sábado, 25 de setembro de 2021

Quen busca algo atopa

Dúas cousas eran e son a nosa meta desde que o mundo é mundo:  alongar a vida e acumular riquezas sacando ouro de debaixo das pedras. E nisto se afanaron aqueles protocientíficos que, chamamos alquimistas, foron descubrindo remedios para as enfermidades e métodos para a fabricación de metais máis duros e lixeiros.

Aqueles curiosos que todos nos imaxinamos con brancas barbas e caparucho na cabeza tiñan máis de fantasiosos ca de científicos, pero debémoslles os principios da química, da física e da medicina, cando buscando un camiño para acadar a vida eterna, atoparon un remedio para mantela uns anos máis, e polo que algúns daqueles son hoxe considerados como respectados homes de ciencia. Astrónomos, físicos ou médicos que buscando a pedra filosofal encontraron novas técnicas de fabricación ou novos elementos, e xogando con matraces e probetas a alguén lle deu por destilar o bagazo e fixo a augardente e o alcol e destilando o argazo atoparon o iodo, e ambos axudaron a curar as feridas e a evitar as infeccións.

Son moitas as historias que se poden contar de como buscando ouro fixeron un descubrimento imprescindible para o avance da humanidade, ás veces tan absurdo como temperar o ferro en ouriños de neno loiro para obter un aceiro máis duro e lixeiro. Así, lembrando aqueles inventos e descubrimentos que se acadaron de forma accidental, mentres trataban de atopar un imposible, o amigo Xulio contounos o caso dun soprador de vidro en Hamburgo, chamado Henning Brandt, afeccionado a facer experimentos nas súas horas libres, quen aló por mediados do século XVII, sen portar por esas premisas populares de que non é ouro todo canto reloce, cavilou na soidade do seu laboratorio en que, se tanto os ouriños como o ouro son amarelos, algo tiña que haber entre eles que os relacionase, e daquela puxo a ferver unha ola de mexos con intención de deshidratalos ata deixar, despois dun longo proceso de secado, filtrado, quentado e arrefriado uns pos no fondo do matraz que, para maior sorpresa, brillaban na escuridade e en contacto co aire ardían.

Á desilusión por non acadar o prezado metal que lle permitiría coller un retiro anticipado e cear os mellores manxares durante o resto da súa vida, transformouse na sorpresa de atopar un elemento que nomeou con un étimo grego referente á súa luminosidade, fósforo, que só lle serviría para facer maxia de salón na casa dalgún nobre a troco dun prato de sopa. Sen embargo non se tardaría en demostrar as propiedades do novo elemento máis aló da fabricación de mistos ou da importancia que ten para a formación dos ósos.

O soño dos alquimistas continuou, cada vez con métodos máis científicos, con análise e explicación detallada dos procesos, seguindo unhas pautas ben asentadas no raciocinio. Foi a principios do século XX cando o soño dos alquimistas case se fixo realidade ó conseguir obter isótopos de ouro a partir do chumbo por medio de reaccións nucleares, aínda que estes apenas aguantaban estables uns segundos e sen chegar a formar unha diminuta pebida. Hai pouco máis de trinta anos, en California, conseguiuse obter ouro a partir do bismuto, pero o proceso é demasiado caro.

Como queira que sexa, os métodos usados serviron para abrir a porta da medicina nuclear, para a xeración de enerxía e, desgraciadamente, tamén para fabricar as bombas atómicas.

(Este artigo foi publicado na sección Lingua Proletaria, na edición de Barbanza de La Voz de Galicia).

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario