xoves, 23 de setembro de 2021

NA ILLA DA PALMA

Por Pepe de Rocaforte




A erupción volcánica no sur da Illa da Palma, que nestes días enche as páxinas de prensa, radio e televisión, tráeme a memoria a que se produciu na mesma illa, e moi preto do lugar da actual, entre outubro e novembro de 1971. Por aquela época, cousa dun ano e pico máis tarde, a fins de abril de 1973, tiven que ir á Illa da Palma, por causa dun traballo que me enviaran a facer en Tazacorte.

Aínda daquela as historias sobre aquel cataclismo eran un dos máis usuais temas de conversación entre a xente con quen estiven e falei por alí, que non deixaba de lle dar voltas a sucesos en principio tan curiosos como o de que pouco despois de empezar a erupción as campanas da igrexa de Fuencaliente puxéranse a tocar soas ás catro da madrugada coincidindo co inicio do movemento sísmico, o cal tampouco ten nada de estraño ou sobrenatural.

O lugar por onde a materia volcánica se precipitou ó mar no suroeste da illa, ó arrefriar e solidificarse, deu lugar a unha prolongación da terra firme que lle ganou ó mar preto de trescentas hectáreas, nas cales non deixou de me chamar a atención o verdor da extensión de plataneiras que xa foran plantadas alí. O que non sei é a quen lle fora adxudicada a propiedade daquelas novas terras.

Pero no meu caso particular teñen unha maior importancia os recordos dos feitos vulgares que vivín entón, aproveitando coma un turista calquera para, nos tempos libres, visitar outros lugares da illa, empezando pola Caldeira de Taburiente, da cal me dicían que era a boca de volcán de maior tamaño do mundo, un lugar agora cuberto de vexetación no cal, se non o coñecías ben, era perigoso internarse, xa que se corría o risco de se perder e andar por alí extraviado quen sabe canto tempo. Eu non me perdín porque fun por alí acompañado dun matrimonio nativo, co cal xa hai moitos anos que perdín o contacto.

Visitei tamén, entre outros puntos dos que xa non me lembro moi ben, Porto de Naos, unha praia hoxe afogada por un amoreamento de apartamentos e construcións turísticas similares, das que naquel entón non había nin rastro. En Tazacorte, por non haber, non había un mínimo hotel onde pernoitar, polo cal tiven que coller un cuarto nun hotel de Los Llanos de Aridane, a cinco quilómetros de distancia.

E aquí vén o recordo que me trae agora á memoria algúns dos momentos máis fermosos para min daquela viaxe. Polas tardiñas, en Los Llanos, non había practicamente nada en que pasar o tempo e daquela dediqueime a dar demorados paseos polas contornas da poboación. Caía a noite e empezábase entón a ver a lúa en cuarto crecente, unha “c” ó revés, moi estreita aínda, e sobre o horizonte nocturno aparecía unha cantidade tal de estrelas como nunca na vida vira. No medio do silencio nocturno decateime daquela de me atopar en África e empeceime a encher con imaxinacións de exóticas viaxes en camelo nalgunha caravana a través do deserto do Sahara ou outro lugar parecido.

Pero esta xa é outra historia, e será mellor deixala para outra ocasión.




Ningún comentario:

Publicar un comentario