DESDE O OUTRO MUNDO (46)


                                                                        O Curmán de Undochán

            Na crónica 10 despachámonos a xeito con algunhas ruas montevideanas dedicadas a capitais galegas e mesmo a Galicia. Agora queremos avanzar por unha morea delas que lembran a persoeiros nosos. Uns polo seu prestixio propio, sen nada teren que ver con esta terra, así: Pondal, Rosalía ou Curros, mesmo Castelao, tamén Concepción Arenal, Emilia Pardo-Bazán ou Valle-Inclán, Méndez Núñez ou Ramón Franco... Rosalía sería unha excepción polo moito coñecida que é, mercé ao seu, digamos, culto rendido pola nosa colectividade, ata ter máis duas vías dedicadas a Cantares Gallegos e a Follas Novas -coa guinda do seu busto xa citado. Franco tamén tivo protagonismo por aquí, como veremos axiña. E Castelao pasou e repasou por Montevideo nos anos 40.
            Mesmo Concepcíón Arenal, pola sua difusión universal (cuxa rua data xa de antes de 1928, impulsada pola uruguaia Dra. Luisi, quen falou ese ano no Circo de Artesáns da Coruña), e ata Valle-Inclán dada a difusión da sua obra e particularmente do seu teatro nas Américas.
            Non entenderíamos o caso da rua montevideana ao marino vigués -hiperhomenaxeado en toda Galiza como galego ao servizo do decadente imperio español, por ter bombardeado Valparaíso (en Chile, 1866)-; mais compre explicar que a rua é supervivencia do nome de todo un barrio capitalino sito nesa zona, que así fora bautizado, dito en palabras actuais, por un emprendemento inmobiliario de orixe expañola e, incomprensívelmente,  refrendado polo municipio montevideano daquela fin de século. 
   Si enténdese ás primeiras o impacto que causara nos dous países do Prata o arribo do hidroavión capitaneado polo ferrolán (1926, con tangos e coplas, en ambas as beiras do rio, para el e para o Plus Ultra), a compartiren o nomenclátor cos outros tres tripulantes, Alda, Durán e Rada, tendo dito fito o seu monumento no porto de Montevideo... (e podéndose, desde hai trinta anos, admirar o aeroplano no museo da bonaerense vila de Luján).
            Ora, o que é realmente resaltábel é a cantidade de ruas chamadas cos nomes de ducias de galegos ilustres do Uruguai. Vaia como exemplo (de moitos deles xa temos falado): médicos como Albo e Varela Fuentes; o boticario Piedracueva; o sindicalista Troitiño; benfeitores tales De la Sagra  ou Arcos; políticos como Álvarez Bengochea; militares tales Antonio Díaz e Neira; arquitectos como Estévez; funcionarios coloniais tales Gil de Lemos, Lemos ou Pereira; empresarios como Fariña e Taranco; músicos como Soliño; profesores como Fontaina; impresores tales Vázquez Cores ou Claudio García; fundadores de xornais tal Magariños; en fin, terratenentes pioneiros como “Farruco” Rodríguez (da crónica 3)... Máis: fundadores de familias patricias como Platero, os irmáns García Fernández, Roque Gómez, Antonio Pérez, Dionisio Fernández ou Marcos Monterroso... e, por suposto, El Viejo Pancho quen, como Rosalía, ten vías mesmo con nomes de obra sua, o seu libro Paja Brava, ou o seu poema Hopa, hopa!...
            Mais é chegada a hora de nos deter brevemente na importante figura doutro vigués con rua, Daniel Granada (1847-1929). Arribado acá de curta idade con seus pais, fíxose avogado, exercendo a docencia na Universidad de la República e desempeñándose como xuiz en diversos destinos. Un deles foi a cidade litoralense de Salto, onde se radicou e onde se dedicou ao estudo do idioma español do Uruguai, o que deu por froito o “Vocabulario rioplatense razonado” (1889, reeditado a última vez en 1957), moi ben acollido, polo novidoso, nas Américas e mesmo na Europa, tornándose un clásico, ata ser considerado Granada, por este e polo posterior “Reseña de antiguas y modernas supersticiones del Río de la Plata” (1896), como o fundador da Lexicografía e máis da Etnografía rioplatenses. (En 1904 volta para aí, finando en Madrid).

Frase de Andrea Camillieri transmitida polo xefe do blogue a este escribidor: “O tango fornece un pasado a quen non o ten e un futuro a quen non o espera”.

sábado, 23 de novembro de 2019

A celebración


  Estas explosións de felicidade que nos marabillan, que tanto se manifestan cando vemos gañar ó noso equipo, levando a unha catarse colectiva a toda unha morea de ducias de miles de espectadores, dunha cidade enteira fronte á televisión, dun país en folga xeral para vivir unha final; ese berro unánime de mans erguidas atronando o mundo, ese instante glorioso de ver unha pelota pateada cruzando unha liña marcada no chan é máis emocionante co anuncio dun tipo guedelludo de bata branca e gafas amosando o elixir da vida. Porque todos somos moi realistas, sabemos que a felicidade é un instante e que por iso, esas pinguiñas que de cando en vez aparecen para exorcizar por un intre o mal fado e darnos a oportunidade de celebrar algo hai que gozalas a tope, veñan de onde veñan; e compartilas mentres sexa posible con quen nos rodea, con veciños, amigos ou amantes
   
A felicidade é contaxiosa, por iso preferimos ir de festa antes ca de velorio. E tamén por iso, os deportistas que nos entreteñen e nos emocionan coas súas piruetas celebran os seus logros con abrazos e mostras de cariño extensibles a todos os seareiros. Pero que pasa pola cabeza dos xogadores nese momento sublime?, que pasa pola cabeza dos verdadeiros artífices do logro?. E pola dos vencidos ou goleados? Téñolle preguntado a algún amigo futbolista polo asunto e poucas cousas me din, ata que estoutro día, falando cun futboleiro de toda a vida, activo no pasado e sedente no presente, pasoume un recorte da prensa murciana de hai máis de trinta anos, cando el xogaba nun equipo rexional.

Xogábanse o ascenso. Era un partido de moita concentración previa. Para non arruinar a felicidade dos seareiros, os xogadores foron separados das súas familias, mozas e amigos durante os días previos para que non se distraesen, para asegurar a fidelidade ás súas cores e o compromiso de deixar a vida no campo batallando polo seu club. Núñez, por deixar ata tivo que deixar os libros para preparar aquel verdadeiro exame final de liga. Outras veces estaba a moza para animalo durante ese baixón previo á decisiva batalla deportiva, pero naquela ocasión había que apartarse de todo aquilo que puidese minguar a condición física.
Durante o partido, mentres o público animaba el estaba ó que estaba, a bloquear a todo aquel que viñese pola súa área. Os xogadores non se distraían con nada. Os berros do adestrador indicando, advertindo, ordenando e sobre todo mantendo a tensión, facíalles apurar a caixa do peito máis ca unha carreira por toda a banda. E todo iría ben se non fose que unha patada con mellor ou peor xeito nun intre e desde un lugar inesperado, meteu a pelota na súa portería e todos os rivais saltaron cunha explosión de felicidade momentánea. Apiñados, abrazados e vitoriosos. O defensa Núñez ficou mirando ás gradas como buscando o perdón e a desculpa, e entón un raio de luz amósalle o que realmente o fai feliz en momento tan triste e desmoralizador: un sorriso de solidariedade. E corre cara as gradas para bicar á moza que o saúda, que non lle importa se gaña ou perde, senón que estea aí e poida velo tras unha ausencia de catro días. Cada quen ten os seus motivos para celebrar. A Núñez custoulle unha inxusta tarxeta amarela.

mércores, 20 de novembro de 2019

O VIOLINISTA HÚNGARO


Por Pepe de Rocaforte

           Woody Allen, ademais de gran director e actor cinematográfico, é un home capaz de encher un guión con frases cheas de talento que van permanecer por moito tempo na memoria de quen as le ou escoita. É o caso da famosa “Non podo escoitar tanto Wagner. Éntranme ganas de invadir Polonia”, pronunciada na película “Misterioso asasinato en Manhattan”.
            Ultimamente véñome dando unha enchenta de películas deste neoiorquino actor-director-escritor-etc., desde a inesquecible “Manhattan” ata a que vin onte, “Stardust memories”, onde me atopei con esta frase: “Normalmente os violinistas de música clásica son todos refuxiados húngaros”, que me fixo lembrar dun día no que coñecín, hai varios anos, a un violinista en Budapest.

            Era unha tarde de sábado ou de domingo, non o recordo ben. Se o penso mellor paréceme que debía ser sábado, porque a miña muller e mais eu, dando unha volta polo Parque da Cidade, vímonos no medio dos invitados a unha voda e, polo xeral, as vodas celébranse máis ben en sábado que en domingo pola tarde (Información á parte: O outro día contaba que a veces me dedico a facer fotos de cemiterios. Tamén sinto debilidade por fotografar parellas de noivos no día do casamento).
            Aquel día a miña muller e mais eu iamos con idea de lle botar unha ollada ó castelo de Vajdahunyad, que ten a curiosidade de tratarse dunha reprodución, feita entre fins do século XIX e principios do XX, do castelo de Hunyad, en Transilvania. E, xa digo, dabamos unha voltiña polo Parque da Cidade cando nos atopamos cun home tocando o violín (outra das miñas afeccións: fotografar músicos de rúa). Achegueime a el para preguntarlle se non lle parecía mal que lle fixese unha foto e a partir de aí iniciamos unha conversa.
   
         O violinista, que pola vestimenta non semellaba pasar por unha situación moi boiante, preguntoume, como por Europa fan case sempre, se eramos italianos, e ó lle responder que eramos españois empezounos a falar nun castelán bastante bo para acabar dicíndonos que nos ía interpretar unha peza de “don Pablo de Sarasate”, non lembro cal. Tocou a peza. Aplaudímolo. Démoslle unhas moedas. E proseguimos de conversa na que nos informou de varias historias de Budapest e acabou dicíndolle á miña muller que probase a tocar o violín, no fondo algo moi fácil.
            Como recordo máis simpático daquela tarde quedounos esa fotografía na cal a miña muller trata de lle arrincar uns sons ó violín, mentres o artista húngaro tapa os oídos nun aceno de que aquelas notas son insoportables.
            E, volvendo ó principio: o caso é que o violinista non era un exiliado, pero era húngaro e tal vez viviría mellor no exilio. Non sei.