sábado, 25 de setembro de 2021

Quen busca algo atopa

Dúas cousas eran e son a nosa meta desde que o mundo é mundo:  alongar a vida e acumular riquezas sacando ouro de debaixo das pedras. E nisto se afanaron aqueles protocientíficos que, chamamos alquimistas, foron descubrindo remedios para as enfermidades e métodos para a fabricación de metais máis duros e lixeiros.

Aqueles curiosos que todos nos imaxinamos con brancas barbas e caparucho na cabeza tiñan máis de fantasiosos ca de científicos, pero debémoslles os principios da química, da física e da medicina, cando buscando un camiño para acadar a vida eterna, atoparon un remedio para mantela uns anos máis, e polo que algúns daqueles son hoxe considerados como respectados homes de ciencia. Astrónomos, físicos ou médicos que buscando a pedra filosofal encontraron novas técnicas de fabricación ou novos elementos, e xogando con matraces e probetas a alguén lle deu por destilar o bagazo e fixo a augardente e o alcol e destilando o argazo atoparon o iodo, e ambos axudaron a curar as feridas e a evitar as infeccións.

Son moitas as historias que se poden contar de como buscando ouro fixeron un descubrimento imprescindible para o avance da humanidade, ás veces tan absurdo como temperar o ferro en ouriños de neno loiro para obter un aceiro máis duro e lixeiro. Así, lembrando aqueles inventos e descubrimentos que se acadaron de forma accidental, mentres trataban de atopar un imposible, o amigo Xulio contounos o caso dun soprador de vidro en Hamburgo, chamado Henning Brandt, afeccionado a facer experimentos nas súas horas libres, quen aló por mediados do século XVII, sen portar por esas premisas populares de que non é ouro todo canto reloce, cavilou na soidade do seu laboratorio en que, se tanto os ouriños como o ouro son amarelos, algo tiña que haber entre eles que os relacionase, e daquela puxo a ferver unha ola de mexos con intención de deshidratalos ata deixar, despois dun longo proceso de secado, filtrado, quentado e arrefriado uns pos no fondo do matraz que, para maior sorpresa, brillaban na escuridade e en contacto co aire ardían.

Á desilusión por non acadar o prezado metal que lle permitiría coller un retiro anticipado e cear os mellores manxares durante o resto da súa vida, transformouse na sorpresa de atopar un elemento que nomeou con un étimo grego referente á súa luminosidade, fósforo, que só lle serviría para facer maxia de salón na casa dalgún nobre a troco dun prato de sopa. Sen embargo non se tardaría en demostrar as propiedades do novo elemento máis aló da fabricación de mistos ou da importancia que ten para a formación dos ósos.

O soño dos alquimistas continuou, cada vez con métodos máis científicos, con análise e explicación detallada dos procesos, seguindo unhas pautas ben asentadas no raciocinio. Foi a principios do século XX cando o soño dos alquimistas case se fixo realidade ó conseguir obter isótopos de ouro a partir do chumbo por medio de reaccións nucleares, aínda que estes apenas aguantaban estables uns segundos e sen chegar a formar unha diminuta pebida. Hai pouco máis de trinta anos, en California, conseguiuse obter ouro a partir do bismuto, pero o proceso é demasiado caro.

Como queira que sexa, os métodos usados serviron para abrir a porta da medicina nuclear, para a xeración de enerxía e, desgraciadamente, tamén para fabricar as bombas atómicas.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

xoves, 23 de setembro de 2021

NA ILLA DA PALMA

Por Pepe de Rocaforte




A erupción volcánica no sur da Illa da Palma, que nestes días enche as páxinas de prensa, radio e televisión, tráeme a memoria a que se produciu na mesma illa, e moi preto do lugar da actual, entre outubro e novembro de 1971. Por aquela época, cousa dun ano e pico máis tarde, a fins de abril de 1973, tiven que ir á Illa da Palma, por causa dun traballo que me enviaran a facer en Tazacorte.

Aínda daquela as historias sobre aquel cataclismo eran un dos máis usuais temas de conversación entre a xente con quen estiven e falei por alí, que non deixaba de lle dar voltas a sucesos en principio tan curiosos como o de que pouco despois de empezar a erupción as campanas da igrexa de Fuencaliente puxéranse a tocar soas ás catro da madrugada coincidindo co inicio do movemento sísmico, o cal tampouco ten nada de estraño ou sobrenatural.

O lugar por onde a materia volcánica se precipitou ó mar no suroeste da illa, ó arrefriar e solidificarse, deu lugar a unha prolongación da terra firme que lle ganou ó mar preto de trescentas hectáreas, nas cales non deixou de me chamar a atención o verdor da extensión de plataneiras que xa foran plantadas alí. O que non sei é a quen lle fora adxudicada a propiedade daquelas novas terras.

Pero no meu caso particular teñen unha maior importancia os recordos dos feitos vulgares que vivín entón, aproveitando coma un turista calquera para, nos tempos libres, visitar outros lugares da illa, empezando pola Caldeira de Taburiente, da cal me dicían que era a boca de volcán de maior tamaño do mundo, un lugar agora cuberto de vexetación no cal, se non o coñecías ben, era perigoso internarse, xa que se corría o risco de se perder e andar por alí extraviado quen sabe canto tempo. Eu non me perdín porque fun por alí acompañado dun matrimonio nativo, co cal xa hai moitos anos que perdín o contacto.

Visitei tamén, entre outros puntos dos que xa non me lembro moi ben, Porto de Naos, unha praia hoxe afogada por un amoreamento de apartamentos e construcións turísticas similares, das que naquel entón non había nin rastro. En Tazacorte, por non haber, non había un mínimo hotel onde pernoitar, polo cal tiven que coller un cuarto nun hotel de Los Llanos de Aridane, a cinco quilómetros de distancia.

E aquí vén o recordo que me trae agora á memoria algúns dos momentos máis fermosos para min daquela viaxe. Polas tardiñas, en Los Llanos, non había practicamente nada en que pasar o tempo e daquela dediqueime a dar demorados paseos polas contornas da poboación. Caía a noite e empezábase entón a ver a lúa en cuarto crecente, unha “c” ó revés, moi estreita aínda, e sobre o horizonte nocturno aparecía unha cantidade tal de estrelas como nunca na vida vira. No medio do silencio nocturno decateime daquela de me atopar en África e empeceime a encher con imaxinacións de exóticas viaxes en camelo nalgunha caravana a través do deserto do Sahara ou outro lugar parecido.

Pero esta xa é outra historia, e será mellor deixala para outra ocasión.




luns, 20 de setembro de 2021

FACENDO O CAMIÑO (26-2)


EN GONZAR

Por Pepe de Rocaforte


 

Continuación do día 12 de xuño – En Gonzar, en vista de non atoparmos outra cousa en perspectiva dispoñémonos a preparar o compango na cociña do albergue, menos mal que en previsión de algo así mercaramos todos os ingredientes necesarios en Portomarín. É dicir, todos non: cando imos quentar auga para cocer uns espaguettis decatámonos da falta de sal e non o hai na cociña. Non sabemos como facer porque no albergue non aparece ninguén a quen acudir. Cando chegamos vimos a porta aberta e entramos para nos acomodar. No cristal da porta había un cartel coa indicación de que en caso dalgún problema chamásemos ó teléfono tal, tal e tal para ser atendidos; pero non é cousa de telefonar para preguntar onde se pode atopar un pouco sal.

Daquela saio fóra e vou ata a leira onde un home e unha muller traballan co tractor. Pregúntolle se por alí polas proximidades haberá algunha tenda e respóndenme negativamente, pero a muller di que se é só polo sal non nos preocupemos que nolo dá ela e, moi amable, deixa o labor para ir á casa e saír cunha manchea del nun pratiño. “O que lle sobre déixeo alí”, dime. E pregúntame: “¿E logo hai aí moita xente?” Respóndolle que estamos seis persoas, aínda que en realidade somos oito, porque me esquecín de dous brasileiros (os primeiros que encontro empeñados en nos falar castelán). O resto somos tres vascos, o alicantino Elio, Inma e mais eu.

Polo albergue vén pasando moito xente que para un pouco tempo, descansa, toma folgos, olla o panorama e despois prosegue vía. Así farán catro simpáticas catalás, de Sabadell, gordiñas elas, comedoras de chocolatíns e lambetadas similares a todas as horas, ás cales xa viramos cousa de tres quilómetros máis atrás sentadas en roda á sombra duns carballos. Agora cóntannos que empezaron o camiño hai dous días e quéixanse xa de a cousa ser demasiado para o seu corpo, nada afeitas a camiñar, as tres oficinistas. Unha delas, ademais, ten o traballo ó lado da casa onde vive, así que xa podemos botar contas de canto anda cada día, ó que outra retruca que ela anda da porta da casa á porta do coche e da porta do coche á porta da oficina. Así e todo, hoxe queren facer uns quilómetros máis, a ver se son capaces de chegar a Ventas de Narón. Esperan dese xeito adelgazar uns gramos e eu prognostícolle que de seguiren papando chocolate a todas as horas do día de pouco lle valerá andar uns quilómetros de máis ou de menos. A máis gordecha pídeme que lle colla en peso a mochila, a ver se non me parece traballo bastante camiñar con semellante carga ó lombo e a ver se eso non rebaixa gordura. Sopésoa e calcúlolle uns sete ou oito quilos. Fínxome asombrado: “¿Pero como andas con tanto peso ás costas?” “Pois só levo o imprescindible, porque haberías ver canto lle metera de primeiras; pero o meu marido empezou, quita esto, quita o outro, bo, case nos cabreamos. Pero agora agradézollo.”

En fin, deixámolas ir e imos atender o xantar, ó que convidamos a Elio, un tanto desolado porque viña coa idea de comer de restaurante e non trae consigo nin un triste anaco de pan para levar á boca. Non lle queda, polo tanto, outro remedio que compartir as nosas provisións.

Pero a preparación dos espaguettis preséntase problemática. Na pota posta a quentar na cociña eléctrica do local hai máis dunha hora, a auga non quere ferver. Mellor dito, non pasa de estar sinxelamente morna, sen máis. Ó cabo será Elio quen busque a solución: utilizaremos a chaminea da sala de estar. Buscamos un par de bloques a xeito de trepia para asentar a pota, xuntamos un brazado de garabullos e poñémonos a cociñar a estilo rústico.


Cando por fin temos o xantar listo, despois de nos afumar coma chourizos antes de descubrir como se abría o tiro da chaminea, decatámonos doutro problema: ninguén ten saca-corchos, ou tira-rollas, e somos incapaces de abrir a botella de viño.

Volta a lle pedir auxilio á señora veciña, e volta ela toda amable a ir á súa casa, onde colle unha chave e nos leva ó bar. Sorpresa: “¿Ten vostede a chave do bar?”, preguntámoslle. E ela: “Si. A ver se abro un pouco máis tarde. ¿Hai moita xente agora no albergue?” Dígolle que catro ou cinco persoas máis e ela asinte aprobadora coa cabeza. Un pouco máis tarde saberemos que os amables veciños do sal e o tira-rollas son os propietarios do bar; pero só o abren cando no refuxio de peregrinos se xunta a cantidade suficiente de xente para garantir un pouco de negocio.

Despois de comer, a falta de mellores perspectivas, botámonos a durmir a sesta, cousa que nos vai resultar imposible, porque outro tanto se puxeron a facer dous vascos e cos seus ronquidos arman os benditos un ruído superior ó de locomotoras a toda marcha. Ímonos daquela dar unha voltiña polo lugar, a ver a igrexa, a área de descanso, as carballeiras e todo eso, e cando regresamos o albergue está a tope de xente. En consecuencia xa abriu o bar e os peregrinos toman as súas cervexas.

E agora unha nova sorpresa: a veciña que nos dera o sal e nos facilitara o tira-rollas para a botella do viño está no albergue remexendo nuns papeis. Ó cabo resulta ser ela tamén a hospitaleira, e tíñao así de caladiño.

Dinos que nos rexistremos nós mesmos e poñamos os carimbos nas nosas credenciais, segundo o máis rigoroso sistema de auto-servicio. E se temos algún problema, xa sabemos...

(Etapa 27)